Conscientes da importancia que a memoria xoga no ámbito interdisciplinar das Ciencias Humanas, o noso proxecto para o Club de Letras pretende rescatar do esquecemento persoas anónimas, obras, ideas e accións... sen as que non poderíamos concibir o noso mundo, a nosa sociedade.
Para atinxir os obxectivos establecemos dúas vías de traballo que podemos agrupar, a grandes trazos, en actividades e tarefas dentro e fóra da aula, con obradoiros/exposicións. Ambas vías de traballo son concebidas como os elos dunha única cadea que percorre de maneira transversal o IES Valadares, onde o noso alumnado traballará de maneira interdisciplinar os referidos elementos transversais (art. 4 do Decreto 86/2015), xunto á alfabetización informacional e en medios (ALFIN/AMI).
Recollemos deseguido os obradoiros/exposicións que realizaremos:
- Obradoiro/Exposición sobre as mulleres da Bauhaus, no centenario do movemento artístico que foron invisibilizadas no canon artístico polo feito de seren mulleres. O produto final do obradoiro será a elaboración de camisetas con deseños baseados na obra das mulleres da Bauhaus.
- Exposición para o Día Mundial da Poesía sobre poetas que foron invisibilizadas no canon literario polo feito de seren mulleres. Os produtos finais do obradoiro serán, por un lado, a elaboración de carteis que serán expostos no centro e, por outro, a lectura pública das autoras e obras traballados, durante a hora de ler nesta conmemoración.
No nivel de 4º ESO, dentro realizaremos as seguintes actividades e tarefas:
- Nas materias de Xeografía e Historia e de Valores Éticos traballarán e investigarán sobre o papel da muller na Resistencia entre 1936 e 1945, é dicir, mulleres invisibilizadas no canon histórico. Os produtos finais serán, por un lado, un ciclo de conferencias que o alumnado de 4º ESO impartirá aos seus compañeiros/as de 1º, 2º e 3º ESO no período da guerra civil española e da segunda guerra mundial, e, por outro, a recreación de entrevistas a mulleres que fixeron historia no mundo contemporáneo (vídeos).
- Na materia de Lingua Castelá e Literatura investigarán sobre mulleres dos séculos XIX ao XXI, é dicir, mulleres invisibilizadas no canon literario. O produto final será a gravación de podcasts que recollan entrevistas ficticias a algunha destas mulleres.
- Na materia de Latín indagarán sobre a vida diaria da muller en Roma en diferentes ámbitos: familia, matrimonio, política, mundo dos negocios, exército, relixión, vida social... O obxectivo final é reflexionar sobre o papel da muller na vida cotiá romana. O produto final reflictirá os resultados desta investigación en carteis informativos que serán expostos no centro.
NOTA BENE: A boa acollida dalgunha propostas do club de letras conlevaron ampliar algunhas actividades a outros niveis educativos do centro. A promulgación do estado de alarma afectou ao desenvolvemento das actividades propostas. No entanto, o alumnado e o profesorado tentamos levar adiante, na medida do posible e desde o confinamento, as actividades.