Un pomar ben organizado pode darnos froita durante todo o ano. Cada tipo de froiteiras precisa dun lugar axeitado, por exemplo, os cítricos prefiren lugares abrigados do frío do norte e cunha terra que se poida regar e rica en nutrintes. Como dan sombra tambén convén poñelos en lugares que non molesten a outras froiteiras. No outro extremo, as pereiras poden aguantar condicións difíciles de secura e soportan terreos máis pobres.
Engadimos a continuación unha relación de árbores froiteiras segundo a época do ano na que podemos recoller os froitos:
Cítricos (Laranxeiras, mandarinas, pomelos, limoeiros…): Estas árbores teñen froitos desde o mes de xaneiro, ou incluso decembro (as variedades máis temperás) ata fins de abril. Son polo tanto 4 meses do ano no que podemos degustar a diario estas distintas variedades.
Mazás de Natal: son as variedades máis tardías do ano.
Peros de Natal
Pera Carneira: é a última variedade de pera da temporada. Recóllense da árbore en outubro e novembro, pero poden conservarse ata o mes de xaneiro.
Kiwis: Podemos comer os froitos a partir do mes de decembro e ata o mes de febreiro. Se os conservamos en lugares axeitados poden conservarse algún mes máis.
Aguacate: Os aguacates maduran desde o mes de febreiro e poden recollerse ata o verán (mes de xullo). En todo caso hai variedades diferentes que poden anticipar ou retrasar a súa maduración.
DECEMBRO
No mes de decembro xa dispoñemos dos primeiros kiwis da tempada, aos que se suman as peras carneiras, as mandarinas temperás e tamén as mazás máis tardías, que poden durar ata o mes de xaneiro.
(Cesta de froita do mes de decembro, chea de kiwis, mazás, mandarinas e peras carneiras)
XANEIRO
A froita raíña do mes de xaneiro son os kiwis, que se van recollendo da árbore. Xa a fins de decembro comezan tamén a madurar as primeiras laranxas da tempada, e tamén podemos atopar mandarinas, así como algunha mazá das variedades máis tardías.
FEBREIRO
No mes de febreiro as froiteiras seguen invernando. Aproveitamos para podar maceiras e pereiras. Co mes adiantado, e xa próxima a floración, aproveitamos para facer a poda en árbores de óso, como as ameixas, pexegueiros, etc.
Febreiro é tamén un mes propicio para facer os enxertos na maioría das froiteiras: árbores de óso, e algo máis tarde as pereiras e maceiras.
A froita raíña deste mes pasa a ser a laranxa, que estenderá o seu dominio case ata o mes de maio. Tamén atopamos kiwis.
Cítricos (Laranxeiras, mandarinas, pomelos, limoeiros…): Durante os meses de marzo e abril continuamos tendo cítiricos en abundancia. Son as froitas por excelencia da primavera.
Nespereira: Pode considerarse como a primeira froita da tempada. Os nésperos florecen en decembro e xaneiro e maduran desde principios do mes de maio, polo que podemos dispoñer deles durante os meses de maio e xuño.
Cereixas: Tamén podemos ter cereixas desde mediados de maio ata fins de xuño, en función das variedades.
Albaricoque: madura a principios do mes de xuño.
Aguacate: Os aguacates maduran desde o mes de marzo e poden recollerse ata o verán (mes de xullo). En todo caso hai variedades diferentes que poden anticipar ou retrasar a súa maduración.
MARZO
Xusto á saída do inverno, dende os primeiros días do mes de marzo, comezan a deixarse ver as primeiras flores das árbores froiteiras, sendo a primeira de todas elas as claudias (ou ameixas) amarelas. Uns días máis tarde comezan as primeiras flores dos pexegueiros, peladilleiros, albaricoques e melocotoeiros, e tamén das pereiras máis temperás. A mediados de mes xa está a floración no seu apoxeo e prolóngase ata o fin de mes. Tirando para fin de mes tamén florecen as cerdeiras máis temperás.
No mes de marzo abondan as laranxas e tamén unha variedade de mandarinas moi aromáticas, que se prolongan ata o mes de abril e incluso maio. Neste mes tamén botamos man dos kiwis recollidos en decembro ou mellor en xaneiro se as xeadas permiten que permanezan nas plantas.
