Este programa é o resultado dun traballo de investigación realizado polo alumnado de 3º da ESO na materia de Portugués, coordinado pola súa profesora, Marilú.
A actividade tiña como obxectivo principal coñecer mellor a cultura portuguesa a través das súas tradicións comerciais, tan vivas e características.
Desde as materias de Lingua Galega e Lingua Portuguesa, o alumnado investigou sobre a tradición galega de ir mercar roupa, especialmente toallas, ao norte de Portugal, así como sobre as feiras tradicionais galegas e portuguesas, e a relación que moitas familias teñen con estas prácticas.
O traballo foi realizado en equipos cooperativos e de maneira interdisciplinar. Ao final da investigación, graváronse programas de radio que combinan voz e música para compartir todo o aprendido.
Con esta proposta buscouse fomentar no alumnado o coñecemento da tradición cultural galega e o aprecio pola súa conservación.
O traballo realizouse en equipos cooperativos e de maneira interdisciplinar. Ao final da investigación, graváronse programas de radio que combinan voz e contido informativo para compartir todo o aprendido. Ademais, elaboráronse carteis anunciando as feiras estudadas, nos que se recollen os datos máis relevantes de cada unha: produtos típicos, localización, historia, datas de celebración e curiosidades.
Estes carteis serán expostos no centro como parte da difusión do proxecto.
Durante varias semanas, os rapaces e rapazas afondaron en diferentes mercados repartidos polo país veciño: desde o Mercado da Ladra en Lisboa ata a feira de Barcelos, coñecida polo seu galo e os seus produtos artesanais. Tamén recolleron información sobre outras feiras de produtos locais e investigaron a famosa lenda do Galo de Barcelos.
A investigación incluíu entrevistas a familiares, buscas en páxinas oficiais e consultas en oficinas de turismo.
Cada grupo presentou unha feira ou mercado, describindo os produtos típicos, a historia do lugar, a importancia económica e social destes espazos nas comunidades locais, e tamén anécdotas curiosas recollidas durante o proceso.
As intervencións foron feitas en portugués, demostrando os avances do alumnado na comprensión e na expresión oral desta lingua irmá.
📻 O martes 13 de maio, o alumnado de Portugués participou nunha sesión moi especial coa colaboración do músico e comunicador Pancho Álvarez, quen lles achegou o mundo da gravación radiofónica e dos podcasts. Durante dúas horas ben amenas, cantamos, tocamos o violín e aprendemos moito sobre como se crea un programa de radio. Foi unha experiencia diferente, divertida e chea de aprendizaxes.
Queremos darlle as grazas de corazón a Pancho Álvarez por esta magnífica sesión, que sen dúbida deixou unha fonda pegada en todas e todos nós.
O resultado final foi un proxecto entretido, cheo de contido interesante, que nos fixo viaxar polo Portugal máis auténtico sen saír da aula. Esta actividade non só serviu para mellorar as competencias lingüísticas do alumnado, senón tamén para fortalecer o seu interese pola cultura portuguesa, promovendo valores como o respecto, a curiosidade e a apertura ao que nos rodea.
Sen dúbida, unha experiencia educativa enriquecedora que quedará na memoria de todos e todas.