Benvida a FRUTIPARAISO

Imos deseñar un proxecto de cultivo dun pomar en produción ecolóxica. O seu punto de partida é ideal e utópico.

Constituímos unha asociación de amigos e amigas das froiteiras FRUTIPARAISO. Os seus membros comparten a afección do cultivo de froiteiras en produción ecolóxica e organizan o traballo en base á axuda mutua. O proxecto vai dirixido tamén aos nosos fillos/as e nenos/as en xeral, como un medio para infundir respecto, admiración e coidado do medio natural.

O nome FRUTIPARAISO nace como conxunción de dous elementos: unha homenaxe ás cataratas Paraíso, da película "UP" de Disney, de animación para nenos/as, e o segundo recollendo a idea exposta por Enrique Puentes no último minuto deste vídeo, onde fai referencia ao Paraíso como un pomar colmado de froita.

PRINCIPIOS

Neste proxecto poderán participar todos/as os veciños de Guillade que o desexen.

Cada veciño, ou membro da Asociación, terá as súas propias terras de cultivo, na superficie que estime oportuna, e plantará as árbores que desexe.

Priorizarase o cultivo de froiteiras autóctonas, do país.

Para os traballos que o requiran fomentarase o traballo de xeito cooperativo, de axuda mutua.

No caso de existir produción excedente buscarase o xeito de comercializala de maneira conxunta.

Este proxecto non ten unha finalidade económica (lucrativa), senón social e de creación de conciencia ecolóxica.

PARTICIPANTES

En marzo de 2019 participamos neste proxecto:

Xose, Pepe da Generosa, Pepe do Bucio, Paco do Lópes, Camilo, Carlos, Fernando do Torres, Cocas e Nelos. De momento somos nove persoas, pero esperamos que se sumen proximamente máis participantes.

DOCUMENTACIÓN

Cadro de floración e froito das froiteiras máis habituais en Galiza

Proxecto para recuperar as árbores froiteiras adaptadas ao clima de León (enlace perdido, nel explicábase un proxecto de recuperación de árbores autóctonas cun propósito non comercial, senón social, orientado a que as persoas maiores dunha aldea tivesen unha afección no coidado destas árbores).

http://elpais.com/diario/2008/09/08/galicia/1220869098_850215.html (Neste artigo podemos coñecer a experiencia de Antonio Correa, no eido A Molina, en Oleiros, con 6 hectáreas dedicadas a árbores frutais e horta, con moitas variedades autóctonas)

As variedades tradicionais en Galicia, no blog Frutales, da finca AMALTEA, en Cesuras, A Coruña.

Enlaces e recursos, no blog Frutales, da finca AMALTEA, en Cesuras, A Coruña. Pódense atopar moitos recursos bibliográficos sobre o cultivo de froiteiras, clasificados segundo os tipos de frutais.

A horta orgánica de frutais, resumo na web Alimentación Comunitaria

FP Agraria, Espazo creado para a difusión de contidos educativos, noticias e material diverso, relacionado coa educación na Formación Profesional Agraria. Podense visualizar e descargar multitude de publicacións sobre fruticultura, entre outras.

Na web de Infoagro atopamos manuais para o cultivo de todo tipo de frutais e hortalizas.

http://proyectonuevoshorizontes.blogspot.com.es/ , blog do proxecto de cooperación territorial "Nuevos Horizontes", na zona noroeste de Galicia, que ten por finalidade IMPULSAR INICIATIVAS DE EMPREGO A TRAVÉS DA POSTA EN VALOR DE TERRAS AGRARIAS, MEDIANTE A RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO VEXETAL E O FOMENTO DE NOVAS PRODUCIÓNS DEMANDADAS POLOS MERCADOS.