Un novo reto

Dende que comezou na escola, o voso fillo ou a vosa filla foi adquirindo uns coñecementos básicos e unha progresiva autonomía que lle permitirá desenvolverse na nova etapa educativa que vai comezar. O paso á nova etapa educativa vai supoñer moitos cambios:

  • Novos compañeiros e compañeiras

  • Cambio de profesorado

  • Materias novas

  • Cambio de centro

  • Un horario máis amplo

  • Maiores esixencias académicas

Estes son algúns dos cambios aos que se deben enfrontar os nenos e nenas cando comezan a etapa de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO); uns cambios que ademais se dan nun momento clave do desenvolvemento psíquico e físico do estudante: a entrada na adolescencia. Durante esta etapa, máis que en ningunha outra, é fundamental o apoio e colaboración das familias para contribuír ao éxito escolar dos vosos fillos e fillas.

O noso itinerario académico está marcado polo tránsito entre as distintas etapas formativas que conforman o sistema educativo: Educación Infantil, Primaria e Secundaria. A transición entre estas etapas xera cambios significativos tanto na organización escolar como no desenvolvemento académico dos alumnos e das alumnas, provocando en moitos casos situacións de intranquilidade ou incerteza entre as familias ante o modo no que os seus fillos e fillas se adaptarán aos novos retos que se presentan na súa educación; sobre todo, no paso da etapa de Educación Primaria a Secundaria, onde os cambios escolares son máis relevantes e se combinan ademais coa transición á adolescencia.

Os nenos e nenas incorpóranse á Educación Secundaria Obrigatoria no ano natural en que cumpren os 12 anos (13 se repetiu algún curso en Primaria) e logo de ter cursado os seis niveis de Educación Primaria. Está estruturada en catro cursos.