Cámara escura

Cámara escura (Cinema en curso)

Facer unha cámara escura é unha experiencia reveladora e emocionante! Escolas e institutos de Cinema en curso e Fotografía en curso realizárona nas súas aulas e foi incrible!

A continuación recollemos os pasos para seguir e elementos a ter en conta para facela na aula ou en casa. Atoparédelos tamén de forma detallada e con imaxes de cada paso no PDF descargable.

1- Buscamos unha aula ou unha habitación que teña unha xanela ao exterior. Taparemos esta xanela e tamén calquera outra entrada de luz. Para elixir a xanela, teñamos en conta que:

  • a podemos tapar completamente
  • na medida do posible, a vista conteña elementos visualmente ricos: ceo, árbores, o patio do centro, tellados...
  • na medida do posible, a vista estea ben iluminada polo sol
  • no caso de que traballemos nun centro educativo, se podemos, elixiremos unha xanela dun piso elevado para ter máis luz e unha vista máis ampla.

2- Tapamos a xanela con cartón, cartolina, teas, bolsas de lixo... Deixamos un pequeno recadro sen tapar.

Cubrirémolo despois cunha cartolina onde recortariamos un círculo: o estenopo.

O primeiro estenopo pode ser dun centímetro de diámetro. E despois podemos facer estenopos de diferentes medidas para experimentar que pasa cando o cambiamos (6)

3- Cando tapemos completamente todas as entradas de luz excepto a do estenopo, quedémonos quietos ata que os ollos se adapten á escuridade. Ao principio non veremos nada, pero aos poucos… descubriremos que o exterior se proxecta nas paredes, chan e teito da cámara! (se a sala onde estamos é grande e as paredes están lonxe, ou se a luz é débil, veremos a imaxe moi levemente e descubrirémola co seguinte paso)

4- Collemos unha superficie branca para que a imaxe se proxecte, para “recoller” ou “encadrar” a imaxe. Unha cartolina ou unha folla cun apoio poden servir. Tamén podemos ter unha superficie translúcida: un papel vexetal fixado nun marco. Se somos moitas persoas, isto permitiranos que todas vexamos a imaxe desde os dous lados.

Movémonos! Podemos facer diferentes encadres do exterior!

5- Démonos tempo para observar e gozar da maxia deste momento.

Mesmo podemos probar a trazar a silueta sobre o papel, como facían os pintores renacentistas!

6- Podemos xogar coa medida do estenopo e experimentar. Que pasa coa imaxe cando o buraco é pequeno e que pasa se facemos un estenopo máis grande?

Descubriremos que cando é pequeno a iluminación (e a imaxe) é máis leve pero a imaxe é moito máis nítida. Á inversa, cando o estenopo é grande...

7- Podemos xogar tamén coa entrada da superficie branca ou translúcida respecto á xanela. Que pasa se a achegamos ao estenopo ou a afastamos?

Estamos a xogar coa distancia focal, do mesmo xeito que cando cambiamos a óptica (cun zoom ou ópticas fixas). A máis distancia, teremos un ángulo de visión máis pequeno (máis teleobxectivo); a menos distancia, máis ángulo de visión (máis angular).

8- Para experimentar aínda máis, podemos usar unha lupa: fará de lente. Se a movemos entre a entrada de luz e a imaxe proxectada, poderemos xogar a buscar o punto en que a imaxe é perfectamente nítida! Gran definición e moito detalle! Probamos diferentes lupas!

9- Tamén podemos incorporar un espello para levar a imaxe a diferentes lugares. De feito, un espello é o que atopamos dentro dunha cámara réflex!


A cámara escura conéctanos co principio de creación das imaxes, co inicio da fotografía e o cinema. O que vemos dentro da cámara escura é o mesmo que pasa dentro dunha cámara fotográfica. Tamén é o mesmo que pasa coa nosa visión. Non resulta incrible?

Se queredes ampliar a información sobre a cámara escura - as cámaras fotográficas - o ollo e a visión humana, podedes consultar estes detallados recursos elaborados por Montserrat Planella.

Se queredes coñecer as experiencias e descubrimentos de alumnos de Fotografía en curso e Cinema en curso que fixeron cámaras escuras, podedes mirar as seguintes ligazóns. Son impresionantes!

Diario dos obradoiros Fotografía en curso

Diario dos obradoiros Cinema en curso

practica_camaraescura_gal_vdef.pdf