C.M.C.

CIENCIAS PARA O MUNDO CONTEMPORÁNEO

VALOR FORMATIVO

A ciencia e a tecnoloxía son un dos alicerces da sociedade actual e constitúen o eixe do cambio acelerado en que se ve inmersa a humanidade do século XXI. O seu vertixinoso avance produce cambios significativos que inciden no proceso constante de transformación do mundo e afecta o tecido e a estructura social de maneira máis relevante ca outros campos do saber.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico, en tanto que proporciona unha mellor comprensión da realidade e aumenta a posibilidade de interactuar sobre o ambiente, contribúe de forma innegable á mellora da calidade de vida nas sociedades occidentais. Con todo, non está exento de riscos e incertezas e suscita problemas sociais e ético-políticos máis aló dos laboratorios, en canto que a cidadanía se ve afectada por decisións en que non tomou parte e que inciden no seu escenario e forma de vida, tanto individual coma colectiva.

Para unha sociedade democrática é, xa que logo, un reto importante a formación dunha sociedade capaz de comprender e desenvolverse nun mundo en que a ciencia e a tecnoloxía están cada día máis presentes e de participar na toma de decisións, con rigor e fundamento, en cuestións de actualidade e relevancia social para avanzar cara a un futuro sustentable para a humanidade.

A materia de ciencias para o mundo contemporáneo, común para o alumnado de todas as modalidades de bacharelato, proponse responder a este desafío e contribuír a que todas as persoas posúan un coñecemento científico funcional, susceptible de ser aplicado a contextos diversos; un coñecemento dinámico, en sintonía co desenvolvemento da competencia de aprender a aprender, que capacite para adaptarse e seguir o ritmo da actualidade científica; un coñecemento que facilite o desenvolvemento de actitudes, como as de tolerancia e ausencia de dogmatismo, e que permita actuar como persoas autónomas e críticas capaces de argumentar, xustificar as súas posicións e participar activamente na sociedade.

Desde esta perspectiva, débese abordar a resolución de problemas abertos, tal e como se presentan no mundo real e na sociedade actual, conxugando a aplicación de modelos, teorías e procedementos científicos básicos coa contribución doutras ciencias necesarias para comprender a súa complexidade. O tratamento de cuestións da realidade, cun enfoque local e global, axudará o alumnado a tomar conciencia das distintas dimensións da realidade e fomentará a súa responsabilidade social.

Na educación secundaria obrigatoria o alumnado xa estudou materias que lle proporcionan unha cultura científica básica. No bacharelato parte do alumnado vai seguir profundando nesta liña. O característico desta materia vai residir no enfoque interdisciplinario, a través da selección de determinados problemas relacionados con problemas reais, abordados desde enfoques CTS (ciencia-tecnoloxía-sociedade) que preparen para a participación cidadá.

Os contidos da materia están estruturados en bloques. No bloque común recóllense aqueles contidos que deben estar presentes nalgunha medida no desenvolvemento de todos os demais, aínda que a súa distribución e tratamento dependerá da súa pertinencia en cada contexto. Os restantes céntranse en ámbitos nos cales se insire algún problema específico merecedor de interese social. A orixe do universo e da vida, a saúde, a xestión sustentable do planeta, así como a biotecnoloxía, as tecnoloxías da comunicación, a nanotecnoloxía e a sociedade do coñecemento, son campos que forman parte do noso presente e futuro inmediato e son susceptibles de ser tratados desde unha perspectiva de divulgación científica,cunha formulación accesible.

É ineludible a necesidade de integrar e ponderar equilibradamente os contidos de distintos tipos, a conveniencia de que o alumnado traballe en proxectos de grupo; así como desenvolver as competencias para o traballo en equipo e a responsabilidade compartida na xestión dun proceso de investigación.

Por último, débese ter en conta que os contidos deberán adaptarse en virtude das necesidades e intereses do alumnado e dos propios avances científicos e tecnolóxicos, para acadar os obxectivos propostos e actuar de acordo cunha ciencia para o mundo contemporáneo.

O desenvolvemento desta materia contribuirá a que os estudantes adquiran as competencias seguintes:

1. Coñecer o significado cualitativo dalgúns conceptos, leis e teorías, para formarse opinións fundamentadas sobre cuestións científicas e tecnolóxicas, que conteñan incidencias nas condicións de vida persoal e global e sexan obxecto de controversia social e de debate público.

