Inicio do curso

BENVIDA AO NOVO CURSO


A Biblioteca do IES Nº 1 dávos a benvida a todos e todas ao novo curso.

E comezamos coma sempre, facendo os carnés para o novo profesorado e alumnado, organizando as gardas lectoras, enviando a enquisa sobre os vosos hábitos lectores... E con algúns cambios, debidos á especial situación que nos toca vivir este ano: distanciamento entre os postos de lectura, hixiene de mans e de lugares, eliminación do recanto de lecer, supresión da zona de xogos...

Agardamos que sigades vindo pola Biblio, a pesar destas novas normas que sabemos resultan algo incómodas!

O alumnado de 1º ESO recibirá os carnés de usuario@s e as novas bolsas para as gardas lectoras; proximamente poderedes decoralas con Jano, o voso profesor de Plástica e Visual. Esforzádeos, que pode haber premio!

Infomámosvos tamén de que estamos á espera de que saia a convocatoria dos Clubs de lectura... miraremos como podemos argallar de seguir compartindo lecturas, aínda que non sexa de modo presencial. Estade atentos e atentas!

E este ano, ademais, continuaremos con proxectos de colaboración con Radio Estrada, que tanto vos gustou o curso pasado. Teremos que ir pouquiños de cada vez, xa que na Radio tamén temos límite de aforo, pero ao longo do curso poderedes ir pasando tod@s @s interesad@s!

E para o novo alumnado de 1º de ESO, teremos unha sesión na Biblio de apertura simbólica das portas. E, coma sempre, exolicaránsevos as normas de uso, as novas normas derivadas da Covid-19 e ofrecerémosvos un petisco delicioso, para que vos quede bo sabor de boca!

BENVID@S Á BIBLIOTECA DO NÚMERO 1!

Imaxe que reflicte a sesión cun dos grupos, mantendo as distancias polo protocolo Covid!


E velaquí a enquisa sobre os hábitos lectores, que ha sernos de utilidade...