Este é un libro de versos que rompen as costuras do silencio; un albúm secreto para todas aquelas mozas que procuran una fenda nos valos, máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas; un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo. Porque medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos.Non agardes máis: entra nun universo onde non todo vai ser fashion& cool& chic& sexy.
CEIBA DE LUZ M, LOURENZO GONZÁLEZ Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, 2017.
Oachado nunha tenda de antigüidades dunha estatuíña humana, de ouro macizo e fasquía precolombina, desencadea a organización da expedición Ceiba de Luz. Un grupo heteroxéneo formado por dezaoito persoas e comandado pola profesora Sandra Olivares embárcase na aventura de chegar ao mítico Eldorado. Durante máis de dous meses atravesan a selva amazónica no Perú na procura das culturas taimahuara e arapanac, ata alcanzaren a antiga cidade de Haripari. A convivencia provocará liortas, intrigas e traizóns, pero tamén relacións de amizade, amoríos e morte. En Ceiba de Luz , Manuel Lourenzo González amosa a súa habelencia narrativa agasallándonos cunha novela de aventuras cargada de intriga onde as psicoloxías e as relacións dos personaxes, plasmadas nuns diálogos vivos, evolucionan no tan vizoso como abafante ambiente da selva amazónica. Como pano de fondo, a natureza virxe converxe coas culturas ancestrais para crearen un poder que se enfronta, desde o misterio, ao egoísmo e a superficialidade da sociedade en que vivimos.
JULES VERNE e a vida secreta das mulleres planta LEDICIA COSTAS
4ª Edición - Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2015 - Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Xuvenil -Premio Fervenzas 2016 Mellor Capa de LIX - Premio Gala do Libro Galego (Infantil/Xuvenil), 2017 - Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2017.
O 21 de maio de 1884 Jules Verne chegou a Vigo a bordo do seu impoñente iate. O afamado novelista levaba moito tempo atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Lograría por fin, logo de tantos anos de busca, atopalas naquela baía? Na botica do vello Philipot custódiase un importante segredo: alí, aparentando normalidade, viven a avoa Melisa e Violeta, dúas mulleres rodeadas dun halo de misterio. A chegada de Jules Verne á botica revolucionará as vidas desta singular familia. O tempo esgótase: a avoa Melisa está enferma e necesitan atopar unha cura. Mais hai ocasións en que non se pode loitar contra a forza da natureza. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe ás novelas de aventuras, unha viaxe no tempo cargada de maxia onde todo é posible.
Genet Mullugueta naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin. Corredora é unha historia colectiva de superación deportiva. Recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre as crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.
LEONARDO E OS FONTANEIROS MARÍA VICTORIA MORENO
Estas son as historias que lle suceden a Antón e mais a Leonardo.
O primeiro é un estudante. O outro é un can que un día aparece por aí. Ao longo do libro ocorren moitas cousas, tanto a Antón como a Leonardo. Quen nolas conta é Antón: as aventuras no colexio, as trasnadas dos rapaces, as rifas dos profes, a amizade con Leonardo. A verdade é que non hai tempo para aburrirse. A Antón incluso lle parece que as cousas ás veces se precipitan un pouco máis. ¿É iso facerse adulto? Comeza a historia contándolle Antón ao can Leonardo, que xa non está, a súa teima de mexar enriba dos gatos. Coñeceuno unha tarde de outono, á saída da escola, indo cara á Praza da Fonte e non o pode levar para a casa. Ameaza con lle cortar o rabo, que o can debe facerse respectar e non abanear o rabo aos descoñecidos. Un día Leonardo aparece malferido e vai ir a peor ata acabar desaparecendo. Mais o can acompañará sempre a Tono no seu pensamento e faralle compañía.
ECOLOXÍA
PERIGO VEXETAL RAMÓN CARIDE
Premio Merlín de Literatura Infantil, 1995
É unha novela clásica de aventuras ambientada no ano 2075, entre Galicia, Arxentina e Suiza. Dous irmáns orfos, Sheila e Said, de 10 e 12 anos respectivamente,póñense en contacto cos "rapaces do pasado" para contarlles unha extraordinaria aventura. Viven nun muiño da parroquia de Loreda e descobren, gracias á rede informática universal, un plano para domina-lo mundo, e loitarán ó longo de toda a novela para contrarrestalo. Escrita alternativamente en primeira persoa por cada un dos protagonistas, axiña descubriremos que a existencia dunha nova planta alimenticia, o supercereal SC-1, obtido por manipulación xenética, vai se-lo eixo de toda a trama. Un supercereal creado por procedementos biotecnolóxicos que está deseñado para substituir outras plantas como o trigo, o centeo, o millo ou o arroz que eran, ata daquela, a base da alimentación humana. Ó redor desta noticia comezan a aparecer novas informacións que os alertarán sobre unha posible ameaza.
