Que cambia?

  • Cambio de centro escolar: En Pontedeume, no ensino público, mentres que as etapas de Infantil e Primaria se imparte nos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) a ESO impártese nos Institutos de Educación Secundaria (IES), xeralmente adscritos aos anteriores. Este cambio leva unha maior liberdade de movementos aos alumnos e alumnas, xa que se outorga maior independencia ao estudante.

  • Cambio de profesorado: o cambio de centro implica o encontro cun novo claustro de profesorado e en moitos casos, novos compañeiros/as de clase e novas amizades. Ademais, entran nunha etapa de “maiores”, onde o alumnado terá unha idade comprendida entre os 12 e os 18 anos

  • Cambios académicos: no plano académico a etapa de Secundaria está marcada por un aumento das materias que debe cursar o alumnado así como unha ampliación do horario, que pasa de 25 a 32 sesións semanais (30 pola mañá e dúas pola tarde, os martes). Ademais, o nivel de esixencia ao alumnado durante esta etapa increméntase a medida que van avanzando os cursos e polo tanto o traballo e o rendemento dos alumnas e das alumnas debe ser máis intenso que na etapa anterior.

Que se adapten correctamente a estes cambios pode ser determinante no éxito ou fracaso escolar durante esta etapa educativa e consecuentemente no posterior paso a niveis educativos superiores. Por iso, o papel que deben desempeñar as familias durante o primeiro ano de Secundaria non debe estar relegado á mera observación, senón que debe ser participativo e activo de modo que facilite, dentro da independencia que se lles debe dar nestas idades, a súa adaptación e integración tanto social como académica.