Xaneiro

Xornada Portas Abertas: unha biblioteca activa

O IES Rafael Dieste realiza unha Xornada de Portas Abertas co fin de presentar, desde cada departamento didáctico, as metodoloxías e actividades que se levan a cabo no noso centro educativo. 

Desde a biblioteca presentamos os clubs de encontros (xadrez, lingua de signos, debate, electrónica), os clubs de lectura (manga, novela negra, lectura en portugués, banda deseñada en galego), Radio na biblio, así como as diversas actividades e proxectos que fan da nosa biblioteca, un espazo dinámico e un laboratorio de creacións. 

Non nos esquecemos do importante papel das persoas voluntarias e o seu traballo diario para o bo funcionamento da biblioteca. 

Exposición na biblioteca: Xogamos? Retorno ao medievo 

Como parte da Xornada de portas abertas podedes atopar, ata o día 17 de xaneiro, a exposición de xogos de Historia medieval realizados polo alumnado de 2º ESO durante os cursos pasados. 

Estes xogos forman parte da biblioteca. Foi un proxecto organizado desde a materia de Xeografía e Historia en colaboración co Equipo de biblioteca co que ideamos unha Xornada de xogos medievais. 

Baseándonos no coñecido Xogo da Oca, no Risk, o xogo de estratexia, no Trivial, no Monopoly, na Escaleira e no televisivo Pasapalabra, elaboráronse O Xogo do Drakar, o Xogo do Navegante, o Xogo do Castelo, Catedral, Kingdoms of war, De mosteiro en mosteiro, Monofeudo, o Rosco da historia ou o Pasapalabra medieval, entre outros no mesmo senso.


Lembramos outras edicións de Retorno ao Medievo...

Negrísima: Ollos de auga

O martes día 28 de xaneiro tivemos unha nova sesión do club de lectura Negrísima, dedicada nesta ocasión, á primeira novela de Domingo Villar, Ollos de auga.  

É o primeiro libro protagonizado polo inspector Leo Caldas e o seu axudante aragonés Estévez. 

Nos seguintes libros A praia dos afogados e O último barco, o autor afondará na figura do inspector, un personaxe solitario, pensativo e reflexivo. Desgrazadamente o autor finou en 2022 tras a publicación de O último barco.

Na obra de Villar a cidade de Vigo e o seu redor están moi presentes, así como a gastronomía, a climatoloxía e a relación coa propia idiosincrasia galega.

Domingo Villar di da súa obra que o fío condutor é a investigación policíaca pero que o máis importante é amosar a vida diaria, o amor, a morte, a vellez, a muller e as formas de vida cambiante. 

Para o autor a finalidade de escribir é pensar na vida, buscando de forma constante as emocións humanas a través dos personaxes da trama. 

Na sesión do club destacouse a figura de Leo Caldas, ao que Domingo Villar definiu como unha prolongación de si mesmo, pero que Caldas representaba o que el non era capaz ou non podía facer. Por outro lado comentouse a antítese dos personaxes de Leo Caldas e o seu axudante Estévez: reflexión fronte a impulsividade.

Por outro lado, un dos aspectos qe máis gustou do libro foi a música que acompaña a todo o relato: o jazz clásico de Billie Holliday, Víctor Young e Charlie Parker.

The man I Love de Billie Holliday é o tema que abre e pecha o libro na súa última escena. 

Conmemoración: a liberación de Auschwitz. O holocausto

 De Berlín a Galicia: Stolperstein

Hai 80 anos o mundo enteiro estremeceuse ao descubrir os horrores dos campos de concentración nazis. O 27 de xaneiro de 1945 liberábase o campo de Auschwitz- Birkenau. Estes días conmemoramos esta data para amosar e dar a coñecer aos máis novos un dos acontecementos máis terribles da historia da humanidade e para que se tome conciencia de que non pode repetirse: o holocausto.  Porque da historia debemos aprender.

En 1992 o artista alemán Gunter Demnig iniciou o Stolperstein, unha actividade consistente en colocar placas de latón no chan das beirarrúas co nome das persoas que foron perseguidas, asasinadas durante o nazismo. Stolperstein significa pedra no camiño: desta maneira o peón tropeza coa placa de latón colocada no chan e así detense para ler e coñecer á persoa que representa a placa. Esta iniciativa levou á colocación de 100.000 placas na cidade alemá de Nuremberg.

E foi en 2023 cando esta actividade chega á Coruña colocándose placas de bronce como a de hoxe. Desde a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica rendemos homenaxe a un dos deportados coruñeses José Albedro Villaverde, nado no Peruleiro. Incorporado á II Guerra Mundial, foi deportado ao campo de Mauthausen falecendo en 1943.


O IES Rafael Dieste conmemora estes días tamén a  figura de Rafael Dieste a través de varias actividades. Queremos lembrar que el mesmo estivo no campo de concentración de San Cyprien no sur de Francia.


O alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo percorreu as aulas de 1º e 2º de ESO para explicar de forma moi breve a conmemoración do fin do holocausto e a iniciativa "stolperstein".

Día da Paz: Cartas desde a trincheira

Un ano máis o alumnado de 1º de Bacharelato da materia de Historia do Mundo Contemporáneo presentou na biblioteca a exposición: Cartas desde a trincheira. Trátase dunha actividade de transformismo histórico na que os estudantes teñen que poñerse na pel daqueles soldados, enfermeiras e médicos que coñeceron e viviron na trincheira e na retagarda durante a Grande Guerra. 

Tras unha explicación sobre os aspectos máis relevantes da I Guerra Mundial o alumnado fixo unha lectura de diferentes fragmentos das súas cartas ficticias enviadas aos seus pais, noivas e noivos... aos seus seres queridos. Nas cartas expresan o horror, a crueldade e o absurdo e sinrazón de todas as  guerras. 

É o noso homenaxe á conmemoración do Día da Paz. 

O alumnado de 1º de Bacharelato realizou unha explicación ao público de 3º ESO 

No momento da lectura das súas cartas

Homenaxe á figura de Rafael Dieste: Non me veredes triste

Durante os días finais de xaneiro e comezos de febreiro realizáronse múltiples actividades coa finalidade de poñer en valor a figura do escritor galego Rafael Dieste. O noso instituto leva o seu nome e de aí que que as exposicións, charlas e vídeos vaian dirixidas a que o alumnado coñeza o seu labor e súas vivencias.  

Entre as actividades programadas salientar a conferencia con Xosé Luís Axeitos, membro da RAG e antigo profesor no IES Rafael Dieste desde o ano da súa fundación.  Así mesmo , foi o responsable do cambio do nome do instituto. Ademais, Axeitos é experto na obra de rafael Dieste. 

Por outro lado, levouse a cabo a gravación da curtametraxe "Dieste: Non me veredes triste" na biblioteca do noso centro. 

Na cafetaría podemos ver a exposición de cartelaría sobre Rafael Dieste destacando as múltiples facetas do escritor de Rianxo. 

Axeitos xunto á figura de Dieste realizada desde o departamento de Plástica 

Exposición sobre Dieste na cafetaría do noso centro 

Durante a gravación da curtametraxe "Dieste; Non me veredes triste"