2. Formularse preguntas sobre cuestións e problemas científicos de actualidade e tratar de buscar as súas propias respostas, utilizando e seleccionando de forma crítica información proveniente de diversas fontes.

3. Obter, analizar e organizar informacións de contido científico, utilizar representacións e modelos, facer conxecturas, formular hipóteses e realizar reflexións fundadas que permitan tomar decisións fundamentadas e comunicárllelas aos demais con coherencia, precisión e claridade.

4. Adquirir un coñecemento coherente e crítico das tecnoloxías da información, da comunicación e do ocio presentes no seu ámbito, propiciando un uso sensato e racional destas para a construción do coñecemento científico, a elaboración do criterio persoal e a mellora do benestar individual e colectivo.

5. Argumentar, debater e avaliar propostas e aplicacións dos coñecementos científicos de intereses sociais relativos á saúde, ao medio, ao materiais, ás fontes de enerxía, ao ocio, etc., para poder valorar as informacións científicas e tecnolóxicas dos medios de comunicación de masas e adquirir independencia de criterio.

6. Poñer en práctica actitudes e valores sociais como a creatividade, a curiosidade, o antidogmatismo, a reflexión crítica e a sensibilidade ante a vida e o medio, que son útiles para o avance persoal, as relacións interpersoais e a inserción social.

7. Valorar a contribución da ciencia e da tecnoloxía á mellora da calidade de vida, recoñecendo as súas achegas e as súas limitacións como empresa humana cuxas ideas están en continua evolución e condicionadas ao contexto cultural, social e económico no que se desenvolven.

8. Recoñecer nalgúns exemplos concretos a influencia recíproca entre o desenvolvemento científico e o tecnolóxico e os contextos sociais, políticos, económicos, relixiosos, educativos e culturais en que se produce o coñecemento e as súas aplicacións.

OBXECTIVOS:

1. Suscitar preguntas sobre os problemas da sociedade actual e do futuro próximo que constitúen unha prioridade para a investigación tecnocientífica e identificar os diversos aspectos que neles concorren, co fin de desenvolver un pensamento crítico e reflexivo.

2. Coñecer os elementos dos procesos de investigación e as características das explicacións científicas, partindo de problemas próximos á experiencia, e poñelos en práctica mediante investigacións sinxelas.

3. Seleccionar, comprender, avaliar e utilizar informacións de tipo científico e tecnolóxico, incluíndo a identificación de manipulacións ou nesgos, entre os que cabe destacar os que fan referencia ao xénero, para tomar decisións fundamentadas e saber comunicalas de forma clara, coherente e precisa.

4. Desenvolver e poñer en práctica procedementos e valores propios da actividade científica, como a curiosidade, a creatividade, a ausencia de dogmatismo, a reflexión crítica, a relevancia dos datos en contraposición coas opinións de cara ao rigor no razoamento científico, e a sensibilidade diante dos problemas emerxentes para facilitar a evolución persoal e social.

5. Recoñecer o carácter colectivo dos avances científicos, destacando o papel das mulleres na ciencia, así como a mutua interdependencia entre o contexto sociocultural e as investigacións científicas e tecnolóxicas.

6. Identificar os principios ou teorías científicas e tecnolóxicas ligadas ás problemáticas contemporáneas que debe afrontar a cidadanía, tanto individual como colectivamente, para favorecer a súa comprensión e a busca de solucións.

7. Tomar unha postura crítica diante dos avances científicos e tecnolóxicos, recoñecer os logros e as vantaxes para a mellora da calidade de vida, así como os riscos que comportan, valorando os problemas sociais e éticos que poden xerar.

8. Identificar os principais problemas relativos á saúde, ao medio natural, ás novas tecnoloxías e materiais, ás fontes de enerxía, etc., tratando de comprender as bases científicas para avaliar criticamente as informacións dos medios de comunicación e adquirir independencia de criterio.

9. Construír un coñecemento coherente e crítico sobre as tecnoloxías da información e comunicación e sobre a sociedade do ocio presentes no contorno do alumnado, propiciando un uso axeitado delas, prestando especial atención á existencia da fenda dixital de xénero entre países ricos e pobres.

10. Utilizar na vida cotiá os coñecementos adquiridos, participando nas controversias tecnocientíficas locais e globais, e desenvolver hábitos democráticos baseados na argumentación e no diálogo.