Visita á Pontenova dos clubs de lectura

Os clubs de lectura gozaron dunha xornada de lecer no complexo histórico e recreativo "Tirolina de minas". Moitas grazas a todas as persoas participantes.

Exposición Historia e cultura do poxo xitano

A biblioteca organizou a exposición Historia e cultura do pobo xitano da Asociación de Enseñantes con Gitanos. Durante quince días a comunidade educativa puido coñecer un pouco máis da súa historia e da riqueza cultural.

Encontro con Care Santos

O alumnado de 2º e 3º da ESO tiveron un encontro literario coa escritora Care Santos.

Na biblioteca tamén se xoga

Este curso escolar creamos un novo espazo de xogos de mesa. Grazas a colaboración e asesoramento do alumno Miguel Pellejero, do equipo de voluntariado,  contamos cun obradoiro de xogos de mesa durante todo o ano nos recreos dos martes, xoves e venres.

Encontro con Lois Pérez. Roteiro literario en Ribado

O alumnado de 2º ESO participou nun roteiro literario polos espazos nos que transcorre a novela de Lois Pérez A gruta da torre.

"AQUÍ E ACOLÁ". MAPAS LITERARIOS.

O alumnado de 2º de Bacharelato da materia de Lingua galega elaborou uns mapas literarios sobre a obra Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro.

Os traballo estiveron expostos na biblioteca.

23 de Abril: Día do libro

O alumnado de Literatura galega do século XX e da actualidade de 2º de Bacharelato fixo unha actividade de divulgación de diferentes obras da literatura galega e universal. Ao longo dos corredores do IES Monte Castelo podían lerse fragmentos de novelas e coller a referencia do título e da/o autor/a.

Podemos ler fragmentos de obras de Ledicia Costas, Mary Shelley, Manuel Rivas ou Álvaro Cunqueiro. 

tarefa literatura fragmentos.pdf
Libros Nadia-1.pdf

23 de abril: Romaría de historias

As alumnas voluntarias da biblioteca decoraron a portada e puxéronlle título ao libro

Recuperamos o proxecto de hai varios anos de escritura colectiva dun libro que iniciara Neira Vilas durante a súa visita ao centro no ano 2011. 

VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA

Contamos cun magnífico equipo de voluntariado,  sen o que non sería posible realizar as actividades que se desenvolven na Biblioteca. 

NADAL 2022

A biblioteca celebrou o Nadal con varias actividades que se desenvolveron no seu espazo, como é o caso da xincana XINCANANADAL, organizada polo profesor Paulo Martínez e as alumnas voluntarias da biblioteca, sobre o Nadal en Galicia e Portugal.

Este ano continuamos coa actividade Agasalla un préstamo. O alumnado voluntario repartiu o día antes das vacacións de Nadal os libros elixidos pola Comunidade Educativa para agasallar no Nadal.

Na "Vila de Nadal Monte Castelo", unha maqueta creada polo alumnado do centro, tamén estaba a nosa biblioteca.

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Na biblioteca celebramos o mes da ciencia en galego coa charla online da profesora de Veterinaria da USC Marta López Alonso que nos presentou o proxecto que coordina, Minerais contra o cancro,  e nos falou da importancia de ciencia na nosa vida cotiá e de como é posible facer ciencia en galego e dende Galicia.

MOCHILAS VIAXEIRAS

O programa de mochilas viaxeiras continúa un ano máis compartindo libros e lecturas coas familias do alumnado de 1º da ESO.

25 DE NOVEMBRO, DÍA DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES.

O alumnado traballou na biblioteca na elaboración de carteis para a exposición que se realizou na entrada do IES Monte Castelo.  


O alumnado voluntario deseñou unha silueta de muller na que se recollían  as mullleres asasinadas en España neste ano 2022.

Tamén se realizou unha exposición de libros na biblioteca  e na exposición da entrada.

DIVULGANDO RESISTENCIAS

O día 10 de novembro tivo lugar na biblioteca un encontro dos profesores Elter Carlos e Lourenço Gomes, da Universidade de Cabo Verde, co alumnado da comunidade caboverdiana do IES Monte Castelo.

SAMAÍN 2022


O xurado do concurso estará composto por profesorado responsable da biblioteca e dos departamentos de linguas e artes do IES Monte Castelo.
Os traballos presentados poderán ser publicados ou difundidos nos blogs, páxina web e redes sociais do IES Monte Castelo.
Os microrrelatos, ilustracións e curtas teñen que entregarse na biblioteca ou ao profesorado de linguas e artes ata o 21 de outubro de 2022.

O/a autor/a gañador/a de cadansúa categoría e modalidade recibirá un terrorífico agasallo.

BASES


Poderá presentarse ao concurso calquera membro da comunidade educativa do IES Monte Castelo, establecéndose tres categorías para cada modalidade (microrrelato, ilustración e curta).

