RELATO EXPRESS
Este libro, que non consta como tal en ningún arquivo ou base de datos, foi o resultado da máis tola e divertida de todas as ideas que a un se lle teñen acordado para promocionar a literatura.
Dentro do VII (ou foi o VIII? xa non recordo) Encontro de Escritores Ourensáns, auspiciado pola fenecida Literauria, a AELG, e coa imprescindible colaboración de Xavier Paz, do Che que nos regalou esta magnífica capa, dos rapaces de ASPANAS -Deus me perdoe se me equivoco, que me falla moito a memoria- que compuxeron os cadernos e os coseron ao estilo antigo, e sobre todo, de todos os que quixeron colaborar, conseguimos facer o milagre de compoñer, editar e imprimir un libro de relatos en menos de vintecatro horas. Un libro que tiña a peculiaridade de que cada relato debía incluír cinco das palabras poporcionadas polo público na sesión de presentación do Encontro.
Gocei como un anano maquetando e coordinando a edición desta peza, en compañia do Xavier, que tanto estrañamos.