Todos os produtos finais foron expostos nos corredores. A principios de abril iniciouse a colocación seguindo unha planificación previa que foi proposta polo equipo de biblioteca. Deste xeito o instituto converteuse nun gran MUSEO que recollía as producións de todo o alumnado do centro.
- Creáronse carteis informativos que amosaban unha breve explicación de cada un dos puntos da exposición.
- Elaborouse unha unidade didáctica para poder traballar a exposición en diferentes materias.
- Deseñouse un xogo para percorrer a exposición dun xeito lúdico e didáctico. Seis grupos tiñan que traballar de maneira colaborativa para abrir seis cadeados que pechaban a caixa protesta. Comezaba cunha breve explicación e un vídeo que presentaba a actividade. Durante a Semana cultural o alumnado participou neste xogo.
- O proxecto rematou na Semana Cultural cun peche moi especial no que participou todo o instituto. O mércores 10 de abril o alumnado de 4º ESO percorreu as aulas dando charlas relacionadas co cómic que traballaron. Ao rematar, todo o centro acudiu á entrada onde tivo lugar un concerto con repertorio de cancións protesta e un obradoiro de papiroflexia.
- Durante a Semana cultural estivo no centro Radio Valladares gravando diferentes programas centrados nas actividades que se estaban a desenvolver. Durante catro días o estudio de radio estivo montado no noso centro e por el pasou alumnado, profesorado e os convidados que nos visitaron estes días.
- Abríronse as portas do centro para visitar esta exposición. Recibimos o alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Sobreira e os pais e nais do noso alumnado. Os rapaces de PMAR foron os encargados desta visita guiada que rematou cun obradoiro de papiroflexia.
- O alumnado de 3º PMAR está elaborando un Diario da exposición Eu protesto no que se recollen todos os traballos realizados e as súas impresións e valoracións.
- Alumnado de valores creou presentacións dixitais que amosan os momentos máis importantes deste proxecto e que compartiron cos compañeiros europeos do proxecto eTwining no que participan.