Este libro naceu como un blog cando o Lor chegou á casa.
Todos os seres vivos temos dúas aventuras: aprender a vivir e aprender a morrer. Neste libro nárranse as aventuras do Lor mentres deprendía a vivir entre a cidade de Ourense e os lugares da miña infancia. Creo que a calquera que lle gusten os cans encontrará pracer na lectura deste libro.
É certo que o libro non ten un remate, en parte porque os diarios de adolescencia simplemente abandónanse nun caixón un día, e aí quedan, agardando curiosidades alleas ou propias. E en parte porque sempre quixen seguir contando a súa historia, pero hai feridas que non curan e non son ainda quen de darlle fin a esa segunda parte, a esa segunda aventura que todos debemos afrontar.