FAcermos visibles as mulleres nO Día Mundial da Poesía

O 5 de febreiro de 1998 o editor A. Pastor Bustamante solicitou á UNESCO a creación do Día Mundial da Poesía. Esta efeméride foi aprobada por este organismo especializado das Nacións Unidas no seu 30º período de sesións celebradas en París en 1999, onde foi acordado que sería celebrado cada 21 de marzo. Na súa resolución a UNESCO salientaba que a poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación de ideas por medio da palabra, da innovación e da creatividade. Alén disto, debido ás súas posibilidades, a linguaxe poética facilita o diálogo entre culturas, apoia a diversidade lingüística a través da expresión poética e permite aos pobos a expresión das súas ideas (*).

Co gallo de fomentar no noso alumnado o diálogo entre a poesía e as outras manisfestacións artísticas, colaborar na consecución da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres e o respecto polas diversidades, e traballarmos á alfabetización mediática e informacional (ALFIN/AMI) incluímos na nosa proposta de Club de Letras, unha exposición para o Día Mundial da Poesía, onde os grupos participantes analizarán a vida e obra de poetas invisibles no canon literario, por exemplo, polo feito de seren mulleres.

Os produtos finais do devandito obradoiro ían ser, por un lado, a elaboración de carteis para seren expostos no centro e, por outro, a lectura pública das obras traballadas durante a hora de ler dedicada a esa conmemoración a través do Club de Escoita do noso centro, que estaba pensada para o día mércores 18 de marzo (2ª hora).

O Club de Letras consensou un documento modelo, a modo de exemplo, para a confección dos carteis. Co desexo de continuarmos a traballar interdisciplinarmente tamén con estas liñas temáticas, convidamos a todos os departamentos a sumarse á organización e celebración desta efeméride, onde quixemos abranguer a expresión de poetas invisibles, tendo tamén presente á diversidade lingüística. Tendo presente a consecución da igualdade real e efectiva, pensamos ampliar a nosa proposta inicial as mulleres das nosas familias, coñecidas e ánonimas ao mesmo tempo.

As tarefas foron comezadas na primeira semana de marzo; a promulgación do Estado de Alarma fixo que parte do proxecto quedara paralizado.


(*) Fonte: "Día Mundial de la Poesía." Wikipedia, La enciclopedia libre. Consultable en: <https://es.wikipedia.org/w/index.php?title=D%C3%ADa_Mundial_de_la_Poes%C3%ADa&oldid=126704373>.

escritoras do séc. XVI en lingua castelá no Dmp

PARA QUEN?

        • Alumnado de 3º ESO (dous grupos) na materia de Lingua castelá e literatura.

CANDo?

        • Durante as primeiras semanas do confinamento.

PARA QUE?

        • Tornarmos visibles as mulleres escritoras dos Séculos de Ouro no canon literario.
        • Desenvolvermos a competencia dixital e a alfabetización informacional e mediática.
        • Comprendermos que a expresión poética permite a expresión individual e colectiva de ideas.
        • Contribuirmos cos proxectos interdisciplinares do centro.

COMO?

        1. Investigación sobre a vida e obra dunha destas catro escritoras en lingua castelá:
              • Isabel de Vega
              • Catalina de Zúñiga
              • Luisa Sigea de Velasco
              • Leonor de Ovando
        2. Creación dun poema inspirado na obra da escritora.
        3. Elaboración dun cartel.

QUE?

        1. Estándares de aprendizaxe:
            • LCLB3.9.1. Participa en proxectos (elaboración de materiais multimedia, folletos, carteis, recensións sobre libros e películas, obras de teatro, etc.) nos que se utilizan varias linguas e relacionados cos elementos transversais, evitando estereotipos lingüísticos ou culturais, e valora as competencias que posúe como persoa plurilingüe.
            • LCLB4.5.1. Le e comprende unha selección de textos literarios, en versión orixinal ou adaptados, e representativos da literatura da Idade Media ao Século de Ouro, identificando o tema, resumindo o seu contido e interpretando a linguaxe literaria.
            • LCLB4.5.2. Expresa a relación entre o contido da obra, a intención do/da autor/a e o contexto, e o mantemento de temas e formas, emitindo xuízos persoais razoados.
            • LCLB4.6.1. Redacta textos persoais de intención literaria a partir de modelos dados seguindo as convencións do xénero, con intención lúdica e creativa.
            • LCLB4.7.2.Utiliza recursos variados das tecnoloxías da información e da comunicación para a realización dos seus traballos educativos.
        2. Contidos
            • As mulleres escritoras na literatura dos Séculos de Ouro.


Esta actividade, programada para o Día Mundial da poesía, foi realizada polo alumnado desde a distancia, nas súas casas, durante as primeiras semanas do confinamento, debido a promulgación do Estado de Alarma.

o día mundial da poesía e as mulleres da nosa familia

"A METADE DO CEO"


PARA QUEN?

        • Alumnado de 1º ESO (catro grupos), 2º ESO (dous grupos e 2º PMAR) e 4º ESO nas materias de Ciencias Sociais e Valores Éticos.

PARA QUE?

        • Pór en valor as nosas mulleres, que, aínda que non sexan famosas, son importantes pois nos queren, coidan, atenden...
        • Aprender a escoitar e a plasmar os nosos sentimentos na escrita.

COMO?

        1. Elaboración dun cartel en A3 para conmemorar algún fito importante da vida destes mulleres.
        2. Exposición pública dos mesmos nos corredores do centro.
        3. Partes do cartel:
            1. Pequena biografía da muller escollida fundamental na nosa vida, facendo fincapé na explicación de por que a consideramos unha heroína.
            2. Unha imaxe dela, un deseño, unha composición fotográfica.
            3. Un poema ou letra de canción coa que ela se sinta identificada.

Esta actividade, programada para o Día Mundial da poesía, quedou adiada, sen exposición das tarefas e sen unha valoración final pois era a tarefa que estabamos a desenvolver na materia de Valores Éticos no momento de promulgarse o Estado de Alarma.