Correlingua 2017
Un ano máis, no mes de maio, o día anterior ás Letras Galegas, acudimos á cita do CORRELINGUA na Estrada.
Enchéronse as rúas e as prazas de centos de nenas e nenos, mozas e mozos que tinxiron de color e contaxiaron de entusiasmo a xente da vila que acabou participando dende a xanela ou a porta da casa, dende o comercio ou o banco da praza ou da beirarrúa, deste acto festivo de afirmación da identidade e amor ao idioma.
Día de palabras, de pancartas, de poesía, de bandeiras, de músicas e gaitas, día de sorrisos, de globos xigantes de colores, de manifestos e desexos; día soleado e cómplice para acompañar este acto simbólico de compromiso co país e coa lingua nun ambiente festivo e comunitario.
EN GALEGO SEN CANCELAS
EN GALEGO SEN LÍMITES
Eran os lemas dos actos deste ano, aos que se uniu o alumnado e o profesorado do IES Nº1, o noso IES:
EN GALEGO SEMPRE
Parabéns!!!