Verónica Bolón Canedo

"Fagamos visible o invisible. Porque non pode ser o que non se pode ver. Porque non se pode considerar importante o que non se coñece." Verónica Bolón Canedo



Biografía

Naceu en 1984 en Carballo (A Coruña), onde estudou Educación Primaria e Educación Secundaria. Á hora de decidir carreira despois de estudar Bacharelato, sentíase atraída polas enxeñerías, escollendo finalmente Enxeñería de Telecomunicacións na UVIGO.

Ao comezar a cursar esa carreira deuse conta que non era o que realmente a enchía, polo que optou por cambiar de carreira a Enxeñería Informática na UDC. Unha vez alí descubriu que a Informática non era como pensaba, e sorprendeulle que a Física e as Matemáticas, que tanto lle gustaban, tiñan un papel moi importante.

Á hora de escoller o tema do seu TFG recordou unha materia que lle gustara especialmente, a Intelixencia Artificial, na que nos afirma que algo que a animou foi que posuía grandes referentes femininos, por iso incide na importancia das mulleres que serven de referencia para atraer vocacións científico-tecnolóxica entre as nenas. Finalmente, grazas a isto, abríronselle as portas á súa gran paixón profesional: a investigación da Intelixencia Artificial.


Formación académica

  • Doutora en Computación (2010-2014) con mención Internacional e premio extraordinario de doutoramento pola Universidade da Coruña (UDC). Tese: Novel feature selection methods for high dimensional data, con cualificación de Sobresaliente Cum Laude

  • Diploma de Estudos Avanzados (2009-2010) pola Universidade da Coruña

  • Enxeñeira en Informática (2003-2009) pola Universidade da Coruña

Produción científica

  • Participou en seis proxectos nacionais financiados polo Goberno de España, un proxecto europeo H2020, dez proxectos rexionais financiados pola Xunta de Galicia e tres proxectos con diferentes empresas

  • Publicou 39 artigos en revistas anexionadas no prestixioso ranking Journal Citation Report (JCR), 30 delas no primeiro cuartil, así como máis de 40 artigos en congresos internacionais e 3 libros na prestixiosa editorial Springer e a maiores 7 capítulos máis. Conta tamén cun total de 2955 citas

  • Responsable do nodo INSPIRA STEM na Coruña

Recoñecementos e logros

  • Bolsa predoutoral concedida pola Xunta de Galicia, de 2011 a 2014

  • Bolsa posdoutoral concedida pola Xunta de Galicia, de 2015 a 2016

  • Premio Nacional á mellor proposta de Tese Doutoral en Intelixencia Artificial, outorgado pola Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA), en 2011

  • Premio á mellor Tese Doutoral en Intelixencia Artificial, outorgado por AEPIA, en 2014

  • Premio Francés Allen á mellor tese doutoral en Intelixencia Artificial realizada por unha muller, outorgado pola AEPIA en 2015

  • Premio extraordinario de doutoramento, outorgado pola Universidade da Coruña en 2015

  • Bolsa Leonardo a Investigadores e Creadores Culturais 2018, da Fundación BBVA

ENTREVISTA

  1. Cando naceu o teu interese polas ciencias?


"Cando era pequena era moi curiosa, e co paso dos anos tiven claro que era unha persoa máis de ciencias ca de letras. Gustábanme moito as matemáticas, a física…"


  1. Que te motivou a adicarte a iso posteriormente?


"No momento de escoller carreira, tiña claro que me gustaría estudar unha enxeñaría, xa que me decantara por un bacharelato centífico-tecnolóxico, e sabía que as enxeñarías tiñan bastantes saídas profesionais."


  1. Por que campo STEM decidiches decantarte?


"Nun primeiro momento empecei Enxeñaría de Telecomunicacións na Universidade de Vigo. Como non me convencía de todo, ao acabar o primeiro ano cambieime a Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña (UDC)."


  1. En que traballas actualmente?


"Actualmente traballo como docente na Facultade de Informática da UDC e investigo no campo da Intelixencia Artificial."


  1. Que é o que máis te enche do teu traballo?


"O mundo da investigación gústame moito, é un traballo no que nunca te aburres. En particular, investigar en Intelixencia Artificial é moi satisfactorio xa que é unha materia multidisciplinar e transversal, que permite abordar unha gran variedade de problemas. Creei algoritmos para axudar a detectar enfermidades (retinoparía do prematuro, apnea do sono, insuficiencia cardíaca); para detectar vertidos no océano; para detectar ataques en redes de computadores ou incluso para poder ser aplicados en dispositivos intelixentes do tamaño dun anel."


  1. Notaches diferenzas no trato entre os dous sexos e nas oportunidades que se lle brindan a cada un?


"Eu persoalmente non notei diferenzas, aínda que si coñezo casos de compañeiras que foron a congresos e pensaban que estaban alí acompañando o seu marido. No meu caso particular, en informática só o 13% do alumnado son mulleres. Porén, eu nunca notei diferenzas durante a carreira, e nunca me sentín menos capaz que os meus compañeiros homes de facer o meu traballo.


  1. Cres que isto foi cambiando co paso dos anos? Se pensas que si, grazas a que cres que isto foi posible? Se pensas que non, que consellos nos darías para enfrentármonos a unha vida chea de estereotipos?

"Eu creo que si que se notou un cambio xa que afortunadamente hoxe en día hai moitas iniciativas para fomentar o papel da nena na ciencia e nas carreiras tecnolóxicas. O Día da muller e a nena na ciencia, o Día Internacional das nenas nas TIC, Wisibilízaas, Inspira STEAM… Espero e desexo que, con todas estas iniciativas, as nenas de hoxe poidan escoller libremente o seu futuro, sen deixarse levar polos estereotipos. Non é cuestión de que todas as nenas se dediquen á ciencia, senón que é cuestión de que cada nena sexa o que realmente queira ser. Tamén é moi importante, por suposto, a parte de visibilización. Eu dígoo sempre, as mulleres científicas e as tecnolóxicas temos unha dobre responsabilidade, xa que ademais de facer ben o noso traballo, tamén debemos visibilizarnos para que as nenas saiban que existen mulleres nestas profesións, e que non somos “bichos raros”."


  1. Á hora de traballar, algunha vez fuches menosprezada por ser muller?


"Eu, particularmente, estou integrada nun grupo de investigación coordinado por unha muller, e no que a metade somos mulleres, polo que é como unha burbulla. No meu día a día non son consciente de que teño unha profesión na que só o 13% somos mulleres. Fun moi afortunada e nunca me sentín menosprezada polo feito de ser muller, pero son consciente de que é un problema que existe, e é serio."


  1. Como tomou a túa familia a elección da túa carreira, ciclo, etc.? Apoiáronte ou tamén se viron influenciados polos estereotipos?


"A miña familia sempre me apoiou para ser o que eu quixese ser, e en ningún momento cuestionaron a elección da miña profesión nin se viron influenciados polos estereotipos."


Vídeos relacionados