LOCAL
Seis relatos que conforman o libro, sendo o primeiro deles, Á deriva, o que dá título ao conxunto. Seis relatos de moi diferente fasquía, aínda que pespuntados liricamente pola voz dun autor que nos vai levando desde un mundo trazado pola incredulidade do accidente do Discoverer Enterprise –incrustado pateticamente na ponte das Pías– até a novela breve Patria do vento tourón, en que se relatan as vicisitudes do torreiro Terencio, namorado dunha serea.
O realismo combina co fantástico, sen renunciar ao ton irónico, mesmo cómico, a pesar de que se poida mastigar a traxedia, como acontece en Maxia real –un conto máxico de reis en que anda a rondar a morte–, en Canción de arrolar, co fusilamento en 1938, após tr dado a luz, de Amada García no castelo de San Filipe de Ferrol, e en Berlarmino e o robalo, co teimudo submarinista que interioriza como un desafío a loita contra o magnífico animal. Finalmente, Isabel de Barreto, a almiranta dos Mares do Sur, antóllase tema recorrente e caro ao autor, agora recreado a través da figura dunha súa trasneta, protagonista de Ofelia Seis Dedas, que quixo tripar as mesmas terras que ela tripara en 1595 e que motivará a súa desgraza. Seis narracións, en definitiva, cheas de paixón, escritas co bon oficio de quen leva anos exercendo; narracións que, con certeza, non haberán de causar indiferenza a quen as lea.
NOVELA HISTÓRICA
O FRÍO AZUL RAMÓN CARIDE
O frío azul é un relato desacougante, que nos leva ao corazón de Ourense, onde se ergue impoñente e siandeiro o Mosteiro de Oseira. Até alí chega un viaxeiro desafiando a nevarada. Carrexa consigo unha misteriosa bagaxe, a fonda tristeza do seu espírito mancado e, sobre todo, a ansia por coñecer a calquera prezo a razón da insólita desventura que agocha. Aos poucos, paseniño, a monotonía tépeda da pedra e a rutina dos ritmos monacais irán minando a súa afouteza.
TRISTES ARMAS MARINA MAYORAL
Esta é a historia dunha carta que nunca chegou ó seu destino. Tamén é a historia de dúas nenas, Harmonía e Rosa, exiliadas en Rusia, de dous amigos que se atopan en bandos opostos, dunha muller loitadora, dun carteiro namorado, dun rapaz empeñado en borrar a tristeza dos ollos dunha rapaza. É unha historia de fillos separados dos seus pais, de parellas desfeitas, de homes e mulleres zarandeados e maltratados polos ventos do odio. Pero Tristes armas é sobre todo unha historia de amor.Tristes armas presenta dende un punto de vista sinxelo e profundamente humano algúns episodios da Guerra Civil, desde o punto de vista dos que non combateron, pero que sufriron as súas terribles consecuencias.
ACTUALIDADE
PALABRAS ENVELENADAS MAITE CARRANZA
Que pasou con Bárbara Molina? Nunca se atopou o seu corpo nin se conseguiron probas para deter a ningún culpable. Unha chamada a un móbil pon patas para arriba o destino de moitas persoas: o dun policía a piques de xubilarse, o dunha nai que perdeu a esperanza de atopar á súa filla desaparecida, o dunha moza que traizoou ao seu mellor amiga.
Palabras envelenadas é unha crónica dun día trepidante, vivido a contrarreloxo e protagonizado por tres persoas próximas a Bárbara Molina, desaparecida misteriosa e violentamente cando tiña quince anos. Un enigma que, despois de catro anos sen resolverse, vai verse sacudido por novas claves. Ás veces, a verdade permanece oculta na escuridade e só se ilumina ao abrir unha xanela.Unha historia de mentiras, segredos, enganos e falsas aparencias que pon o dedo na chaga sobre mitos incuestionables. Un relato arrepiante que disecciona a hipocrisía da sociedade española moderna. Unha denuncia valente dos abusos sexuais infantís, a súa devastadoras consecuencia e a súa invisibilidade neste mundo bienpensante noso.
A CABEZA DE MEDUSA MARILAR ALEIXANDRE
Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008 - Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2009 - Premio Frei Martín Sarmiento 2010 (categoría 3º ESO a Bacharelato)
Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica novela con valentía, claridade e tenrura.
MENTIRA CARE SANTOS
Xenia loita por sacar as mellores notas, impulsada pola ilusión de entrar en Medicina, pero ultimamente o seu rendemento está a baixar. Xenia namorouse, aínda que non dun mozo da súa contorna, senón dunha pantasma, dunha voz xurdida da internet coa que comparte a súa paixón pola lectura. Como Xenia é decidida e o seu amor virtual négase a unha cita, proponse sorprendelo, de modo que inicia as súas investigacións cos poucos datos de que dispón. E todo resulta ser falso, unha mentira, nin a foto nin o nome son reais. Quen é en realidade a súa alma xemelga? Arrepentida polo abandono dos seus estudos confesa todo aos seus pais, segura de ser vítima dalgún desaprensivo. Pero pronto un paquete inesperado vai revelarlle a identidade do raparigo co que compartiu os seus máis íntimas emocións. Provén do cárcere de menores e contén a historia dun asasino.