ABRIL
No mes de abril xa se pode ver se callou a froita das ameixeiras e dos pexegueiros. Neste mes aínda florecen as ameixas máis tardías, como as ameixas verdes, e algunha variedade de cerdeira máis tardía. Tamén as pereiras están en plena flor. Sobre mediados de abril comezan a florecer con forza as distintas variedades de maceiras, e esta floración esténdese ata fin de mes e a primeira quincena de maio. A fins de abril comezan a verse as primeiras flores das laranxeiras.
Nas enfermidades destaca a lepra ou "abolladura" dos melocotoeiros e peladilleiros. Pode ser conveniente retirar as follas e brotes afectados.
Os enxertos feitos en marzo comezan a cobrar vida.
Podemos seguir consumindo laranxas e mandarinas tardías, e tamén os kiwis, así como os primeiros aguacates que haberá que recoller verdes da árbore e deixar madurar durante ao menos unha semana nun lugar cálido.
No mes de abril comeza a crecer a herba e convén estrear a gadaña cando acade unha altura entre ou dúas cuartas como termo medio.
MAIO
No mes de maio atopamos as maceiras en plena floración, e o mesmo podemos dicir dos cítricos como as laranxeiras. De mediados de maio en diante os froitos das maceiras comezan a desenvolverse rapidamente e cara fin de mes moitas variedades xa acadan o tamaño dunha abelá ou superiores. As froitas das árbores de óso (pexegos, melocotón, claudias...) xa se consolidan na árbore e acadan tamaños nos que se poden facer aclareos cando conveña. (Este ano as claudias e ameixeiras quedaron practicamente sen froita ningunha, por causa do mal tempo, a chuvia e o frío).
Estas mesmas árbores (claudias, melocotoeiros...) están a partires de mediados do mes no momento ideal para proceder a unha primeira poda en verde sobre os novos chupóns e ramas mal orientadas.
As enfermidades tamén se deixan ver, especialmente se o tempo foi húmido e cálido. Destacan a lepra ou "abolladura" das follas e brotes dos melocotóns e peladilleiros. Pode ser o momento, se non se fixo xa antes no mes de Abril, de eliminar estas follas e brotes.
Nalgunha maceira pode aparecer o pulgón "lanígero" (crea unha pelusiña branca como a lá), ou o pulgón verde.
Este é o mes do ano máis crítico en canto á escaseza de froita. Podemos dispoñer de abundantes aguacates, e tamén fresas se foron plantadas a tempo. Na nosa zona tamén podemos dispoñer das últimas mandarinas tardías, que comezan a perder o zume. As cereixas máis temperás tamén veñen para a primeira quincena de maio. Xa superado o mediado de maio e incluso para o final deste mes podemos probar os primeiros nésperos. Tamén a fins de maio comezan a madurar os albaricoques. Outras delicadezas que tamén comezan a madurar a fin de mes son os arandos e as framboesas.
No mes de maio collen forza os novos agromos dos enxertos feitos en marzo.
Este tamén é o mes na que a herba crece con máis vigor, e convén ao menos dar un par de pasadas coa gadaña para mantela pequena.
XUÑO
No mes de xuño segue gañando exhuberancia a vexetación, e cara fin de mes acada o seu apoxeo, especialmente se o tempo é cálido e aínda se conserva humidade na terra e no ambiente. As árbores de froita máis tardía aínda florece neste mes, como por exemplo as feixoas ou as milgrandeiras. Este tamén é un mes de pouca froita, e só na última semana poderemos probar os primeiros peladillos da tempada ou as primeiras mazás de San Xoán. O máis abundante serán os nésperos e as framboesas. Seguimos dispoñendo de aguacates, pero coa calor forte os froitos maduran rapidamente e caen ao chan. Se os paxaros nolo permiten tamén podemos comer as cereixas. Na primeira quincena do mes temos dispoñibles os albaricoques.
Neste mes os enxertos crecen con vértigo e van consolidándose as ramas da árbore. É o tempo de seguir coa poda en verde, especialmente das froiteiras de óso, como os melocotoeiros, ameixeiras ou cerdeiras. A herba quere un par de segas máis, pois crece con moito vigor.
Durante o verán temos moitísima froita dispoñible, a máis abundante é:
Pexegueiros, melocotoeiros, peladilleiros, albaricoques: Hai moitísimas variedades, que maduran desde mediados de xuño (por San Xoán), ata o mes de setembro (os pexegos máis tardíos).
Ameixas, claudias, fatóns, mirabeles: Hai moitas variedades desta froita (claudias amarelas, verdes, púrpuras,…). Podemos atopalas dende comezos do mes de xullo ata fins de agosto.
