Marta Pérez Pereiro


"As ferramentas do amo non poden desfacer a casa do amo." Audre Lorde

Biografía

Marta Pérez Pereiro naceu en Vigo no 1976 e actualmente é profesora e doutora na Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago, onde imparte docencia na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade. Doutorouse en 2007 coa tese titulada Modalidades humorísticas na comedia televisiva galega. Humor e ideoloxía na fórmula televisiva da comedia de situación, coa que obtivo o premio extraordinario de doutoramento. É membro do grupo de investigación Estudos Audiovisuais e Centro de Estudos Fílmicos (CEFILMUS) da USC. Tamén, dende 2019, é secretaria da Asociación Galega de Investigadoras e Investigadores de Comunicación (AGACOM) e dirixe, xunto con Margarita Ledo, o Seminario Permante CO(M)XÉNERO sobre comunicación e a rendición de contas dos medios de comunicación. Sobre estes temas participa en numerosos proxectos de investigación e publicou en revistas científicas de primeiro nivel.

Formación académica

  • Doutoramento en Comunicación Audiovisual e Periodismo na USC (Universidade de Santiago de Compostela)

  • Graduada en Comunicación na University of Glamorgan (Reino Unido)

  • Licenciada en Periodismo na USC

Produción científica

  • Traballa no departamento de ciencias sociais da comunicación da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago

  • Categoría profesional: contratada doutora

  • Publicou numerosos artigos científicos e diversos capítulos de libros

  • Participou en numerosos proxectos de investigación e publicou en revistas científicas de

primeiro nivel

Entrevista

  1. Cando naceu o teu interese polas ciencias?

"A miña disciplina son as Ciencias Sociais, que son un campo de investigación moi amplo e no que se inclúe a carreira que estudei, xornalismo. Desde que era moi pequena o meu gran desexo foi ser xornalista para poder contar e, sobre todo, explicar determinadas cuestións sociais, económicas, políticas, culturais… Con todo, no meu escaso contacto coa profesión, deime conta de que o exercicio do xornalismo permitía contar, achegar certas realidades ao público, pero que, polos seus ritmos, impedía profundar nos feitos e contar os seus porqués en toda a súa complexidade, polo menos como eu o entendía. Por iso, en lugar de seguir por esa vía profesional, completei os meus estudos en Gran Bretaña e matriculeime no doutoramento."

  1. Que te motivou a seguir profesionalmente?

"O estudo da comunicación é unha área relativamente recente dentro das Ciencias Sociais e é moi transversal, é dicir, a través da análise da comunicación e de ver como nos pomos en contacto entre nós, que inventamos para facelo, que mensaxes son relevantes… pódese acceder a outros elementos de organización da sociedade. A min interésanme moito os "cultural studies", unha rama do estudo da cultura que nos permite achegarnos a todo tipo de fenómenos e que tende a tratar temas nas marxes. Interésanme, nese sentido, temas “pequenos” como o cine de baixo orzamento, o cine en linguas minoritarias, o humor no audiovisual, o cine feito por mulleres… Non son asuntos menores, pero digamos que non ocupan a centralidade do discurso da investigación en comunicación."

  1. Que traballo tes actualmente?

"Na actualidade, ademais de ser profesora na Universidade de Santiago, onde imparto materias como Produción Cinematográfica, Cultura Audiovisual Contemporánea ou Montaxe cinematográfica, investigo no Grupo de Investigación de Estudos Audiovisuais. Nestes momentos, dentro do ámbito da investigación, estou a traballar nun proxecto con investigadores de todo o estado sobre desinformación e fake news. Sigo tamén escribindo sobre small cinemas, o nome que engloba a un tipo de cine que non é Hollywood, nin de gran orzamento, e dirixo o Seminario Permanente CO(M)XÉNERO, no que cada ano abordamos asuntos distintos sobre xénero e comunicación. En anteriores edicións traballamos o tema dos diarios íntimos, a muller nos videoxogos, as mulleres migrantes, etc."

  1. Que é o que máis te enche do teu traballo?

"O traballo de investigación, combinado coa docencia, é moi esixente e moitas veces non temos o tempo suficiente para poder facelo coa calma suficiente. O que máis me enche é poder ler, mergullarme nun tema, poder pasar horas e horas facendo traballo de biblioteca. Nese sentido, o meu traballo incorpora unha das miñas grandes paixóns, que é poder ler sobre calquera tema, porque unha parte importante de facer ciencia, no meu caso dentro das ciencias sociais, é conectar fenómenos que son aparentemente distantes e observalos cunha nova luz."

  1. Notaches diferenzas entre os dous sexos á hora do traballo?

"Segue habendo unha importante brecha de xénero no traballo de investigación e na docencia. Nos ámbitos nos que dou clase, Comunicación Audiovisual, as mulleres son moitas máis que os homes e, con todo, custa nomear máis que unha lista de directoras de cine, por exemplo. No traballo académico pasa o mesmo. Chegamos poucas e a estabilidade laboral é moito menor. No meu caso particular, creo que me custou máis chegar a certas cousas que a algúns compañeiros e segue acosándome, a pesar dos anos de experiencia (empecei a traballar na universidade no 2004), a chamada “síndrome da impostora”. Custoume, sen ir máis lonxe, aceptar facer esta entrevista porque non sabía que podería a miña carreira achegar a un tema tan relevante como a presenza da muller nas ciencias."

  1. Cres que isto cambiou co paso dos anos?

"Houbo algúns avances derivados da toma de conciencia das mulleres de que nos custaba todo moito máis, máis tempo, máis esforzo… Hai tamén un cambio de rumbo de xénero importante no acceso a determinadas carreiras, pola masculinización ou feminización de certas tarefas na vida social, que se estenden despois aos estudos aos que optas. Isto foi cambiando, pero moi timidamente, é dicir, segue habendo un déficit importante de mulleres en carreiras denominadas técnicas, coma se non houbese técnica en todo, e un déficit de homes en estudos adicados a actividades asociadas aos coidados, como a enfermaría ou as ciencias da educación."

"Dende o punto de vista profesional, sigo pensando que os nosos compañeiros homes non senten que sexa algo que vaia con eles. A loita pola igualdade é cousa case exclusiva das mulleres na universidade. Hai un espazo e un financiamento para o traballo de investigación en xénero, pero é como unha cousa á marxe, que se ten que facer pero que non ten a importancia que merece."

  1. Como tomou a túa familia a túa elección?

"Pois obviamente moi ben, moito mellor que ser reporteira de guerra, que era a miña fantasía infantil."

  1. Destacarías algunha inspiración?

"Non sei a que vos referides con isto, entendo que a algunha ou algún investigador que me marcou… Nese sentido para min foi crucial atoparme con Margarita Ledo, que é agora a directora do meu grupo de investigación. Cando empecei os meus estudos, abriume a cabeza cara a outros temas, cara a outros autores e outras autoras. É importante que nos estudos siga existindo unha figura que te guíe. Gustaríame, no desenvolvemento da miña actividade, poder facer iso, axudar a outras e outros a que atopen o seu camiño."

  1. Contas con algunha frase coa que te sintas identificada?

"A verdade é que non teño ningún lema nin frase que me sirva a ese nivel. Teño unha gran cantidade de cadernos nos que vou apuntando citas de autoras e autores por traballo e por pracer, ideas que se cadra me serven pasado moito tempo, que conectan con outras actuais."