O elo popular
A tradición popular foi o elo que nos levou dende Defuntos, época en que traballamos con relatos que tiñan como protagonistas os seres míticos da tradición galega, até o entroido, os maios e, por suposto este curso, ás Letras Galegas protagonizadas polas cantareiras homenaxeadas e o seu legado.
No entroido quixemos conectar cunha tradición afastada da nosa, a dos Felos de Esgos, no concello ourensán que leva o seu nome. Traballamos no traxe formado por camisa branca, gravata rechamante e colorida, nos ombreiros panos de cores vivas e arredor do pescozo un pano atado en pico. Calzón longo de punto branco e enaguas brancas. Botas elásticas con polainas. A cara cuberta cunha carauta feita cun cartón cilíndrico que cobre a cabeza ata os ombros. Esquilós rodeando as cinturas para facer moito, moito ruído (seica se usaban na montaña para espantar os lobos). E na man, a caiada, coa que se lle dá a quen non participa da festa.
A chegada da primavera celebrámola cun “maio” realizado polo alumnado de 3º, 4º da ESO e Bacharelato e outras intervencións artísticas que encheron o instituto de cor e arrecendos naturais.
O 16, por adiantado, fixemos soar a nosa lingua a ritmo de muiñeira e coplas populares. Cada clase cantou unha cantiga e todo o instituto bailou. Convertémonos nese día nas cantareiras que herdaron o legado destoutras ás que lles dedicamos esta festa da literatura: Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido, que tamén “representan miles que transmitiron este gran tesouro” como dixo María Lado.