POR QUE?

A Literatura, a Historia, a Arte... abranguen un inxente número de persoas, unhas anónimas outras con nome e apelidos, cuxas obras, accións e ideas foron esquecidas, silenciadas no devalar do tempo e mesmo relegadas dos cánones oficiais, entre outras cuestións, por razóns de xénero, de ideoloxía ou doutra índole académica. Nesta extensa anonimia topamos principalmente mulleres que moveron a sociedade da súa época e que, xunto aquelas outras historicamente coñecidas, fixeron avanzar a Humanidade. Nesta ampla corrente de esquecemento observamos tamén figuras fundamentais dos colectivos LGBTQI+, cuxas ideas e obras, cuxas cosmovisións foron invisibilizadas na súa época, debido ao seu tránsito na disidencia.

O anonimato de todas estas mulleres contrasta coa resistencia que irradian as súas accións, coa importancia histórico-social das súas obras e coa transcendencia do seu pensamento. Estudarmos as súas vidas, visibilizarmos as súas achegas, camiñarmos sobre as súas pegadas anónimas, silenciadas, esquecidas, invisibilizadas... son diferentes maneiras de contribuír, desde a interdisciplinariedade que permiten as Humanidades, ao fomento do desenvolvemento da igualdade efectiva entre mulleres e homes, e dos valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social.

A nosa proposta de para o club de letras, está, por tanto, en consonancia co artigo 4 do Decreto 86/2015, relativo aos elementos transversais que han de ser traballados en todas as materias no nivel, no caso que agora nos atinxe, da ESO, e tamén cos obxectivos 4º e 5º da Axenda 2030 para o Desenvolmento Sostible, que centran a atención, respectivamente, na educación de calidade e na igualdade de xénero.