CONTÉN OS RELATOS:
O sangue do año. 5
A coca e os danzantes. 7
A bruxa. 9
A peeira dos lobos. 11
A cova da serpe. 14
1. 15
2. 16
3. 17
4. 18
5. 19
6. 20
7. 21
8. 22
9. 23
10. 24
MOSTRA:
A COCA E OS DANZANTES
Foi polos primeiros de agosto, cando os frades se emperraron en cambiarlle o nome á Lugnasad dicindo que era a Festa da Luz. A luz dun deus novo, que viñera ao mundo nunha terra distante para morrer por todos os homes e darlles a posibilidade da vida eterna. Os frades viñeran padricar convidados polo conde, que acabou entregándolles os terreos do fondo da aldea, que, por variar, non eran seus, senón do común, e dos que el non podía dispor sen o consentimento da xente, pero como preguntou rodeado de cen homes con espadas, á volta dunha das súas campañas no Sur, das que volvía podre de ouro e co favor do rei, ninguén chiou, e así foi como aqueles homes deron en querer cambiar as nosas vidas, para que puideramos ser gratos ao seu Señor e gañar a vida eterna no seu ceo.
Foi polos primeiros de agosto cando a Coca espertou, despois de trescentos anos, e apareceu no ceo, subindo desde o río grande, ese que nos arreda dos limeses. Cuspiu unha labarada no teito de colmo da casa dos frades, abrasando a tres ou catro e deixando espida a cruz que adoraban. Eu andaba no corgo, procurando unha pouca leña, e vina achegarse á aldea, aterrar no medio do lugar e chimpar catro ou cinco casas como quen non quere a cousa, arrapañar o que lle petaba e, cargada coa Xana, a filla do Nemedao, volver cara o río e desaparecer...