Outubro

Hora de ler

Novas bibliotecas de aula

Neste inicio de curso dedicamos o expositor da biblioteca á novela gráfica. 

Persépolis, La bibliotecaria de Aushwitz, Piongiang, Vincent Van Gogh, entre outros, son algúns dos protagonistas deste lugar destacado da nosa biblioteca. 

Anímaste a botarlles unha ollada?

24 de outubro: Día das bibliotecas

Desaparecen as letras dos libros...os ordenadores non funcionan… Unha estrana bacteria esténdese pola biblioteca do IES Rafael Dieste… como podemos detela?

Celebramos o día das Bibliotecas, día 24 de outubro, cun scape room. Non poderás saír da biblioteca ata atopar o antídoto que salve os libros e os ordenadores… Que grupo conseguirá a solución?

Os días 23, 24 e 25 de outubro: scape room na biblioteca

Xogo de pistas: Os marcapáxinas esquecidos

De que falan os libros? Non, non, no me refiro á mensaxe que queren transmitirnos, senón de que falan entre eles nos estanterías da biblioteca cando están sós?

Ah… pero non sabiades que os libros falan? Si si… en canto pechamos a porta e apagamos a luz arman unha boa: falan, rin, choran, discuten e debaten... ata de política…

Sabedes de que se queixaban onte pola noite? Pois dos marcapáxinas que nós, os humanos, deixamos nos libros… os marcapáxinas esquecidos nalgunha folla do libro.

Por que deixamos abandonados os marcapáxinas? Igual porque o libro parécenos aburrido, ou esa páxina onde quedou o marcador asustounos ou non nos gustou nada…

O caso é que nos libros da nosa biblioteca hai unha morea de marcadores esquecidos e que están desexando saír desa páxina...xa!

Contamos coa vosa axuda para liberalos do seu cautiverio! 

Esta historia está baseada nas viñetas sobre libros e bibliotecas dun xornalista arxentino, Rep, “Los libros parlanchines” e que foi a inspiración para un conto escrito polo profesor deste instituto Gustavo De Vitto.

Saídas á biblioteca municipal Ágora

Estes días os grupos de 1º ESO visitaron a biblioteca municipal Ágora. O alumnado percorreu, da man de Eva Vieites e Nuria Rey, as diferentes salas de lectura e os espazos de ordenadores e reunións. Visitamos dende a sala dos máis pequenos á sala de adultos a que pode accederse a partir dos catorce anos. No vindeiro mes de novembro a biblioteca terá dispoñible un bo número de xogos de mesa.

Por outro lado, o martes día 22, houbo un encontro do IES Agra e do IES Rafael Dieste, onde os docentes compartiron experiencias.

E ti, xa tes o carné de persoa usuaria da biblioteca Ágora?


Novidades destacadas en Bibliodieste

Be water é un libro da escritora Antía Yáñez. 

Este é un book tráiler realizado por unha alumna de 1º ESO do CPI de Viaño (Trazo). O libro conta a historia de Iolanda, que vive tras o Gran Cataclismo, un mundo con falta dun recurso básico, a auga, un ben polo que todos poden matar...

Antía Yáñez é unha autora galega de literatura xuvenil. 

Obras como O misterio de Portomarín ou Senlleiras son libros de lectura obrigatoria nos centros educativos. 

Venres, de Santiago Freire, baséase nun personaxe secundario dun clásico da literatura: Robinson Crusoe. 

"Igual xa oístes falar de min e do meu amigo Robinson, pero seguro que da súa boca. Agora vouvos contar eu a historia de como coñecín o home branco"

A volta ao mundo en 72 días

En 1888, a xornalista Nellie Bly propúxolle ao seu editor no New York World completar a volta ao mundo en 80 días para converter en realidade a fantasía de Jules Verne. 

Un ano despois comezaría a viaxe co obxectivo de finalizala en 75 xornadas. Cunha equipaxe o máis lixeira posible, a reporteira partiu nunha viaxe de máis de corenta mil quilómetros, na que mesmo se chegou a encontrar con Verne. 

Dos seus traslados en barco de vapor e ferrocarril deu conta grazas ás redes de cable submarinas e ao telégrafo, mentres o xornal organizaba unha aposta entre os lectores para tratar de acertar con exactitude a data e hora de regreso da viaxeira.