Úrsula Andrea Martínez

"O futuro sen o noso potencial é menos futuro." Úrsula Andrea Martínez

Explicación das imaxes:

A segunda imaxe é un simulador de campo magnético terrestre no cal vese a estrutura de 6 bobinas cun núcleo de madeira dispostas de tal maneira que no espazo do seu interior poidase crear un campo magnético da intensidad e dirección que se queira. Na outra imaxe vese a electrónica, o microprocesador e os drives que regulan a intensidad da corrente que circula por esas bobinas.

Biografía

Úrsula Andrea Martínez naceu na cidade de Pontevedra o 17 de novembro de 1997. Creceu nesa mesma cidade e estudou a secundaria e o bacharelato no IES Valle-Inclán, onde lle deron unha moi boa formación académica. Neses anos Úrsula tamén era bailarina de ballet clásico. Anos depois marchou a Madrid para estudar na UMP (Universidade Politécnica de Madrid) o grao de Enxeñería Aeroespacial e o Máster en Enxeñería Aeronáutica que está facendo agora. Tanto no instituto como na súa etapa universitaria participou nalgúns torneos de debate a nivel galego e nacional.

Formación académica

  • Grao en Enxeñería Aeroespacial (2015-2019) na Universidade Politécnica de Madrid

  • Estudante de Máster Universitario de Enxeñería Aeronáutica (2019-actual) na Universidade Politécnica de Madrid

  • Internship no E-USOC (2019), centro de investigación e desenvolvemento na ciencia espacial delegado da ESA (Axencia Espacial Europea) e pertencente á UPM

  • Bolsa de colaboración MEC (2019-2020) para investigación na Escola Técnica superior de Enxeñería Aeroespacial

Produción científica

  • Actualmente traballa no deseño de experimentos para a ISS (International Space Station) no E-USOC

  • Integrante do equipo de organización do proxecto de educación ambiental Climántica (2015-actual)


Para máis información:

https://www.farodevigo.es/galicia/2021/04/22/hay-chicas-renuncian-vocacion-carreras-48552223.html?utm_source=facebook


Entrevista

1. Cando naceu o teu interese polas ciencias?

"Dende moi pequena gustáronme as ciencias. No colexio gustábanme moito as materias científicas e tamén investigaba cousas pola miña conta. Sempre me gustou ler sobre o espazo. Ademais, cando era pequena non había obxecto desmontable na miña casa que eu non montase e desmontase dez veces. Gustábame abrir calculadoras, ratos de computador ou calquera xoguete con parafusos e ver que había dentro, motivada por querer saber como funcionaban esas cousas. A curiosidade sempre a levei comigo."


2. Que te motivou a dedicarte a iso posteriormente?

"Creo que non houbo nada que me motivase especialmente. Gustábame a ciencia en xeral, gustábame descubrir e gustábame aprender, así que adicarme a algo do ámbito científico parecíame a opción que máis acorde ía coa miña maneira de ver o mundo. Se tivese que dicir algo que me axudou a decidirme sería estudar tecnoloxía no instituto. Tiña unha profesora marabillosa que me axudou a confirmar que eu de maior quería ser enxeñeira."


3. Por que campo STEM decidiches decantarte?

"A enxeñaría espacial. Estudei a carreira de Enxeñaría Aeronáutica e actualmente estou a terminar o Máster en Enxeñaría Aeronáutica, especializándome na rama de vehículos espaciais. Paréceme un dos ámbitos máis interesantes da ciencia, no que se pode ser moi creativa e non existe un límite coñecido. Os grandes proxectos que virán nos próximos anos a nivel mundial quizais sexan unha estación lunar (como a Estación Espacial Internacional, pero orbitando a Lúa) e as viaxes a Marte tripuladas. Pertencer a un campo STEM no que se desenvolven ese tipo de proxectos é realmente emocionante."


4. En que estás a traballar actualmente?

"Actualmente atópome traballando nas primeiras etapas de deseño e fabricación de prototipos dun experimento para a Estación Espacial Internacional. Trátase de investigar o comportamento de certos materiais cando se varía a súa temperatura por encima e por debaixo do punto de fusión nunha contorna de microgravidade. Hai moitas cousas que funcionan de maneira distinta no espazo polo feito de non haber forzas gravitatorias, e esta é unha delas."


5. Que é o que máis te enche do teu traballo?

"Atopar solucións a problemas. Calquera proxecto consiste, basicamente, niso: pór un problema encima da mesa e traballar até chegar á solución óptima. Nese proceso, van aparecendo moitos problemas que habitualmente non son de fácil solución. En numerosas ocasións solucionar un deses problemas supón empeorar outro, así que é un proceso complexo no que hai que ter moitas cousas en conta. Chegar a solucións e ver que as cousas que tanto che custou deseñar funcionan é un sentimento moi reconfortante."


6. Notaches diferenzas no trato entre os dous sexos e as oportunidades que se lle brindan a cada un?

"Na miña experiencia persoal, non notei diferenzas a nivel profesional. As únicas diferenzas de trato que notei foron por parte de compañeiros na carreira. É certo que nalgunhas reunións de grupo nas que era a única muller tiña que dicir as miñas opinións co dobre de seguridade que calquera outro para que foran tidas en conta, ou ter que ser extremadamente persistente e asertiva para que entenderan que estabamos a facer mal unha cousa e tiñamos que cambiala. Nestes casos creo que hai que identificar o problema. Intento ser consciente de que estou nunha situación frustrante por ser muller e non deixo que iso me desgaste, senón ao contrario, tento saír de aí máis reforzada e con máis seguridade en min mesma."


7. Cres que isto cambiou co paso dos anos? Se a resposta é SI, grazas a que cres que isto foi posible? Se a resposta é NON, que consellos nos darías para enfrontármonos a unha vida chea de estereotipos?

"Por suposto que cambiou. Antes na miña escola de Enxeñaría había pouquísimas mulleres e o trato que se lles daba era claramente diferente. Agora, exceptuando cousas como as que comentei e situacións machistas que non se dan só no ámbito das ciencias, temos un trato igualitario. Sen ningunha dúbida foi grazas ás que viñeron antes. Elas si que tiveron que aguantar situacións realmente inxustas para que o meu paso pola Enxeñaría estea a ser como é. Ademais, os cambios tamén se deben a que en liñas xerais a sociedade avanza cara a unha estrutura menos machista e máis feminista. Hai que seguir traballando para que o avance non se estanque."


8. Á hora de traballar, menosprezáronte por ser muller?

"Para nada. No meu traballo nunca fun menosprezada por ser muller."


9. Como tomou a túa familia a túa elección de carreira, ciclo, etc.? Apoiáronte ou tamén se ven influenciados polos estereotipos?

"Na miña familia apoiáronme dende o primeiro momento nas miñas eleccións, é máis, reforzáronas. Nunca me transmitiron estereotipos neste sentido e están moi orgullosos das miñas decisións."