Laura Castro Santos

"Todas as cousas precisan paixón." Laura Castro Santos

Biografía

Laura naceu o 2 de novembro de 1985 en Betanzos, vila onde actualmente reside cos seus dous fillos. Con 16 anos fixo a expedición Ruta Quetzal, auspiciada pola UNESCO e dirixida por Miguel de la Quadra Salcedo, onde percorreu as selvas de Panamá e Costa Rica, o que supuxo un antes e un despois na súa forma de entender o mundo. Ata os 20 anos estivo nunha asociación de música tradicional, onde bailaba e tocaba a gaita. Máis tarde estudou Enxeñería Industrial, especializándose en Enerxética en Ferrol, onde tamén fixo o seu doutoramento. Actualmente é mestra axudante e doutora no Departamento de Enxeñería Naval e Industrial na Universidade da Coruña. Aínda que traballou en Cracovia (Polonia) e en Lisboa (Portugal), gustaríalle seguir viaxando e coñecer novas culturas.

Formación académica

  • Diploma de Estudos Avanzados (DEA) na Universidade da Coruña (UDC)

  • Máster Universitario en Prevención de Riscos Laborais na Universidad Camilo José Cela (UCJC)

  • Máster Universitario en Comunicación da Responsabilidade Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC)

  • Empresarial (RSE)

  • Formador ocupacional (380 h) no Instituto Europeo de Estudos Empresariais

  • Diploma Executive en Gestión de Empresas Industriales (240 h) na Universidad Rey Juan Carlos

  • Inxeñería Industrial na Universidade da Coruña (UDC)

  • Posgrao Citius de Iniciación Profesional en la Empresa (380 h) na Universidad Autónoma de Madrid

  • Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP)(150 h) na Universidade da Coruña (UDC)

  • Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais (3 especialidades) (800 h) na XUNTA DE GALICIA

  • Máster Universitario en Enxeñería Marítima (especialidade Investigación e Innovación) na Universidade da Coruña (UDC)

  • Doutoramento Internacional pola Universidade da Coruña na Enxeñería naval e oceánica da Universidade da Coruña (UDC)

  • Máster en loxística e transporte da Universidade da Coruña

Produción científica

  • Profesora de formación económica

  • Profesora Contratada Interina de Sustitución TC Departamento de Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade da Coruña

  • Profesora substituta do corpo de Profesorado técnico de formación profesional da Xunta de Galicia

  • Departamento Mecánico Central Térmica Ciclo Combinado (CTCC) na Endesa Generación

  • Departamento de Resultados Unidad de Producción Térmica (UPT) na Endesa Generación

  • Participou en seis proxectos relacionados co mar e a súa auga

  • Publicou numerosos artigos

  • Estivo traballando en varios centros estranxeiros, como Italia ou Irlanda

  • Dirixiu unha tese doutoral sobre os factores de competitividade dos estaleiros na era global na ría de Ferrol

Entrevista

  1. Cando naceu o teu interese polas ciencias?


"Realmente o meu interese polas ciencias foi moi inesperado xa que estou na universidade por casualidade. O meu obxectivo cando empecei a facer a carreira non era estar na universidade nin moito menos, pero si é verdade que cando tiña 16 anos fun á Ruta Quetzal. Era unha expedición á selva en Panamá e Costa Rica con Miguel de la Quadra Salcedo. Faciamos varios cursos e íamos a clases con xente da Universidade Complutense de Madrid, e dentro desa expedición eu fixen un traballo e seleccionáronme. Aquí foi onde me din conta do que quería facer porque me marcou o interese por outras cousas. Pero non foi directamente pensar: “vou ser científica”."


  1. Que te motivou a dedicarte a iso posteriormente?


"Fixen prácticas na universidade e despois na central térmica das Pontes, primeiro estiven na térmica e despois no ciclo. Nese ano que estiven no ciclo ao mesmo tempo estaba a facer o doutoramento. Logo tiven a sorte de que saíron moitas prazas e presenteime a varias delas, e foi aí cando empecei a adicarme ao meu traballo."


  1. Por que campo STEM decidiches decantarte?


"Actualmente a miña liña de investigación son as enerxías renovables mariñas. Eu son enxeñeira industrial, pero dou clase en enxeñería naval, entón digamos que a enerxía eólica mariña é como unir as dúas enxeñerías: a naval e a industrial."


  1. Que é o que máis te enche do teu traballo?


"A min o que máis me gusta é que é variado, é dicir, un día dás clase, outro día vas a unha conferencia, outro día vén unha persoa moi interesante e vas vela, outro día estás co alumnado axudándolle, etc. Por exemplo, hoxe tivemos un tribunal de rapazada á que lle dirixín o STEMbach. Como vedes, cada día é unha cousa diferente e para min é moi importante, ou sexa, ao mellor estar nunha oficina facendo sempre o mesmo non me gustaría."

"Ademais, o trato co alumnado éncheme moito, eu son investigadora pero gústame moito dar clase, de feito este ano foi un pouco complicado polo tema das clases online, pero si que é verdade que o trato coa xente e coñecer cada ano persoas novas paréceme moi interesante."


  1. Notaches diferenzas no trato entre os dous sexos?


"A ver, eu estudei enxeñería industrial e cando estudei a carreira xa había mulleres, pero si que é verdade que no meu departamento, por exemplo, non hai ningunha catedrática nin rectoras mulleres (hai dúas en toda España), é dicir, creo que nos queda moito por acadar. Estamos en camiño a ver se o conseguimos. Cabe dicir que no grupo no que estou somos todas mulleres."

"Eu agora dirixo dous proxectos de investigación e é raro que mulleres no ámbito da enxeñería dirixan proxectos."


  1. Cres que isto cambiou co paso dos anos?


"Creo que si. Eu dou clase de enxeñería naval e hai moi poucas mulleres, a excepción da industrial, pero si que creo que hai máis que anos atrás. Si que é verdade que creo que segue habendo unha brecha. Por exemplo, teño dous fillos: un neno pequeno e unha nena, e vas comprarlles un xoguete e é imposible non comprarlle algo rosa á nena, e coa roupa igual. Estas cousas si que creo que seguen existindo. Pero no meu contorno todo o mundo fai o que quere, nunca tiven problemas con iso."


  1. Que consello nos darías para enfrontármonos a unha vida adulta chea de estereotipos?


"O meu consello é que vos esforcedes por conseguir o que queirades, porque eu creo que se o facedes, chegaredes a conseguilo, é dicir, é difícil en xeral estar en investigación, é difícil estar en investigación sendo muller, e logo ter fillos moito máis. Pero eu creo que se un se esforza, conségueo. Ao final a sociedade quizais está avanzando cada vez máis e máis rápido, polo que é algo que se pode conseguir."


  1. Á hora de traballar, algunha vez fuches menosprezada por ser muller?


"Houbo unha persoa con algún comentario, pero díxomo dúas veces, non máis, pero é verdade que de momento só foi ese caso particular. Eu tamén creo que hai xente cunha mentalidade de hai anos."


  1. Como tomou a túa familia a elección da túa carreira, ciclo, etc.? Apoiáronte ou tamén se viron influenciados polos estereotipos?


"A miña familia sempre me apoiou. Miña nai traballaba nun banco e meu pai traballaba nun aparcamento; ningún relacionado coas ciencias nin coa enxeñería industrial. Sempre me deixaron facer o que eu quixera e apoiáronme económica e persoalmente. Nunca tiven problemas."


Vídeos relacionados