O Convento do Rosario encóntrase situado no centro urbano. Na súa orixe foi un antigo hospital e igrexa dos cabaleiros da Orde Templaria, que se disolvería a comezos do século XIV. A historia considera que a presenza templaria en San Sadurniño se remonta ao século XII, pero o primeiro testemuño escrito é do 1248. Trala disolución da orde en 1312, o edificio quedou en ruínas e sobre elas ergueríase dous séculos máis tarde o convento, auspiciado polos primeiros señores de San Sadurniño, Fernando de Andrade e a súa dona Inés de Castro e Lanzós -filla do líder irmandiño Alonso de Lanzós- quen morrería antes de ver os seus dominios convertidos oficialmente en señorío.
O convento na honra de Santa María estivo xestionado nun principio por agustinianos, logo por franciscanos e, desde 1570 por dominicos, que o levarán durante os seguintes 250 anos, até a desamortización de Mendizábal en 1835. Foi empregado entón como casa reitoral ata que en 1863 se ampliaron os usos a escola, casa dos mestres e Casa do Concello. De feito, a ala oeste do antigo convento sería casa consistorial ata o 2014. A fachada exterior e o adro foron rehabilitados en 2008 e en 2014 tamén se rehabilitou a cuberta do edificio. Antes daquela o conxunto xa pasara por múltiples modificacións e obras.
Escritos medievais indican que a igrexa de San Sadurniño xa existía no ano 830, é sabido que foi hospital -posiblemente de peregrinos que ían a Santo André de Teixido- e tamén se sabe que a igrexa primitiva era na advocación de Santa Olaia.
As edificacións que hoxe vemos -claustro e igrexa- rematáronse en 1755 e de aí que se mesturen algúns elementos góticos, barrocos e neoclásicos. No presbiterio consérvase un arco e crucería do século XVI, a fachada e o retablo maior son barrocos, mentres que nos brazos e en parte da nave os retablos xa son neoclásicos. O claustro está composto de 28 arcos, 7 por cada lado e ata hai pouco rodeaban un xardín interior con buxos e árbores froiteiras. Nunha das esquinas aínda conserva un reloxo de sol.
Desde 2014 o contorno está presidido pola figura de bronce do Sagrado Corazón de Xesús, réplica a escala da do Cerro dos Anxos, encargada por Natividad Quindós a principios do século XX. A imaxe colocouse inicialmente ao pé do río Xubia e nos anos 70 trasladouse aos xardíns do pazo ata que en 2014 o Concello lla cedeu á Igrexa para emprazala definitivamente no convento.
Outros elementos destacados son a escaleira de toelo que comunica a sancristía co primeiro andar do claustro, o cruceiro do adro e o hórreo -tamén de toelo- que orixinariamente estaba situado no lugar que hoxe ocupa o cemiterio parroquial. Cómpre sinalar tamén a fonte á que se chega desde un dos laterais do hórreo baixando unha escaleira con 50 chanzos dispostos en cinco tramos, cadrando co rosario que os dominicos empregaban na súa oración.
Á parroquia de San Sadurniño tamén están vinculadas as capelas de Santo Cristovo da Portela e a de Santiago de Silvalonga, erguida a finais dos 60 para substituír outra máis antiga derrubada poucos anos antes. No antigo campo da feira aínda se conserva, ademais, a Capela de Belén, mandada construír polos señores de San Sadurniño vencellando o seu mantemento futuro ao patrimonio do marquesado.
Historia do Convento do Rosario
O que queda da igrexa románica de San Sadurniño por Margarita Sanchez
Análise do sartego de Juan Freire de Andrade. Margarita Sánchez
Análise do retablo da Igrexa do Convento do Rosario por Margatrita Sánchez
Análise do sartego de Inés de Castro e Lanzós. Margarita Sánchez. (2014)
Análise do sartego de Fernando de Andrade. Margarita Sánchez. (2014)
Localización: 43°31'58.4"N 8°04'23.2"W
Visitas: A igrexa de Santa María a Maior e o claustro do Convento do Rosario están abertos case todos os días do ano e sempre durante as fins de semana. Ao claustro pode accederse libremente, pero para visitar as estancias da igrexa recoméndase falar antes co párroco. A Capela de Belén tamén está aberta todos os días do ano con entrada libre, mentres que as de San Cristovo e Santiago só son visitables naqueles días do ano en que se celebra culto.