Co gallo da celebración do Día Internacional do Patrimonio (16 de novembro), do Mes da Ciencia en Galego e do 25N, a biblioteca transformouse nun pequeno laboratorio de investigación. O alumnado de 1º ESO estivo a traballar cos libros Galegas na Ciencia e Pioneiras para coñecer mellor a vida e o legado de moitas mulleres do noso país que fixeron historia, aínda que non sempre saen nos libros de texto.
En primeiro lugar, cada alumno e alumna escolleu (ou recibiu ao chou) unha das mulleres que aparecen nos libros. A partir dunha ficha de lectura, tiveron que localizar datos básicos (quen era, onde e cando viviu, a que se dedicou…) e, sobre todo, entender por que foi importante e que dificultades tivo polo feito de ser muller. Traballamos moito iso de “non só copiar”, senón ler, subliñar e logo contar coas súas propias palabras.
Nunha segunda fase, pasamos desa ficha individual a unha pequena infografía feita a man: un póster cun título ben visible, datos clave, ideas principais e un debuxo ou símbolo que representase a protagonista. Cada quen puxo en xogo a súa creatividade, pero mantendo unha estrutura común para que, xuntas, formasen unha exposición ordenada e doada de ler.
O resultado é unha mostra chea de cor e de historias potentes: científicas, artistas, deportistas, músicas, escritoras, activistas… Todas galegas, todas referentes, todas cunha historia que paga a pena coñecer.
Ademais de aprender sobre ciencia e igualdade, o alumnado practicou a lectura comprensiva, o resumo, a expresión escrita e a comunicación visual. 💜🔬
Ao rematar fixeron unha exposición das infografías na biblioteca.
Ao finalizar o traballo, Inés, Martina e Leire crearon un programa de radio. Nel, contan o que estiveron a traballar durante varias semanas. No programa explícase todo o proceso: a lectura dos textos, a recollida da información nunha ficha, o resumo coas súas propias palabras e a creación final dunha infografía feita a man, que agora forma parte dunha exposición na biblioteca. Ademais, o podcast lembra que esta proposta serve para conmemorar o Día Internacional do Patrimonio e para poñer en valor o patrimonio inmaterial que supoñen as vidas e os logros destas mulleres galegas que abríron camiño e que non queremos esquecer.