Pereiras: Hai tamén multitude de variedade de peras (urracas, limoeiras, conferencia…), e maduran desde mediados de xuño (polo San Xoán) ata o mes de outubro (peras carneiras) e incluso decembro (peros de natal). Hai tamén variedades de peros a mediados de xullo.
Pereiros: producen peros, froita de menor tamaño que as peras, e hainos de verán e de inverno.
Maceiras: Son as froiteiras das que podemos contar con máis variedades. Podemos atopar mazáns desde o San Xoán ata o mes de decembro, é dicir, durante medio ano. Algunhas das variedades máis coñecidas son: mazáns de San Xoán (pel branca), Salgueiriñas (no mes de xullo e agosto, utilízanse para facer sidra), Reinetas (de pel de sapo, verdes…) ,Mazá de pebia,… e outras importadas recentemente (Royal Gala, Granny Smith, Red Winter, Golden…)
Abeleiras: As abelás caen principalmente no mes de agosto
Uvas: Desde mediados de agosto podemos ir probando uvas e seguir comendo ata fins de setembro.
Figueira: Os figos soen estar maduros no mes de setembro, e incluso algunha variedade adiántase en agosto.
XULLO
No mes de xullo acostuman vir as calores fortes do verán. Neste mes podemos dispoñer da seguinte froita:
. As mazás de San Xoán, que poden manterse na maceira ata a terceira semana do mes (día 20). Na última semana do mes madura a mazán de cor rosada.
. As framboesas mantéñense ata mediados de mes.
. As claudias amarelas e os peladillos de San Xoán tamén aguantan nas árbores ata mediados de mes.
. Os últimos aguacates duran case ata fin de mes.
. As peras de auga (pera das formigas, non sei se este nome venlles porque as formigas acaban coméndoas na árbore unha vez que as pican os paxaros) maduran entre mediados e fin de mes.
. Os peros maduran na última semana do mes.
. Unha variedade autóctona de ameixa verde (raíña claudia?), moi doce, de óso solto, carnosa, tamén madura nos últimos dez días do mes.
AGOSTO
Este é o mes de maior abundancia de froita, especialmente en melocotóns e peladillos, e algunhas variedades de ameixas (mirabel, ameixa morada...), pero tamén hai peras e mazás temperás, como a Salgueiriña, utilizada para facer sidra. A fins de mes poden atoparse tamén as primeiras abelás.
SETEMBRO
A froita raíña deste mes é a uva. É un mes no que abondan tamén as mazás, pexegos, algunha pera como a Conferencia, e os saborosos figos. Dende finais de setembro poden recolectarse as noces.
Castañas: Temos castañas desde mediados de outubro ata fins de novembro.
Nogueiras: As noces tamén se soen recolectar durante o mes de outubro ou incluso a fins de setembro.
Oliveiras: as olivas maduran nos meses de novembro e decembro
Feixoas: Maduran os seus froitos, segundo as variedades, dende mediados de outubro ata fins de decembro.
Milgrandeira: Froitos maduros en novembro e decembro.
Caquis: Maduran no mes de novembro.
Maceiras: variedades distintas ás do verán, o período de máis plenitude das mazás e de outubro a decembro, coas variedades de Natal.
Pereiras: variedades distintas ás do verán, destacando as peras carneiras.
Pereiros: moi coñecidos os peros de natal
OUTUBRO
A froita raíña do mes de outubro son as mazás, con diversas variedades autóctonas. Neste mes acaban de caer as noces das nogueiras e comezan a caer as castañas dos castiñeiros, que se prolongarán durante todo o mes e comezos de novembro. A partir de mediados de outubro podemos probar as primeiras feixoas, realmente exquisitas.
NOVEMBRO
En novembro seguen predominando as mazás, con variedades xa tardías. Tamén dispoñemos de peras carneiras e de feixoas nunha variedade distinta á de outubro. Se o ano foi favorable poden comezar a madurar as primeiras mandarinas cara fins de mes, e tamén as milgrandas.
Froita de novembro: feixoas, peras carneiras, mandarinas
Vemos o anterior resumido na seguinte táboa:
Podemos ver de seguido o Cadro de floración e froito das froiteiras máis habituais en Galiza
INFORMACIÓN XERAL SOBRE ÁRBORES DE FROITA
Árboles frutales, en Botanical-Online
E para rematar, unhas imaxes: