“O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza. Pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura. É un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.”
Castelao, Sempre en Galiza
En outubro de 2017 todos vivimos con anguria e impotencia a vaga de lumes que arrasou os nosos montes. É certo que naquelas xornadas déronse unhas circunstancias excepcionais: escasa humidade, ventos fortes… Tamén sabemos que a maldade e a ignorancia humanas estiveron detrás do inicio da traxedia.
Porén, non debemos esquecer que houbo outros factores que influíron no desastre final. O evidente abandono das terras de cultivo nas últimas décadas e a colonización das mesmas por maleza e especies invasoras coma as mimosas e outras acacias é un deles. Outras causas derivan tamén do éxodo rural: a desaparición de camiños e corredoiras que faciliten o desprazamento dos medios de extinción, o non aproveitamento gandeiro do mato e, por encima de todo, as plantacións de especies arbóreas de rápido crecemento como piñeiros e, sobre todo, eucaliptos, como medio de obter un rendemento rápido desas terras xa non cultivadas.
É precisamente nisto último no que queremos centrarnos, nos monocultivos forestais de especies foráneas de rápido desenvolvemento que acaban desprazando ou incluso eliminando as plantas propias das nosas paisaxes que, tras milenios de adaptación ao clima galego, resultan as máis axeitadas tamén para combater os incendios forestais e os seus efectos.
Se ben por unha banda a produtividade a curto prazo semella maior, o certo é que estas especies conlevan graves prexuízos para os nosos montes. E aquí referímonos xa especificamente aos eucaliptos. Precisan dunha gran cantidade de recursos minerais e hidrolóxicos, de xeito que desecan espazos anteriormente ricos en regatos e acuíferos. Non permiten o crecemento do sotobosque (a vexetación que podería crecer debaixo), co que se reduce a biodiversidade vexetal e animal. En caso de incendio son pirófitas, é dicir, arden con moita facilidade, contribúen á propagación do lume e reprodúcense extraordinariamente ao esparexérense as sementes na borralla, co que o problema non fai máis que aumentar queima tras queima.
Outra especie de árbores que durante anos foi plantada a eito nos nosos montes é a dos piñeiros. De sempre existiron nos nosos montes, sobre todo nas zonas litorais, e tiveron usos para os habitantes. Mais as variedades que se plantan hoxe en día son máis agresivas en canto a consumo de recursos, en plantacións ás veces descontroladas e sen os pertinentes controis de seguridade, polo que son perigosas en caso de lumes.
Fronte a estas especies tan de moda polo auxe da industria da celulosa, o noso monte aínda conserva as especies autóctonas, respectuosas co medio e, se se acerta coa política axeitada, poden ofrecer importantes rendementos económicos, máis aló dos indiscutibles beneficios medioambientais que presentan. Falamos dos carballos, olmos, bidueiros, ameneiros, salgueiros, chopos, aciñeiras, rebolos, sobreiras, loureiros, freixos, faias, castiñeiros, buxos…, sen esquecérmonos de árbores froiteiras: figueiras, laranxeiras, mazairas, limoeiros, pexegueiros, pereiras…
Pero aínda máis: xunto a elas seguen convivindo tamén numerosas especies vexetais que os monocultivos forestais foron desprazando ou mesmo extinguindo: carrizas, carqueixas, caramiñas, xestas, silvas, toxos, uces, romeus, carpazos, brións, ortigas, acivros, brizos…
En conxunto conforman ecosistemas que resisten mellor os efectos dos lumes, permiten a conservación da humidade e os nutrientes do solo e paisaxísticamente supoñen unha marabilla visual ao longo das distintas estacións do ano.
Nesta mostra pretendemos concienciar, a xeito de protesta ecolóxica, da necesidade de conservar e repoboar o monte coas nosas especies autóctonas. Non podemos esquecernos delas, porque o monte non esquece. Por iso quixemos presentárvolas coa súa fotografía e a súa descrición botánica. Son tan nosas que aparecen ás millentas en ditos e refráns populares e serviron de fonte de inspiración para moitos dos nosos poetas xa dende a Idade Media. Tamén penduran desta árbore poemas nos que a presenza de árbores e outras plantas galegas reflicte esa unión coa terra e a paisaxe. A mesma relación está recollida nos ditos populares e saberes tradicionais relacionados cos vexetais que podemos desfrutar.
Actividade desenvolvida por profesorado de Lingua Galega e Bioloxía con alumnado de 1º e 2º ESO co obxectivo último de concienciar os membros da comunidade educativa da necesidade de coidar o medio natural, identificando as especies invasoras e potenciando o coidado das autóctonas.
Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT)
Comunicación lingüística (CCL)
Competencia dixital (CD)
Conciencia e expresións culturais (CCEC)
Competencias sociais e cívicas (CSC)
Sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE)
Aprender a aprender (CAA)
En primeiro lugar, dedicamos varias sesións para dar coa información necesaria. Isto fíxose principalmente a través dos recursos que ofrece a rede. O alumnado de Bioloxía buscou información para elaborar fichas sobre as árbores e outras plantas que logo formarían parte da exposición. En Lingua Galega estiveron buscando poemas nos que figurasen esas árbores e tamén outras manifestacións da literatura popular (refráns, cantigas, saber popular…).
Nunha segunda fase, puxémonos en contacto coa Comunidade de Montes de Valadares para que nos ofrecesen unha sesión informativa sobre como coidar o monte. A maiores, colaboraron connosco de dous xeitos: por unha banda convidáronnos a realizar unha plantación de sobreiras nos terreos queimados diante do instituto, e por outra, aportáronnos as árbores que logo habían ser parte da exposición final do proxecto.
A seguir, varios equipos formados por alumnos penduraron das árbores as fichas que foran elaboradas polo alumnado de Bioloxía e os textos do alumnado de Lingua Galega, co que conseguimos imitar un espazo natural, como se pode apreciar nas imaxes, unha fraga informativa, por dicilo dalgún xeito.
Finalmente, este traballo formou parte da exposición final do proxecto da Biblioteca do instituto “Eu protesto”.