Cristina Portalés Ricart

"Na ciencia, como na vida mesma, é tan importante observar as cousas como facelo baixo distintos puntos de vista. Un só punto de vista é simplemente insuficiente para descubrir a riqueza das cousas." Cristina Portalés

Biografía

Naceu en Valencia en 1978. Creceu en Massanassa, onde cursou os seus estudos de EXB, mentres que a ESO a estudou en Catarroja. Sempre se sentiu atraída polas matemáticas, a xeometría e o debuxo técnico, polo que á hora de escoller carreira decantouse por unha enxeñería.

Comezou os seus estudos na Universidade Politécnica de Valencia, e ao cuarto ano trasladouse a Viena, onde finalizou a súa carreira despois de tres anos. Ao volver a España, cursa estudos de doutoramento e decide adicarse de cheo á investigación.

Durante a súa formación, realizou estancias na Universidade de Nottingham (Reino Unido) e na Universidade Tecnolóxica Nanyang (Singapur). Sente paixón polo traballo interdisciplinar e desempeña o seu labor en equipos moi divesos, aplicando a súa investigación principalmente á dixitalización e interacción do patrimonio cultural. Concretamente, no pasado ano 2020 foi merecedora dunha axuda posdoutoral Ramón y Cajal, o que lle permite continuar coa súa carreira na Universitat de València.

Formación académica

  • Dobre titulación en Enxeñería xeodésica e cartografía pola Universidade Politécnica de Valencia e Technische Universität Wien

  • Investigadora no Laboratorio de Realidade Mixta da Universidade de Nottingham

  • Investigadora no Centro de Investigación de Interacción e Entrenamento da Universidade Nanyar de Singapur

  • Investigadora no Ramón e Cajal no instituto de Robótica e Tecnoloxía da Información e Comunicación

  • Docente na Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universitat de València

Produción científica

  • Participa en numerosas investigacións relacionadas coa documentación dixital e visualización interactiva do patrimonio cultural

  • Publicou máis de 90 artigos ou capítulos en revistas e libros

  • Experta avaliadora en propostas 7PM e H2020 na área das TIC

  • É a editora xefa adxunta da revista científica Multimodal Technologies and Interaction

Entrevista

  1. Cando naceu o teu interese polas ciencias?

"Dende pequena, xa no colexio a materia que mellor se me daba eran as matemáticas. Tamén me gustaba moito o debuxo de xeometrías. Recordo de cando estaba na EXB uns exercicios de reproducir figuras cun eixo de simetría, ou de debuxar figuras rotándoas 90º a dereita ou esquerda. Encantábame. Sabía que me adicaría a algo que tivese que ver con estas materias. Tamén, a nivel de xogos, os meus pais orientáronme ben; nunca tiven unha Barbie, pero si moitos xoguetes de Lego."

2. Que te motivou a adicarte a iso posteriormente?

"Foi moi natural. Simplemente, ao finalizar o instituto había que elixir unha carreira universitaria, e iso fixen. Tiña nota para entrar na que quixera, e elixín unha que tivera matemáticas e debuxo técnico. Por aquel entón, tamén me influenciou unha materia optativa que tiña no instituto, a de xeoloxía. Por iso, na elección da miña carreira universitaria, quixen elixir unha que tamén tivera relación con esta materia. Decanteime pola Enxeñaría en Xeodesia e Cartografía."

3. Por que campo STEM decidiches decantarte?

"Decanteime pola enxeñaría, posto que me parecían unhas carreiras moi aplicadas a solucionar problemas reais. Considérome unha persoa moi creativa e, precisamente, a enxeñaría trata diso, non? Hai que ter moito “enxeño” para propor solucións que respondan aos retos que van xurdindo."

4. En que estás a traballar actualmente?

"Son investigadora no Ramón e Cajal. Actualmente, estou a coordinar dous proxectos de investigación, un deles dentro do programa marco H2020. O outro, con subvención do BBVA. Tamén son docente na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universitat de València. Dou clases nas materias de expresión gráfica e de visualización de datos. Profesionalmente, non podería imaxinar un escenario mellor."