Os relatos breves a ordenador deberán empregar as fontes Times  new roman tamaño 12.

Tamén se poderán achegar os textos manuscritos, sempre que a caligrafía sexa lexible.

Todos os microrrelatos deberán ter título e non poden exceder as 150 palabras (título non incluído).

As Ilustracións basearanse no debuxo e poderanse presentar en calquera formato.

A curta deberá durar un mínimo de 1 minuto e un máximo de 4 min.

Os recursos dixitais, música, imaxe deben  ser de autoría propia ou recursos de creative commons (libres de dereito). Deixámosvos a web do buscador: https://search.creativecommons.org

A temática dos microrrelatos, ilustracións e curtas será o terror e o medo

Os traballos presentados a concurso deberán ser orixinais.

O/a autor/a indicará, na parte posterior do folio do microrrelato ou ilustración, o seu nome, apelidos e curso.






Exposición: “A celebración do Día dos mortos no mundo”


A biblioteca organiza un traballo cooperativo sobre a celabración do Samaín  co que se trata de dar a coñecer a celebración do Día dos mortos en diversas culturas ou países (especialmente aqueles dos que temos alumnado no noso centro). Proponse que cada clase investigue sobre unha cultura ou país, guiados polo profesorado dalgunha materia e o/a titor/a.

 

 Os produtos finais serían:

1- Folleto informativo que recolla os datos e características importantes da celebración. Tamén se podería completar con información sobre ritos funerarios ou concepción da morte nesa cultura. (Faremos a redacción en galego ou, outro idioma e tradución ao galego).


2- Cuestionario con 5 preguntas (aprox.) sobre o tema investigado, que deben entregar ao profesorado coordinador ou na biblioteca.


3- Exposición: mesa decorada con obxetos representativos da celebración do Día dos mortos na cultura que traballaron + folleto informativo.


4- Premio para a mellor exposición. Valorarase: rigor na información aportada, orixinalidade, uso de materiais reutilizados, calidade da caracterización (no caso de disfrazarse).


5- Visita á exposición: a partir do 2 de novembro, cada grupo poderá visitar a exposición na hora de titoría e completar un cuestionario (elaborarémolo na biblioteca a partir das preguntas aportadas por cada clase).


O traballo vaise desenvolvendo nas aulas ao longo do mes de outubro e o venres 28 de outubro contaremos coa 3ª sesión lectiva (antes do recreo) para montar a exposición na entrada do centro. O alumnado que queira pode vir caracterizado segundo a celebración do Día dos mortos na cultura que traballou a súa clase.

DÍA DAS BIBLIOTECAS, 24 DE OUTUBRO






Este ano o lema das bibliotecas é BiblioTEcuida, que destaca o papel que teñen de servizo á comunidade. Para difundir a lectura organizamos unha actividade dirixida ao alumnado de 3º da ESO na que a biblioteca entregou de agasallo un libro de lectura para que elaborasen un bibliotráiler. Pulsando en cada libro pódese ver o bibliotráiler do alumnado.

O día das bibliotecas é un bo momento para ler nun espazo tranquilo e seguro, como é a biblioteca escolar.

                          NOVO ESPAZO LECTOR

O Día das bibliotecas inauguramos co club de lectura de Filosofía un novo espazo lector no exterior do IES Monte Castelo. Co bo tempo poderemos disfrutar da lectura ao aire libre.


Mostra das escritoras galegas das que se elaboraron chapas.

DÍA DAS ESCRITORAS, 17 de outubro. 


0 17 de outubro celebramos O día das escritoras cunha actividade realizada polo alumnado de 2º de Bacharelato na materia Literatura galeda do século XX e da actualidade.  Elixiron vintecinco escritoras galegas actuais para traballar sobre elas e elaboraron unhas chapas coas súa imaxe.

 Ademais levouse a cabo un obradoiro de elaboración de chapas na que participaron as alumnas voluntarias da biblioteca que explicaron ao alumnado interesado como facelas e agasallaron cun exemplar.

Durante esa semana tamén houbo unha exposición da obra destas escritoras galegas.


26 de setembro: Día Europeo das linguas

Dende o ano 2001 o Consello de Europa convida a celebrar a riqueza lingüística e a promover unha sociedade plurilingüe e intercultural a través de diferentes accións . A Biblioteca do IES Monte Castelo participa cun desafío lingüístico no que o alumnado ten que descubrir unha lingua a partir dun xogo de pistas.

Os nosos parabéns ao alumnado e ao  profesorado de linguas de 1º, 3º e 4º da ESO pola súa implicación e por resolver o desafío. 

Grazas ao envío de materiais do Centro Europeo de Lingua a través do Ministerio de Educació e Formación Profesional, o alumnado participante puido recibir lapis, pulseiras e adhesivos.