Facermos visibles As mulleres da Bauhaus

No ano 2019 festexamos o centenario da creación da Staatliche Bauhaus (‘casa da construción estatal’). Conscientes da importancia que tivo esta escola de deseño e artes na sociedade de inicios do século XX, sabedores/as da existencia dun amplo número de mulleres vinculadas á mesma mais invisibilizadas pola feito de seren mulleres no canon artístico, o IES Valadares incorporou, dentro do seu proxecto para o Club de Letras Anónim*s, un obradoiro de camisetas inspiradas na obra e deseños creados polas mulleres da Bauhaus. Tomando como principios fundamentais o fomento da interdisciplinariedade e da igualdade efectiva entre homes e mulleres, o proxecto do incorporouse ás actividades organizadas dentro do Proxecto de Centro Invisible aos ollos.

Durante a primeira avaliación, o alumnado de 3º da ESO das materias de Educacistica, Visual e Audiovisual e de Lingua Castelá e Literatura realizou unha pescuda sobre a biografía e obra destas autoras, elaborando presentacións orais, un obradoiro de camisetas e un obradoiro de gravado, inspirados na obra de, entre outras, Marianne Brandt, Lucia Moholy, Gertrud Arndt, Anni Albert, Alma Buscher, Lilly Reich, Otti Berger, Lis Beyer, Ellen Rosenberg ou Gunta Stölzl, e na temática da igualdade.

EPVA

Durante o período presencial deste complicado curso, o departamento de EPVA aplicou a metodoloxía do traballo cooperativo nesta materia, continuando cunha das liñas de innovación educativa do IES Valadares e realizou dúas actividades relacionadas co club de letras e, por extensión, coa igualdade: un obradoiro de camisetas e un obradoiro de gravado inspirados na obra das mulleres relacionadas coa Bauhaus, e tamén no concepto da igualdade. Na primeira actividade, o procedemento de traballo comezou coa explicación teórica do movemento da Bauhaus e a irrupción do papel da muller neste movemento artístico (visionado de obras e vídeos). O alumnado recoñeceu as diferentes propostas e as súas características. Seguidamente, cada grupo cooperativo deseñou un estilo de conxunto, atendendo á obra da artista seleccionada. A partir desa decisión conxunta, cada membro tivo que elaborar un deseño individual para a súa camiseta. Deste xeito, elaboraron un bosquexo en papel. Por último, aplicaron este deseño a cada camiseta, mediante a técnica da pintura á auga, pintura acrílica sobre tecido, combinada co uso de rotulador. Nesta fase o alumnado atopouse con diversos problemas derivados da falta de coñecemento da técnica. Finalizada a camiseta, fixemos unha exposición na entrada do centro, colgándoas nunhas cordas con pinzas, a modo de tendal. Na segunda actividade, o alumnado elaborou cadansúa lámina de linóleo para imprimir no tórculo con tinta de diferentes cores, tendo como fonte de inspiración a igualdade. Os resultados deste segundo obradoiro foron tamén expostos no centro, nun taboleiro da entrada. O resultado de ambas as dúas actividades foi moi positivo e os deseños moi interesantes e creativos. O alumnado puido afondar na composición da imaxe, no propio proceso creativo, pór en práctica a teoría da cor, coñecer diversas técnicas artísticas, achegarse á metodoloxía cooperativa e traballar valores como a igualdade e a solidariedade, nunha aprendizaxe integral.

Alumnado de 3º ESO realizando o obradoiro de camisetas
Gravados realizados polo alumnado de 3º ESO

LCeL

Nas aulas de Lingua castelá e literatura, o alumnado de 3º da ESO fixo un traballo de investigación sobre as mulleres da Bauhaus cuxo produto final foi a elaboración de exposicións orais en grupo para visibilizar a vida e obras destas artistas, creadoras, fotógrafas, deseñadoras e arquitectas. Seguiron tres pasos básicos: 1) procura, selección e análise da información, 2) tratamento da información e 3) transferencia e comunicación do coñecemento. Para o 1º paso foi fundamental as sesións de traballo na biblioteca do centro, onde o alumnado puido facer uso de diferente material dixital e dos fondos impresos de que dispón o centro. A dificultade máis importante foi obter información sobre cada autora, que é na maior parte dos casos moi escasa. No 2º paso cada grupo elaborou un texto expositivo no que falaron da vida e obra destas mulleres no contexto histórico e artístico onde se desenvolveu a escola. Por último, elaboraron unha presentación oral que expuxeron na aula antes do remate da 1ª avaliación. A tarefa permitiu traballar a competencia informacional e dixital do alumnado, a través dunha metodoloxía interseccional, onde se entrecruzaron o respecto pola diversidade e a igualdade real e efectiva con disciplinas artísticas, plásticas, históricas e lingüísticas.

Presentación de 3º ESO sobre Anni Albers
Xogo baseado na obra de Anni Albers

Unha vez realizadas as exposicións orais na materia de LCeL e os obradoiros na materia de EPVA, o alumnado de 3º ESO ía dirixir un obradoiro para transferir as súas novas aprendizaxes aos restantes niveis educativos do centro, durante a feira de coñecementos da Semana das Ciencias e das Letras do IES Valadares. A promulgación do estado de alarma impediu levar adiante a semana cultural e, en consecuencia, tamén o obradoiro, que estaba pensado para ser realizado o 03/04/2020. No entanto, o IES Valadares quixo compartir con toda a comunidade educativa este proxecto que estaba dirixido a outros niveis educativos alén de 3º da ESO no blog da biblioteca, xa que comprendemos que temos que visibilizar os nomes e logros destas mulleres, ocultas no canon artístico, que tamén moveron a sociedade da súa época e que fixeron avanzar coa súa creatividade e obra o campo das artes e do deseño. Porque queremos vivir nun mundo máis xusto, que rescate a memoria das mulleres pintoras, arquitectas, escultoras, deseñadoras... invisibilizadas aos ollos da sociedade simplemente polo feito de seren mulleres.

Exposición das camisetas no corredor do centro