5. Que é o que máis te enche do teu traballo?

"Todo. Encántame o meu traballo. Quizais podería dicir o que menos me gusta: a precariedade laboral que aínda existe no ámbito da investigación. Polo demais, gozo cada día do que fago. A investigación permíteme levar á práctica as miñas ideas, crear cousas novas, ao mesmo tempo que crecer persoalmente grazas ao traballo en equipo. A docencia permíteme asentar os meus coñecementos, ordenar as miñas ideas para poder transmitilas. Vexo ambas actividades, investigación e docencia, como complementarias."

6. Notaches diferenzas no trato entre os dous sexos e nas oportunidades que se lle brindan a cada un?

"Si, sufrino en primeira persoa, máis veces das que me gustaría. Cando cursei os meus estudos de enxeñaría, non notei moita diferenza, a verdade, pero si no mundo laboral. Sempre tiven a sensación de que non se me tomaba en serio, como a outros compañeiros. Pensaba, será porque son nova? Pasaron os anos, e a cousa non cambiou moito. Así que cheguei á conclusión de que era por ser muller. O máis grave que me ocorreu é que non me renovaran o meu contrato de investigadora, nunha universidade pública española, estando embarazada de oito meses. Ao resto dos meus compañeiros si llelo renovaron, aínda sendo eu a única investigadora do grupo (a parte do director) que era doutora e que, ademais, tiña un currículo brillante. Nese momento tíveno claro, ser muller é un hándicap. De feito, cando souben que ía ser nai dun neno, sentinme aliviada. Pensei: “que ben, el terao máis fácil na vida”. Tiña claro que para min non ía ser fácil seguir coa miña carreira profesional. Pero fíxeno."

7. Cres que isto cambiou co paso dos anos?"Está máis visibilizado, si, pero cando hai crise a que máis sofre é a muller. Por exemplo, pensemos que nun grupo de investigación, nunha empresa, etc. falta financiamento debido á crise, e a persoa responsable debe decidir a quen deixa na rúa. É máis fácil (dá menos cargo de conciencia) non renovar a unha muller xa que, supostamente, non é a persoa que a nivel familiar achega o sustento principal. Creo que esta idea segue estando presente na mente de moitas persoas, así que non axuda en nada a que a muller teña as mesmas oportunidades de crecemento profesional dentro da súa contorna laboral."

8. Á hora de traballar menosprezáronte por ser muller?

"De forma directa non, indirectamente si. Ou non é menosprezo non prestarche atención cando falas, cortar as túas frases ou facer caso omiso das túas indicacións cando estás a liderar un proxecto? Podería pór moitos outros exemplos. Houbo unha tempada que me preparei a min mesma para dar respostas rápidas e concisas, para que me prestaran atención. Ademais, parece que unha non se pode equivocar nunca. É bastante estresante, a verdade."

"En cuestión de liderado, quizais moitos e moitas esperan caracteres autoritarios, que dean puñadas na mesa cando algo vai mal. Pero o certo é que as mulleres non temos altos niveis de testosterona, é unha condición biolóxica, e a min non me dá a gana de imitar eses comportamentos para gañar autoridade. Parécenme anticuados e fóra de lugar."

"Doutra banda, hei de admitir que, a día de hoxe, estou rodeada de compañeiros cos que traballo moi a gusto e creo que me teñen en alta estima. Teño a sorte de estar nun bo sitio, e por suposto non todos os homes son, o que eu denomino, uns “australopithecus”."

9. Como tomou a túa familia a túa elección de carreira?

"Ben. A nivel familiar, déuseme total liberdade de elixir a miña carreira profesional. Hei de dicir que non tiña ningún referente familiar para elixir unha enxeñaría. Fun a primeira, e a primeira doutora."