SAGAS EN GALEGO
NEMO O rapaz sen nome. DAVIDE MOROSINOTTO
Un misterioso rapaz sen pasado, unha rica herdeira que foxe do seu destino e un ex acróbata unirán as súas forzas nunha loita contra poderosos inimigos. Europa, 1829. Un rapaz de pel escura viaxa nun transatlántico e desembarca no porto de Le Havre. Deseguido, monta nun coche de cabalos que se dirixe cara a un colexio para mozos aristócratas que se atopa preto de París. Non é un estudante coma os demais: solitario e silandeiro, ninguén coñece o seu verdadeiro nome. Os seus amigos chámano Nemo. A vida de Nemo está envolta no misterio. É un rapaz introvertido, pero consegue vencer as súas reticencias e, á fin, inicia unha sólida amizade con Ashlynn, unha moza fráxil coma unha boneca, de rizos dourados e mirada cativadora. E con Daniel, un rapaz de bo corazón que medrou entre acróbatas e que agora traballa ao servizo do colexio. Só a eles lles ha revelar a súa orixe e o motivo polo que perdeu o nome. Así e todo, Nemo ten unha misión que cumprir. Alguén atravesou o mundo para darlle caza, pero el está máis decidido ca nunca a continuar a súa fuxida. Os tres amigos escaparán xuntos do colexio para comezar unha grande aventura, que porá a proba o seu dinamismo, a súa valentía e a confianza en si mesmo.
TÍTULOS DA SERIE: NEMO O xigante de pedra.
PODEROSA
Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man. SERGIO KLEIN
Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora. Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia. Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.
TÍTULOS DA SERIE: PODEROSA 2 e PODEROSA 3.
ÁMOTE LEO A.Destino xalundes. ROSA ANEIROS
Premio Irmandade do Libro ao Mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014
Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Quen estará detrás da misteriosa mensaxe? Será algún dos membros da extravagante tropa de Ruth á que se arrima en Barcelona? Inicia así unha engaiolante triloxía na que Leo deberá resolver estas e outras incógnitas que lle deparará o camiño, para descubrir que as cousas non sempre son como as soñamos. Ás veces resultan moito mellores.
TÍTULOS DA SERIE: ÁMOTE LEO A. Estación de tránsito e ÁMOTE LEO A. Terminal de... chegadas?
LETRAS GALEGAS 2018
MARÍA VICTORIA MORENO A MULLER QUE DORMÍA POUCO E SOÑABA MOITO FINA CASALDERREY , MARILAR ALEIXANDRE
Esta é unha novidade da colección Merlín sobre a escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2018.
Este libro é un acto de cariño, no que Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre ofrecen un fermoso retrato de María Victoria Moreno, a escritora, á que está dedicado o 17 de maio de 2018. Iniciada polo relato apaixonante do que sucedía na libraría Xuntanza de Pontevedra, da que era socia María Victoria, esta biografía segue o fío da vida da autora, dende os seus anos difíciles de infancia e formación, até a súa chegada en 1963, a Galicia, onde exerceu como profesora de lingua e literatura. Un relato no que están presentes, a súa paixón polo ensino e polos animais, reflectida en boa parte das súas obras, a súa capacidade para meterse na pel dos personaxes dos libros propios e alleos, até a valente actitude coa que enfrontou o cancro. Un libro, nacido do cariño e admiración por María Victoria, que reconstrúe con emoción toda unha vida de novela dedicada ao amor aos libros e a comunicar o pracer pola lectura en galego, lingua coa que mantivo unha historia de amor.
María Victoria Moreno (1941-2005) foi unha escritora de amplísima cultura literaria. A súa relación coa poesía era moi fonda. Xa en 1973 elaborou a antoloxía Os novísimos da poesía galega. Sentíase fascinada pola poesía e era quen de transmitir esa paixón recitando poemas de corrido. E aínda que escribiu poesía no ámbito da literatura infantil é moito menos coñecido que a súa vocación lírica a levase a legarnos este libro, escrito nos últimos anos: Elexías de luz, que agora publicamos postumamente, revisado por Xavier Senín. A última parte («Dous folios que foron brancos») é o poemario en que María Victoria estaba a traballar antes da súa morte e por iso se quixo conservalo tal e como ela o deixou. Elexías de luz é unha faceta máis da rica personalidade desta galega que permanecerá para sempre no noso recordo, unha muller que se namorou da lingua e a cultura galegas, coas que mantivo unha fermosa historia de amor, como ela mesma o definiu.
ANAGNÓRISE MARÍA VICTORIA MORENO
Unha fermosa novela de amor que figura entre os libros máis lidos e admirados pola mocidade galega.
O protagonista principal de Anagnórise é Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos, sempre áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.