A Programación Xeral Anual contén a proposta organizativa e curricular que con carácter anual elabora o centro como concreción do Proxecto Educativo e do Proxecto Curricular, para garantir o desenvolvemento coordinado de todas as actividades educativas, o correcto exercicio das competencias dos distintos órganos de goberno e a participación de todos os sectores da comunidade escolar.
A programación Xeral Anual é elaborada polo Equipo Directivo do Centro, tendo en conta as deliberacións e acordos do Claustro e do Consello Escola, é informada polo Claustro de profesores no ámbito da súa competencia e elevada para a súa aprobación posterior ao Consello Escolar do Centro, que debe respectar en todo caso os aspectos docentes que competen ao Claustro.
A PXA é de obrigado cumprimento para todos os membros do centro.
Para o noso centro a expresión "innovación pedagóxica", tan presente no ámbito educativo actual, non indica só experimentar con novas metodoloxías ou incorporar tecnoloxía na aula, se non que se encadra nun proceso de actualización metodolóxica que parte da nosa identidade carismática e do noso desexo de adaptarnos e dar resposta á realidade educativa que vivimos, buscando mellorar a calidade da educación que ofrecemos e de dar o mellor aos nosos alumnos.
Por tanto, entendemos que a innovación debe entrar no noso centro para dar unha mellor resposta ás necesidades actuais da escola e estar aliñados cos demais centros salesianos. A innovación é unha parte do proceso de actualización pedagóxico-pastoral do centro. Falamos de innovación metodolóxica, innovación TIC e TAC e de innovación pastoral
A formación permanente é un dereito e un deber de todo o profesorado, e uha responsabilidade do propio centro.
A política de calidade do centro establece a necesidade de estimular unha formación humana, profesional, cristiá e salesiana entre os educadores, como expresión de compromiso e como visión de futuro do propio centro.
A formación permanente é necesaria e fundamental para o desenvolvemento do noso labor educativo diario.
O noso centro está inmerso no Plan Inspectorial de Escolas Salesianas de renovación metodolóxica e de implantación das TAC, o que fai necesaria a formación específica do profesorado nestes ámbitos.
As accións contempladas no presente plan non esgotan outras que poidan establecer a titularidade se así o considera necesario, o que deberá ser oportunamente comunicado o profesorado. De igual modo, tampouco esgota outras accións formativas que realice cada un dos profesores tendo en conta os propios centros de interese.
“PROTAGONISTAS DA HISTORIA”
(Lema do curso 2025-2026)
Sentimos, por intuición e experiencia, que o noso “Somos futuro!”, estaba cargado de esperanza. Esperanza que agora nos chama a seren “PROTAGONISTAS DA HISTORIA”. Non hai vidas anónimas, senón que cada quen vive a súa historia, e a vive en grupo, en aula, en equipo, en comunidade, en familia… Esta crónica persoal, máis vivida que contada, é sempre ‘unha historia de salvación’. Con todos os nosos avances e retrocesos, coas nosas voltas e revoltas, coas nosas caídas e rexurdimentos, somos “PROTAGONISTAS DA HISTORIA”. O devir existencial do curso 2025-2026!
Trátase dunha nova oportunidade para aprender, medrar e deixar pegadas. É unha invitación para vivir cada día con conciencia, compromiso e valentía. Non somos simples espectadores do que ocorre ao noso redor. Somos actores principais, coa capacidade de transformar a realidade e escribir, cos nosos feitos e decisións, páxinas únicas e irrepetibles nunha historia persoal e colectiva. Todo isto implica preguntarse cada día: que podo achegar?, como podo mellorar este mundo?, de que forma podo deixar unha pegada positiva?
Curso e lema pastoral inspectorial para o mesmo
É verdade que existe a historia que se le nos libros, feita por personaxes irrepetibles… A nosa, non menos importante, técese no cotián: na palabra que anima, no xesto que consola, no esforzo por superar unha dificultade, no traballo en equipo, na escoita atenta, na solidariedade silenciosa… Todos e cada un, desde o noso lugar, somos esas persoas insubstituíbles e únicas que temos a posibilidade de marcar a diferenza. Por iso somos, sen a menor dúbida, “PROTAGONISTAS DA HISTORIA”, desas accións e xestos que son sempre ‘unha historia de salvación’.
E porque somos herdeiros da esperanza (“Somos futuro”!), o lema do presente curso quere espertar en nós a certeza de que aínda queda moito por facer, e que cada un ten algo esencial que aportar. Non estamos chamados a repetir o pasado, senón a construír un futuro diferente e novo. O noso futuro pasado, ten un esperanzador futuro. Somos “PROTAGONISTAS DA HISTORIA”.
Por iso chámasenos a fomentar a participación activa, o pensamento crítico, o compromiso social e a procura do ben común. Queremos educar persoas conscientes da súa historia e protagonistas do seu tempo, capaces de mirar ao mundo con esperanza e traballar con outros para transformalo. Somos convidados a “acoller, vivir e agasallar” unha crónica vital que chegará a ser marabillosa porque estamos chamados a “camiñar xuntos”, como “PROTAGONISTAS DA HISTORIA”.
Curso 2025-2026! Un reclamo esixente para vivir a historia, para ser parte activa dela, para escribila. Porque cada un de nós é protagonista dunha vida que paga a pena ser contada, porque é unha historia irrepetible e única da que nós somos protagonistas. Iniciamos a aventura; comezamos ‘esta historia de salvación’.
Isidro Lozano
Nas Escolas Salesianas entendemos a orientación académico-profesional como parte dun proceso máis amplo: a Orientación Vocacional. A Orientación Vocacional é un aspecto fundamental no noso centro, pois é un dos eixos do sistema educativo salesiano. Dende a nosa opción pola formación integral, entendemos que o último fin da educación é axudar a cada persoa a encontrar un sentido na súa vida e prepararse para afrontala de forma adulta e adaptada.
A finalidade fundamental do POAP é axudar a cada alumno ou alumna a tomar decisións realistas sobre o seu futuro en consonancia coas súas aspiracións, crenzas, valores e proxecto de vida, conxugando a visión a curto e longo prazo.