Día de Castelao

AUTORIZACIÓN KAHOOT CASTELAO.pdf

Xaneiro é o mes en que naceu e morreu este ilustre persoeiro da cultura galega. Neste contexto, e coa intención de difundir a obra e a figura deste artista polifacético, e dar a coñecer a súa relación coa Estrada, a Biblioteca desenvolveu no IES numerosas actividades dirixidas aos diferentes niveis.

Actividade en colaboración co departamento de Plástica e Visual: o alumnado de 3º e 4º de ESO estiveron debuxando en táboas de madeira imaxes dos debuxos de Castelao aos que se lle engadiron frases tamén dese autor, previamente seleccionadas na biblioteca. Para iso, o alumnado pasaba pola Biblio, onde se lles daba o material necesario, e a seguir poñíanse “mans á obra” na aula de Plástica. O resultado foi incrible, como podedes ver nas imaxes da nosa Biblio, fermosamente decorada coas táboas xa rematadas.

En colaboración co departamento de orientación o alumnado de todos os niveis educativos sumáronse a unha proposta da Biblioteca: ao longo dunha semana pasaron pola Biblio nos recreos e alí se lles deu o material necesario para elaborar con cartolinas mensaxes de Castelao, extraídas do seu libro Sempre en Galiza. Unha vez rematado traballo, eles mesmos os “colgaron” nos corredores do IES, que quedaron ben vistosos, como se pode comprobar nas imaxes.

En colaboración co EDL, fixemos un kahoot sobre o autor na Biblioteca. Cada día colocabamos unha pregunta, que o alumnado viña a tratar de resolver nos recreos, e ao final da semana fixemos o Kahoot. É unha ferramenta ben divertida para eles!

Para o alumnado de 4º, colocamos nos corredores a exposición "Castelao na Terra de Montes", cedida pola asociación Vagalumes da Estrada. Son 10 carteis informativos elaborados pola Asociación da rapa das Bestas de Sabucedo, que nola cedeu o historiador estradense Xoán Carlos Garrido. Parabéns e graciñas por compartir con nós este magnífico traballo! Aquí deixamos tamén o PDF coas actividades que desenvolveron a partir dos carteis.

E xa para rematar coa lembranza de Castelao, ao longo dese mes Castelao foi, como non, o escritor do mes e en toda a Biblio había carteis con imaxes súas e toda a obra del recollida nun expositor, para que todo o alumnado puidese vela con facilidade.

Todas estas actividades teñen un obxectivo común: lembrar a figura de Castelao, do grande Castelao, que foi caricaturista, debuxante, pintor, político, escritor… tanto de novelas, como de relatos, de teatro, de ensaio… en fin, un home polifacético que sempre traballou por e para Galicia…

E se queredes saber máis de Castelao, na Biblio tedes a exposición cos seus libros… podedes botarlles un ollo, ler, levalos para a casa… en fin… o que vos apeteza…

Moitas grazas! Agardámosvos a todos e todas!

CASTELAO NA TERRA DE MONTES.pdf
Preguntas para Kahoot Castelao.pdf
roteiro_castelao_na_estrada.pdf
CASTELAO E A ESTRADA KAHOOT.pdf

Velaí tedes as preguntas que aparecerán no kahoot sobre Castelao.

Pasade pola Biblio e tratade de resolvelas. Temos material bibliográfico que sen dúbida vos resultará de interese.