Co gallo do centenario da Bauhaus incluímos na nosa proposta de Club de Letras Anónim@s un obradoiro de camisetas inspiradas na obra das mulleres que perteceron á devandita escola artística e de deseño, consonte ao proxecto de centro Invisible aos ollos.
Co desexo de continuarmos a traballar interdisciplinarmente con esa liña temática, quixemos achegar ao resto do centro a convocatoria do II Concurso de Creacións Artísticas, que este ano propuxo elaborar un produto artístico (por exemplo, decorar un vidro das aulas ou da entrada do centro) con motivos deste movemento artístico. A idea era crear un produto artístico inspirado nunha obra de arte e deseño deste movemento ou artellar unha creación propia que fixese alusión á escola.
A proposta final, pensada para ser coordinada desde as titorías, foi a seguinte:
***
Deste xeito aquelas titorías que así o desexaron comezaron a traballar en diferentes propostas creativas.
Partindo de consensos establecidos dentro de cada grupo participante, o alumnado foi revisando a produción artística e biografía das mulleres da Bauhaus e elexiron unha ou varias obras, obxectos e/ou datos da vida destas artistas para inspirarse.
O estado de alarma promulgouse en pleno proceso creativo, polo que as propostas que comezamos quedaron paralizadas.
No entanto, salientamos, deseguido, algunhas das propostas que traballaron, entre outras, a titoría de 3º ESO A, co seu titor, ou os grupos de 2º ESO A, 2º ESO B e 2º PMAR, coa súa profesora de Xeografía e Historia.
A interrupción da actividade docente como medida preventiva fronte a COVID-19 paralizou o desenvolvemento do noso concurso spin-off. No entanto, algunha titoría, por iniciativa do seu alumnado, realizou na casa as súas creacións artísticas. Recollemos, deseguido, tamén as súas creacións artísticas.
A titoría de 3º ESO A escolleu inspirarse na vida e obra da deseñadora téxtil Gunta Stölzl, pois foi unha das poucas mulleres que formou parte do profesorado (mestra do taller de tecidos) e tamén foi directora da escola, cando a sede foi trasladada a Dessau en 1925.
Como creación artística este grupo dediciu decorar o vidro superior da porta da súa aula con motivos e formas tomados da obra de Gunta, empregando rotuladores de tiza líquida e diferentes bosquexos en papel.
O traballo ía ser completado cunha reprodución, tamén sobre o vidro e con rotuladores de tiza líquida, dunha versión posterizada da súa credencial de profesora, onde aparece, baixo a súa fotografía, o seu nome e, baixo este, a palabra studierende ('estudante') tachada, sobre esta última, a palabra meister ('mestra').
Gunta Stölzl
mestra
é estudante da Bauhaus en Dessau.
Os grupos de 2º ESO A, 2º ESO B e 2º PMAR estaban a pensar os seus traballos para o concurso durante a semana que se iniciou o confinamento, na materia de Xeografía e Historia.
Deste xeito, estaban a bosquexar, por un lado, unha obra escultórica tridimensional inspirada nun cadro de Piet Mondrian, que sería realizada con materiais de refugallo. Así mesmo, inspirándose no deseño da tetera de Marianne Bradt de 1924, o alumnado estaba a elaborar un deseño propio coas cores identificativas da Bauhaus para recreala no vidro. E, finalmente, estaban a recrear unha escultura inspirada nas máscaras de Oskar Schlemmer e na coñecida foto de Marcel Breuer, onde unha estudante da escola cunha máscara semella representar unha idea: a decisión de non facilitar no inicio da escola ás mulleres o ingreso en determinadas disciplinas coma as de metal, malia a súa política innovadora de permitir o acceso das mulleres á súa formación.
O obxectivo era reflectir, en primeiro lugar, os problemas que tiñan as artistas para expresarse cos materiais que tradicionalmente estaban destinados aos homes, designándoselles “artes menores” coma o téxtil ou a cerámica, e condenándoas, así, á invisibilidade. En segundo lugar, a finalidade era valorar a importancia da Bauhaus e o papel das súas mulleres no inicio da arte contemporánea.
Nas horas de titoría de 1º ESO B estaban a preparar un proxecto moi especial cando chegou o confinamento. Este grupo decidiu incorporarse á proposta do Club de Letras de investigar sobre o movemento Bauhaus que no ano 2019 celebrou o seu centenario. A idea inicial era decorar o cristal que está sobre a porta de entrada á aula. Para escoller o motivo da decoración crearon un comité especial para decidir que muller queriamos homenaxear.
O comité do alumnado escolleu dúas mulleres: Anni Albers e Gunta Stölzl, debido ao seu campo artístico: o tecido. Descubriron que, malia o carácter liberal e vangardista do movemento da Bauhaus, tamén as mulleres acabaron relegadas ao que se consideraban “artes menores” ou simplemente ignoradas. Por iso, a reivindicación de dúas artistas do campo téxtil pareceu un acto revolucionario ao alumnado desta titoría.
Evidentemente, promulgado o estado de alarma, houbo que adaptar a intención inicial do proxecto, mais decidiuse non abandonalo. Houbo varias alumnas e alumnos que enviaron as súas recreacións ou reinterpretacións das obras destas artistas. Deixamos, deseguido, os seus traballos realizados desde as súas casas.