San Sadurniño quedará na zona de sombra proxectada pola eclipse total de Sol do mércores 12 de agosto de 2026. Un fenómeno único nas nosas vidas que se poderá observar en toda a súa plenitude desde o noso concello. É máis, San Sadurniño e o resto da comarca serán o mellor lugar do mundo para ver a eclipse, que comezará ás 19:30h e finalizará ás 21:21h.
O intre máis agardado e espectacular durará iso, un intre de pouco máis de minuto e medio, entre as 20:27h e as 20:28h, momento no que a paisaxe se escurecerá completamente -case coma se fose noite- mentres que no ceo poderemos ver a Lúa como un grande punto negro interpoñéndose entre nós e o Sol.
O máis importante do día 12 de agosto será asegurarnos de que protexemos os nosos ollos de maneira adecuada durante a observación do eclipse. E é que mirar a eclipse sen protección, incluso cerca da totalidade, pode causar danos irreparables na vista. Por iso...:
✔ Utiliza exclusivamente lentes homologadas para observar eclipses, certificadas segundo a norma EN ISO 12312-2 e que conten co marcado de fabricación CE. Se usas lentes graduadas, coloca por riba delas as lentes da eclipse, termando delas coas mans para que se cingan ben aos cristais e o nariz se fose necesario.
✔ Comproba que as lentes homologadas estean en bo estado. Se presentan riscaduras, roturas ou calquera deterioración, non as empregues.
✔ Coloca sempre as lentes antes de mirar ao Sol e non as retires mentres exista algunha parte do disco solar visible. A forma correcta e baixar a cabeza, poñer as lentes e despois mirar ao ceo. Iso si, ten en conta que as lentes só son necesarias para mirar directamente ao Sol.
✔ Non perdas de vista ás nenas e nenos, xa que os seus ollos son máis sensibles á radiación solar e ademais seguramente non sexan conscientes do perigo que corren por mirar ao Sol sen protección. Tampouco perdas de vista ás persoas maiores. Asegúrate de que levan ben colocadas as lentes homologadas.
X Nunca mires directamente ao Sol sen protección. E incluso coas lentes postas, fai observacións breves, de non máis de 30 segundos cada vez, descansando entre unha e outra.
X Non empregues nunca métodos caseiros como lentes de sol, pantallas ou cristais de soldar, cristais afumados, radiografías, CDs ou DVDs, negativos fotográficos nin calquera outro método sen homologación.
X Non apuntes cámaras, teléfonos móbiles, prismáticos ou telescopios cara ao Sol sen filtros solares específicos. A luz solar pode estragar internamente os aparellos e algúns deles poden provocarche lesións moi graves nos ollos.
X Por seguridade, non uses prismáticos, telescopios e teleobxectivos se non posúes coñecementos avanzados sobre medidas de protección na observación deste tipo de fenómenos astronómicos e, en calquera caso, o filtro solar debe colocarse sempre diante do obxectivo, nunca no ocular.
✔ As lentes homologadas só se poderán retirar durante o breve momento da totalidade da eclipse, que se producirá na nosa zona entre as 20:27:07 e as 20:28:42h. En canto reapareza o primeiro raio de Sol, volve poñer inmediatamente as lentes antes de mirar de novo ao ceo. Mentres o Sol estea totalmente oculto -lembrade só minuto ese minuto e medio- a escuridade será case como a da noite, de modo que para admirar ese momento culminante -e emocionante- teredes que quitar as lentes ou non veredes absolutamente nada. Insistimos de novo: só entre as 20:27:07 e as 20:28:42, un minuto e trinta e cinco segundos.
✔ Escolle con antelación un bo lugar de observación, cun horizonte despexado cara ao solpor -o Oeste- e sen edificios, montes nin árbores que dificulten a visión. Aproveita estes días para buscar, aconsellámosche utilizar o visor móbil do IGN para comprobar que posición terá o Sol no momento central da eclipse. Non fai falla instalar a aplicación, só hai que darlle permiso á web para utilizar a cámara e a nosa situación para calcular a posición.
✔ Ah, e mentres agardas pola eclipse, bota crema solar, pon gorra, hidrátate ben e se estás no monte, bota tamén repelente de insectos indicado para as carrachas!.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 será un fenómeno astronómico excepcional, visible como eclipse total en San Sadurniño e noutras zonas de Galicia. Agárdase a chegada de miles de persoas para vivir este evento único, polo que se recomenda planificar os desprazamentos e consultar a información oficial e meteorolóxica nos días previos.
No seguinte vídeo, que recolle a charla ofrecida polo profesor da USC Jorge Mira Pérez na Casa da Cultura, explícase en que consistirá o fenómeno e que precaucións hai que tomar para desfrutar del con total seguridade.
Para vivir esta experiencia nas mellores condicións, recomendámosche escoller uns días antes un lugar elevado e cun horizonte libre de edificios, montes ou masas arboradas que poidan impedir a visión. No territorio municipal hai moitos sitios, aínda que debes ter presente que a maioría deles non están preparados para acoller grandes aglomeracións de persoas nin dispoñen de aparcadoiros axeitados. Ademais, o Concello de San Sadurniño non ten capacidade para levar a cabo un dispositivo de seguridade axeitado e, por esta razón, o mapa que che ofrecemos a continuación só é unha referencia de lugares máis ou menos accesibles que ofrecen unha situación e orientación adecuada para a observación, en ningún caso se trata dun listado de espazos recomendados para seguir o evento astronómico.
Ligazóns de utilidade:
Documento de recomendacións de seguridade e observación elaborado polo Consello da Cultura Galega, coordinado polo profesor Jorge Mira
ESA (Axencia Espacial Europea): Mapa global da eclipse 2026
NASA Eclipse Explorer: Mapa interactivo da NASA
Time and Date: Horarios e simulacións do eclipse
Ferramenta española de planificación: Tres Eclipses
Información específica para a nosa zona: Datos completos da eclipse en Ferrolterra
A principal ameaza para desfrutar do fenómeno non será a duración da eclipse, senón a meteoroloxía. Recoméndase ter dúas ou tres localizacións alternativas preparadas e decidir o destino definitivo segundo as previsións das últimas 24-48 horas. En Galicia, unha diferenza de poucos quilómetros pode significar ceo cuberto nun punto e completamente despexado noutro.