Este curso estamos de celebración: o IES Valadares cumpre 25 anos! Dende aquel 1999 no que abrimos as portas, moitas xeracións de alumnado, profesorado e familias pasaron por aquí, facendo deste instituto un lugar cheo de vida, aprendizaxe e comunidade.
Para dar comezo ás celebracións, organizamos un acto moi especial. Reunímonos coas directoras e directores que pasaron polo centro ao longo destes anos, nun encontro cargado de emocións e lembranzas. Acompañounos tamén o Xefe Territorial, a Presidenta do Centro Cultural de Valadares (que sempre nos apoia e incluso trouxo un agasallo), e Noa, unha exalumna que hoxe é docente. Todo un orgullo!
No público gozamos da compañía de moito profesorado, familias e alumnado. Foi un pracer escoitar tocar a Noa de 4º ESO ao piano: unha actuación de luxo que nos deixou sen palabras. Un momento máxico para comezar a xornada.
E como non podía faltar, celebrámolo tamén á nosa maneira: romaxe na finca do instituto, entre árbores, risas e boa comida. O tempo acompañou, e o ambiente non puido ser mellor.
Houbo tempo para o baile, para a música tradicional e tamén para o rock, co estupendo concerto da nosa banda. Un peche perfecto para un día inesquecible.
Queremos dar as grazas a todas as persoas que participaron e fixeron posible esta festa tan especial. Foi unha xornada para lembrar, chea de reencontros, emocións e alegría compartida.
Por moitos anos máis de educación, cultura e vida en común.
Por outros 25 anos de IES Valadares! 💙💛