Poesía entre liñas

Presentación do proxecto

Poesía entre liñas é un proxecto colaborativo entre a Biblioteca Escolar e os Departamento de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés, Francés e Latín do IES Valadares para conmemorar o Día da Poesía, o 21 de marzo.

Mentar a palabra “poesía” nunha aula chea de adolescentes provoca reaccións tan intensas como: “Non, iso non! Aborrecemos a poesía! Case preferimos a sintaxe!!!”. Pero o que non saben é que iso non é certo; si que lles gusta a poesía, só que aínda non recoñecen os camiños para achegarse a ela. Por iso nos puxemos a investigar como podiamos facer para conseguir que o noso alumnado se atrevese a compoñer poesía sen arredrarse ante a vértixe do papel en branco, da dificultade para atopar as claves do que necesitan comunicar, da vergoña de expoñer e expoñerse ante os outros. E foi así como descubrimos a Blackout Poetry, que nos pareceu o xeito idóneo de acadar o noso propósito. Porque esta corrente poética consiste, básicamente, en partir dun texto que xa está impreso e, empregando un rotulador negro, ir eliminando todas cantas palabras nos sobren para “rescatar” o poema que está agochado baixo a prosa cotiá, coma quen descobre un tesouro enterrado. E iso vén sendo a poesía: rescatar entre o ordinario as palabras que, unha vez xuntas, nos levarán directas ao extraordinario.

Que é a Blackout Poetry?

A Blackout Poetry, tamén chamada Poesía Opaca, Poesía Escura ou Destrución Creativa, consiste en agochar as palabras que non se precisan dunha folla de libro, xornal, revista… e deixar visibles só aquelas que conformarán o noso poema.

É unha idea orixinal do autor, debuxante e deseñador web Austin Kleon, que afirma o valor de inspirarse no traballo dos demais para comezar o noso propio. Pero non podemos deternos aí, na mera copia, senón que debemos intentar achegar algo que, á súa vez, sirva de inspiración a outros.

“A Poesía Blackout céntrase na reordenación das palabras para crear un significado diferente. Tamén coñecida como newspaper blackout poetry, nela o autor utiliza un marcador permanente para eliminar as palabras ou imaxes que ve como innecesarias ou irrelevantes para o efecto que está tratando de crear. A idea central é deseñar un novo texto a partir das palabras e das imaxes publicadas con anterioridade, pero que, ao cabo, o lector é libre de interpretar como queira.”

Ralph Heibutzki (en Demand Media )

Como se fai Blackout poetry?

Buscamos un par de palabras ou frases “áncora” no artigo do xornal que usamos ou da páxina do libro que escollemos.

A partir de aí imos seleccionando as palabras que nos sirvan para completar o significado que hai agochado baixo o texto e que nós iremos descubrindo como un tesouro para crear o noso poema. O resto, o que o poema ocultaba á vista, elimínase cun rotulador negro, cunha pintura, con typex, con ceras…