Torneo de Xadrez Intercentros
Os nosos gañadores
Concentrados no torneo
Os premios
Moitos parabéns un ano máis ao noso alumnado polos excelentes resultados acadados no Torneo Intercentros de Xadrez. O IES Rafael Dieste, como cada ano, participou xunto ao IES Salvador de Madariaga, IES Breamo, IES Fernando Wirtz e o IES Urbano Lugrís no Torneo Intercentros organizado polo Colexio Obradoiro.
Participaron 2 equipos de cada centro nun torneo formato liga, con 70 participantes en total. Ademais celebráronse as tradicionais partidas simultáneas (un contra todos) neste tipo de eventos a cargo do Maestro Internacional Jacobo Caselas. Este ano, como novidade, foi incluída unha exhibición de Robótica.
No torneo por equipos destacaron do noso instituto os alumnos Daniel Romero con 6 victorias de 6 e Daniel Rey con 5 victorias de 6 así como Bruno Picos que accedeu a apoiarnos a última hora en ausencia doutro xogador, obtendo 3 victorias de 3. Parabéns tamén a Fabián Córdova que gañou 2 partidas de 6 sendo un xogador novel neste tipo de eventos.
Moitas grazas a todos os xogadores e en xeral ao Club de Xadrez do Dieste coordinado polo profesor Jesús Escariz. Parabéns!
Moitas grazas tamén ao Colexio Obradoiro por organizar este fabuloso e ilusionante evento do que desfrutamos todos.
Charlando con... David Roas
O día 14 de maio visitou o IES Rafael Dieste o escritor David Roas.
A actividade, orientada á súa obra "Niños" e dirixida ao alumnado de 4º ESO, foi organizada polo profesor de Lingua Castelá e Literatura Carlos Blanco. As alumnas Ariadna Zamarra e Lucía Rodríguez foron as encargadas de dinamizar a charla a través de preguntas sobre o libro e a obra de David Roas, así como dándolle voz aos seus compañeiros. Estes participaron activamente na interesante charla co autor.
A través desta obra o autor mergúllanos no mundo da infancia, nas súas complexidades e nas emocións desta etapa vulnerable da nosa vida.
David Roas emprega unha narrativa envolvente e chea de tensión que mestura o real e o sobrenatural. Transmite, a través do cotiá, os medos e a fraxilidade da infancia, tanto desde o punto de vista dos nenos como dos pais que se enfrontan a esta etapa dos seus fillos.
Combina o terror cunha análise profunda dos sentimentos afectivos e anímicos da nenez sumerxéndose na mente dos personaxes.
Unha obra que deixa unha pegada duradeira na mente do lector.
Día das Letras Galegas: cantareiras
As Letras Galegas 2025 dedícanse este ano ás cantareiras, grandes transmisoras da poesía popular oral, personificada nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
As mulleres foron figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura: tense dito que as pandeireteiras son símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade.
Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza emocional e política, como apunta a musicóloga Beatriz Busto.
A presenza de Aturuxo no Dieste foi un exemplo de semente viva das cantareiras ao igual que as figuras da música galega actual que transmiten a herdanza e reformulan o legado daquelas pioneiras: Tanxugueiras, Mondra, Filas de Cassandra ou De Ninghures.
O acto foi organizado polas profesoras Inma Mato e Sara Maison, dos departamentos de Xeografía e Historia e Matemáticas -respectivamente- en colaboración con @aquitamensefala
Charlando con... Manu Carbajo
O autor Manu Carbajo visitou o Dieste a mediados deste mes de maio levándonos a coñecer un pouco máis o seu libro "Gritarán mi nombre". Presentounos, con booktrailer incluído, a historia de Nino, un rapaz que está a rematar o instituto e ten plans para ir á universidade.
A pesar de ser o máis intelixente da súa clase, Nino ten medo de afrontar unha nova etapa xa que é tímido e introvertido. Como é moi bo en química decide inventar unha poción máxica que o convirte nunha persoa máis sociable. Desta maneira, Manu Carbajo dalle unha volta ao clásico de "El extraño caso del Dr. Jekill y Mr. Hyde"
A novela mergúllanos na vida de un mozo que loita por atopar o seu lugar no mundo. . A través do libro, reflexionamos sobre temas como a identidade, a amizade e a superación.
Historias de cine
Durante os meses de maio e xuño poderemos ver nas cortizas da biblioteca unha exposición sobre a historia no cine.
A exposición forma parte do proxecto que se leva a cabo na materia de Historia do Mundo Contemporáneo de 1º de BAC.
É unha forma de achegar o cinema ao alumnado. O proxecto ten como finalidade explorar a historia dos séculos XX e XXI a través do cine.
Ao longo deste emocionante viaxe o alumnado analiza películas que abordan os acontecementos clave e as figuras históricas máis relevantes da historia recente.
As guerras mundiais, os totalitarismos, o proceso de emancipación de Asia e África, o Apartheid, a Guerra Fría... son acontecementos moi presentes no proxecto que vos presentamos.
Ademais, outra parte da exposición estará dedicada a aspectos como os erros históricos cometidos nas películas, a infancia no cine, a muller no cine, filmes bélicos, personaxes históricos no cine e actores que os interpretaron.
Último martes do mes: Negrísima
Último martes do mes e última sesión do club, por este curso 2024-2025, de novela negra, Negrísima.
Aventura, misterio, historia... varios son os xéneros que se mesturan nesta trepidante obra do escritor galego Pedro Feijoó onde Vigo e a súa ría son o escenario e un protagonista máis das andanzas de Simón e Mariña.
Os protagonistas percorren o Morrazo cara ás Illa de Ons, onde o mar e o vento susurran segredos antigos no mesmísimo Buraco do Inferno.
Simón Varela é un mediocre arquitecto residente en Vigo. Un día recibe unha chamada dunha señora da alta sociedade viguesa, Isabel Llobet, para que lle faga unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Aos poucos días de comezar a reforma, Simón atopa un cofre pechado. Simultaneamente, a señora, xa maior, morre en estrañas circunstancias. A partir de aquí, o arquitecto vese involucrado nunha intrigante trama na que tamén parece estar envolta a familia da muller morta.
Coa trama viaxamos cara o pasado: ata 1702, na Batalla de Rande e tamén aos primeiros anos do franquismo e á II Guerra Mundial.
Trepidante novela que nos deixa con gañas de ler outros libros deste autor. En Os fillos do lume volvemos a atoparnos cos protagonistas Simón e Mariña. Lectura recomendada para o verán, sen dúbida.
Continuamos con Negrísima en outubro... e primeira novela a ler: Irene, de Pierre Lemaitre.