Esta semana comezamos revisando o funcionamento dos recantos e os obxectivos que cada neno e nena se propón de maneira individual e colectiva. Fixemos tamén un repaso da exposición oral de Olivia, que quedara pendente de recoller por escrito, e fomos anotando a información máis relevante que ela quería transmitir.
No ámbito lingüístico, seguimos afondando na clasificación de palabras agudas, graves e esdrúxulas, e realizamos tarefas de comprensión lectora centradas especialmente nas respostas inferenciais: aquelas nas que hai que ir máis alá do texto e deducir o que non aparece de forma explícita. Ademais, retomamos os textos libres iniciados a semana pasada e fixemos unha posta en común para mellorar o estilo, enriquecer expresións e aplicar correctamente as regras de acentuación.
Cómpre destacar que ao longo da semana dedicamos tamén un tempo específico á revisión e práctica sistemática da acentuación. Volvemos sobre erros frecuentes detectados nos textos do alumnado, repasamos casos especiais e elaboramos pequenos exercicios de corrección que permitiron aplicar as normas dentro de situacións reais de escritura. Pouco a pouco, vaise notando unha maior atención á colocación do acento e á lectura crítica dos propios escritos.
No tramo dos contextos de aprendizaxe, seguimos avanzando na segunda rolda dos tres proxectos actualmente en marcha: o universo, as enerxías e o obradoiro de medios de comunicación.
A celebración do Samaín ocupou unha parte importante da semana. Nas sesións previas, traballamos recantos específicos relacionados co manexo de billetes e moedas, a simetría, a interpretación de gráficas, a escrita de recomendacións lectoras e a localización xeográfica das marabillas de Galicia. Foi un traballo moi variado, con propostas que permitiron conectar o Samaín cos diferentes ámbitos do currículo.
Dentro das asembleas, seguimos co noso espazo de noticias da actualidade. Virgi trouxo unha nova sobre a intelixencia artificial e o despedimento de traballadores do sector tecnolóxico nos Estados Unidos, o que deu pé a un debate moi interesante sobre os cambios que estamos a vivir e como a IA xa forma parte da vida diaria (as chamadas automatizadas, por exemplo). Aproveitamos para reforzar as cinco preguntas clave dunha noticia: quen, como, cando, onde e por que, e cada alumno recolleu as respostas na súa axenda.
Outra das tarefas destacadas foi a recollida de datos sobre os hábitos alimentarios das merendas das distintas clases da escola. Esta información estanos a servir para traballar a interpretación de gráficas, incluíndo diagramas de barras, e introducir vocabulario e conceptos relacionados co tratamento de datos.
Tamén continuamos avanzando nos recantos da semana, e a maioría do grupo conseguiu finalizar polo menos unha parte importante das cinco propostas. O avance foi especialmente notable no recanto de lóxica matemática e no de divisións, así como no dedicado ás representacións gráficas.
O noso espazo de coñecemento do mundo seguiu presente a través das noticias: Ruy compartiu unha lectura sobre a entrada de xornalistas na franxa de Gaza, o que nos levou a recuperar reflexións feitas hai un mes sobre a situación da poboación palestina e a importancia de que existan testemuñas directas que poidan contar o que acontece no territorio. Ao final da semana, Noa trouxo outra nova relacionada co desprendemento dun gran iceberg no hemisferio norte e o descubrimento de especies mariñas descoñecidas. Analizamos as imaxes e falamos sobre se sería posible que estes seres estiveran vivos dadas as condicións extremas de temperatura e profundidade.
Non faltaron tampouco os nosos espazos habituais: o apadriñamento lector cos nenos e nenas de 2º de Primaria e o club de lectura, no que seguimos avanzando con Diario de Susi, diario de Paul. Mantivemos a dinámica dos dous grupos lendo en paralelo e xogando a adiviñar que conta cada narrador a partir das pistas que eles mesmos escollen. Para a próxima semana, recolleremos por escrito as ideas principais dos novos capítulos.