Mes da ciencia en galego

A Biblioteca do noso IES anda xa argallando actividades para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego. Para iso, tivemos reunións coas coordinadoras dos outros IES da Estrada e con membros de diversos departamentos do noso propio centro.


De novo desenvolveremos unha charla na Academia de Seguridade, na que un prestixiosísimo científico nos vai axudar a entender o valor da ciencia, e da ciencia en galego, que por algo esta actividade se enmarca dentro do Mes da Ciencia en galego. Queremos así dar valor aos científicos que utilizan a lingua galega e demostran cada día que o uso do galego non só non é un demérito para eles, senón, moi ao contrario, é un valor engadido. E este ano, o noso convidado será o catedrático de Medicina legal da USC Angel Carracedo, que nos vai agasallar cun relatorio titulado: "Pescando xens"


Ademais, ofrecerémosvos un díptico con interesante bibliografía científica, que poderedes atopar na nosa biblio.

E os departamentos de ciencias farán actividades específicas para celebralo, como experimentos científicos nos recreos ou unha fermosa exposición de cunchas.

Agardamos que participedes!


O Equipo da Biblioteca, en colaboración co departamento de Ciencias, organizou unha actividade ao longo do mes de novembro, para achegar ao alumnado as distintas cunchas e moluscos de Galicia.

Grazas a unha fermosa colección que nos prestou un excompañeiro, fixemos na biblioteca unha exposición de cunchas, coidadosamente colocadas en vitrinas. O alumnado de 1º de ESO realizou actividades diversas, elaboradas por Jorge, o profesor de ciencias, e todo o mundo se pasaba pola biblio para mirar e admirar esta interesante mostra.