Chegar, xantar, durmir, comprar

As principais vías de acceso a San Sadurniño son a estrada AC-862 Ferrol-Ortigueira e a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba. Ademais, San Sadurniño tamén está comunicado por tren a través da liña de RENFE de ancho métrico Ferrol-Ribadeo que ten estación en Silvalonga e un apeadoiro en Lamas.

A empresa Arriva tamén presta servizo en San Sadurniño coas liñas que cobren o traxecto Ferrol-Viveiro, Ferrol-As Pontes-Vilalba, Ferrol-Lugo e Ferrol-As Somozas.

Unha vez en San Sadurniño xorde a pregunta de onde se pode pernoctar e, máis que nada, onde se pode degustar a rica gastronomía da zona. A primeira pregunta ten resposta doada: o único aloxamento que hai no territorio é a Casa de Turismo rural Outeiro -no centro de San Sadurniño-, en alugueiro para grupos. Conta con piscina, cancha de tenis, cociña e cunha oferta de 16 camas. Iso si, non ofrece servizo de restaurante nin de habitacións durante o período de alugueiro. Ademais deste tamén hai inmobles turísticos dispoñibles -e con distintos prezos- en plataformas dixitais.

Relativamente preto de San Sadurniño temos outros aloxamentos certamente económicos, como o Hostal-restaurante Delfino, en Moeche. A máis distancia, aínda que non moita, pódese facer noite nalgún dos establecementos situados no polígono do Río do Pozo, a escasos 10 minutos en coche do centro de San Sadurniño vindo pola AG-64.

Cómpre ter en conta, ademais, que calquera punto de San Sadurniño está a entre 15 e 20 minutos dos principais areais de Ferrol e Valdoviño e tamén relativamente preto das Fragas do Eume.


Área de servizos para autocaravanas

Ademais, no entorno do paseo fluvial tamén existe unha área de servizos para autocaravanas con espazo para pernoctar. Conta con iluminación solar nocturna, dúas prazas para o baleirado de augas grises e wc químicos e punto para o enchido de auga. Para utilizar este servizo é obrigatorio rexistrarse á entrada a través deste formulario.

A área encóntrase nun lugar moi tranquilo preto da AC-862 e, ademais, dispón nun radio de 500 metros de unha panadaría, dous supermercados, peixaría, farmacia, centro médico, oficina de Correos, caixeiro automático, posto da Garda Civil, dous restaurantes e varias cafetarías.


Produtos da terra á mesa

Para xantar e cear si hai unha ampla oferta sen saír do municipio. En San Sadurniño hai 19 establecementos hostaleiros entre bares e restaurantes. Neles pódese facer parada para repoñer forzas, para tomar un rico café, gozar da parola de final do día ao redor dunha copa ou para desfrutar da boa mesa. Tanto o noso concello como os da volta son produtores de carnes excelentes -maiormente de vacún e año/cabrito-, así como de verduras, mel, queixos e outros derivados lácteos coma o requeixo.

De todos eles pode darse boa conta en restaurantes, mesóns e casas de comidas como Os Cazadores (Santa Mariña do Monte), A Granxa (en San Sadurniño, ao pé do paseo fluvial e cun entorno ideal para pasar o día en familia), O Muíño do Pepe (pechado temporalmente), a Parrillada María Queira, en Igrexafeita e a Parrillada Riboira, situada en Lamas ao pé da estrada de Ortigueira. Ademais destes, tamén hai establecementos que traballan baixo demanda: o Mesón o Ferrador (Outeiro, San Sadurniño) e o Café Bar Eladio, en Naraío, especializado en carnes asadas en forno de leña que só atende encargas para levar.


San Sadurniño encóntrase nun punto estratéxico para achegarse aos destinos de mar e montaña do norte da Coruña
Área de servizos para autocaravanas
Área de servizos para autocaravanas

Restaurantes

Casa Eladio - Naraío (só encargas)

Os Cazadores - Santa Mariña do Monte

O Ferrador - San Sadurniño

A Granxa - San Sadurniño

O Muíño do Pepe (pechado temporalmente)

Parrillada María Queira - Igrexafeita

Parrillada Riboira - Lamas

Bares-cafetarías

Atrium - San Sadurniño

Casa Castrillón - Lamas

DZINE - San Sadurniño

Del Palacio - San Sadurniño

Bar Ferreira - Ferreira

Inxerto (Café/panadaría) - San Sadurniño

Lembranza - Camiño Arriba

O Campo - Naraío

Santos - San Sadurniño