A lusofonía

Para conmemorar a lusofonía, fixemos unha xornada especial co alumnado de 1º e de 3º de ESO. Para os de 1º, organizamos breves lecturas en portugués, a cargo do alumnado desa materia, e despois agasallámolos con caraveis. Para os de 3º, organizamos o taller OPS, porque cremos que o galego, a nosa lingua, ten valor por si mesma, desde o momento en que é a lingua coa que nós, os galegos e galegas, nos identificamos como pobo diferenciado. O seu valor cultural identitario, polo menos para boa parte de nós, é innegable. Pero o galego é tamén unha oportunidade, unha valiosa ferramenta que nos permite achegarnos a un mundo, o da lusofonía, que se estende polos 5 continentes. O tronco común que une ao galego e ao portugués, xa desde o século IX, permite que poidamos entendernos con máis de 200 millóns de persoas sen apenas mediación... E isto ofrécenos posibilidades de intercambio cultural, por suposto, pero tamén comercial, e económico. Si, os galegos e galegas temos certas vantaxes á hora de relacionármonos neste mundo global en que vivimos, só temos que conseguir que a nosa mente non sexa limitadora, senón aglutinadora. E para que comecedes con este proceso de abrir as vosas mentes a todo este mundo da lusofonía do que formamos parte, aínda que non sexades conscientes, trouxemos a Graciela Lois, psicóloga e técnica de AGAL, a asociación galega da lingua, que traballa pola plena normalización do galego- portugués na Galiza.




Velaquí tedes o alumnado celebrando o Día da Lusofonía


E alumnado de 3º de ESO recibindo o obradoiro OPS de português!


Alumnado de português lendo textos no patio