🎭 Entroido 2025: tradición, creatividade e moita festa no noso instituto 🎉
Durante a semana previa á celebración do Entroido, o Meco foi o auténtico protagonista dos corredores. Cada día deixábanos unhas normas moi especiais sobre como tiñamos que vir vestidos/as ao día seguinte: pixamas, roupa do revés, accesorios disparatados... Cada mañá, o cartel coas súas esixencias esperaba no taboleiro, arrincando sorrisos e creando un ambiente cheo de ilusión e complicidade. Foi unha maneira divertida e orixinal de ir quentando motores para a gran festa do venres 28 de febreiro.
Ese día, nas tres últimas horas de clase, o noso instituto converteuse nun auténtico escenario de cores, música e alegría. Celebramos o tradicional festival de Entroido no salón de actos, onde todo o alumnado da ESO desfilou por clases cos seus disfraces. Non faltaron as propostas orixinais, nin os bailes ensaiados con moito entusiasmo. Houbo risas, aplausos e, sobre todo, moitas gañas de compartir un bo momento xuntos. A creatividade do alumnado quedou máis que demostrada, e o ambiente foi incriblemente festivo.
Pero detrás de todo este festival, hai moito traballo que merece ser recoñecido. As alumnas do Bacharelato de Artes encargáronse de organizar practicamente todo: fixeron as compras para a decoración e prepararon a aula magna, estableceron quendas nas aulas, deron avisos, controlaron luces, puxeron a música e, por se fose pouco, foron tamén as encargadas de presentar todas as actuacións 🎤. A súa implicación e responsabilidade fixeron posible que todo saíse á perfección. Grazas de corazón pola vosa colaboración e esforzo! 👏
Outro dos momentos especiais deste Entroido foi a participación do profesorado, que decidiu disfrazarse de algo moi noso: os Felos de Ergos. Esta figura tradicional do Entroido Galego, especialmente representativa de Ergos (Concello de Castrelo do Val), é un símbolo do noso patrimonio cultural inmaterial.
Os Felos levan unha careta elaborada a man, roupa tradicional e fan un labor de recuperación e transmisión das tradicións máis antigas do rural.
Para crear os disfraces, xuntámonos unha tarde no instituto: só fixo falta cartolina, pinturas, pegamento... e moita imaxinación! Ademais, para as persoas máis marchosas, ensaiamos un baile que fixo as delicias do público 😄.
Recuperar a figura dos Felos serviu tamén como oportunidade para que o alumnado coñecera mellor as raíces culturais de Galicia. O Entroido non é só disfrazarse, senón entender de onde vimos, por que celebramos estas festas e que simbolizan. As tradicións que nos definen como pobo deben ser coidadas e transmitidas ás novas xeracións. E que mellor forma de facelo que mesturando aprendizaxe con diversión? 😉
Rematamos así unha semana moi especial, chea de traballo compartido, colaboración entre etapas, risa, arte, danza e tradición. Grazas a todo o alumnado, ao profesorado, e a todas as persoas que fixestes posible este Entroido 2025. Xa estamos desexando ver que sorpresas nos traerá o Meco o ano que vén... ata entón, que viva o Entroido e que viva a cultura galega! 💙🎊