Cursos anteriores

*** Curso 2020-2021 ***

Convocatoria Asemblea Xeral Extraordinaria_mércores 30 de xuño (18/06/2021)


Prezadas familias,

Queremos informarvos de que hoxe mesmo presentouse unha candidatura para conformar unha nova directiva da nosa asociación, e xa a tedes publicitada na páxina web da ANPA Sarela.

Esta candidatura está formada por:

Yolanda Diéguez Méndez

Brandán Gómez Hombre

Noémia Tato Abella

Pedro Lamas Carral

Catalina Sánchez García

Raquel Rodríguez Rey

Polo tanto, convócase unha asamblea extraordinaria para o día 30 de xuño ás 16:00 h en primeira convocatoria, no ximnasio do centro, coa única orde do día:

· Elección da xunta directiva

A asamblea rematará ás 18:00h.

Queremos agradecer o esforzo de todos e todas para levalo a cabo, e animarvos ó resto de familias a participar e sumar neste novo proxecto.

Un saúdo agarimoso,

Ana López Diéguez


Convocatoria Asemblea Xeral Extraordinaria_martes 20 de abril (13/04/2021)

Estimadas familias,


Dende o momento en que nos fixemos cargo da dirección desta ANPA, puxémonos unha data de caducidade. Ademais da obriga recollida nos nosos estatutos de renovar a Xunta directiva cada dous anos, nós mesmos nunca tivemos o propósito de perpetuarnos nos postos directivos. A nosa intención inicial era a de manternos até final de ano, mais trala renuncia de Ricardo coma presidente e a proximidade do final do curso, cremos que é o momento de abrir un proceso electoral para que as persoas que entren a formar parte da nova directiva teñan marxe de manobra suficiente para organizar as actividades e proxectos propios o vindeiro curso, que agardamos sexa menos restritivo que o actual. Así mesmo, pensamos que o traspaso dos proxectos que xa están en marcha e os xa programados será máis doado se se fai antes de rematar este curso, por suposto contando coa nosa máxima colaboración.


Polo tanto, non nos queda máis que agradecer a todas as familias a vosa participación e animarvos a presentar candidaturas nestes próximos días. Todas elas faranse públicas na páxina web da ANPA Sarela antes da celebración da asemblea, que aproveito para convocar con data de martes 20 de abril ás 16:30 en primera convocatoria coa seguinte orde do día:


- Elección da Xunta directiva


A asemblea rematará ás 18:00 horas e terá lugar no ximnasio do colexio mentres non se exceda do aforo permitido (neste caso celebraríase no exterior).


Agardamos a vosa asistencia e as vosas candidaturas.


Un cordial saúdo,


Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021,


Ana López Diéguez


No tempo de duración da asemblea do martes 20 (16:30-18 horas máximo) haberá un servizo gratuíto de atención a nenos/as (ludoteca). Soamente poderá ser empregado polo alumnado do noso Centro. Rogámosvos que no caso de precisar o servizo, nos fagades chegar os datos dos/as nenos/as que o vaian empregar antes do domingo 18 ás 12 da noite, para poder organizalo con tempo.


Moitas grazas!




Participación no Proxecto Esquío (8/04/2021)

PROXECTO ESQUÍO

ESTIMADAS FAMILIAS

Aproveitamos esta carta para mandarvos un afectuoso saúdo antes de pasar a comentarvos que precisamos de vós. Como xa sabedes por motivos da COVID19 tivemos que transformar os nosos obradoiros nuns humildes contidos en soporte audiovisual para os curso de 1º a 6º de primaria. Sabemos que tod@s nacemos sexuados e polo tanto a sexualidade será unha dimensión da nosa personalidade que nos acompaña durante toda a vida e polo tanto sempre, por acción ou omisión, estamos educando sobre ela. Por isto pensamos que un dos retos pendentes é o achegamento desde unha perspectiva científica e veraz que contemple o momento biopsicossocial do alumnado. É por isto que pensamos que a participación da comunidade educativa no video pode rachar co tabú do silencio e darlle naturalidade e diversidade.

Facémosvos a seguinte proposta:

Participan: un/-ha docente e un pai/nai podendo desenvolver a vosa intervención de dúas maneiras:

  • Mediante a presentación dunha actividade. Por exemplo, cantar unha canción, facer un debuxo, ler un conto, etc. Estamos abertos ao que queirades presentar.

  • Mediante a exposición da vivencia persoal de cada quen, por exemplo que era para min o bo trato cando era neno. Quen me trataba ben, como era esa persoa, ou cando foi o momento no que me enterei como viñan as crianzas ao mundo, etc.

    VIDEO 1º e 2º:
    Temas que se poden tratar: O coidado do corpo, as partes do corpo, a hixiene corporal, o mundo emocional, as ilusióbs e os soños, o que nos gusta e nos disgusta, o íntimo e o privado, as familias diversas. O bo trato cara un mesmo e cara @s compañeir@s.

    VIDEO 3º-4º:
    Cousas que benefician á nosa autoestima, o corpo e os xenitais, de onde veñen as crianzas, o amor, tratarse ben a un mesmo e @s demais. A expresión da sexualidade: abrazos, bicos, caricias e palabras que aman. As familias diversas. Que queres ser cando sexas maior e a súa viculación co xénero. Xogos e deportes e a súa vinculación co xénero. As relacións de amizade. Soños e ilusións.

    VIDEO 5º-6º:
    A pubertade e os cambios psicofisiolóxicos, os corpos diversos. As familias diversas, a diversidade sexual nas persoas, concepción e anticoncepción, a confianza o respeto nas relacións. O machismo e a igualdade. A expresión da sexualidade. O bo trato para min e para as demais persoas. Os soños e as ilusións. Os afectos, que me gusta e que non. A primeira relación sexual.



Polo tanto, precisamos a 3 familias que queiran participar na gravación do video en coordinación co centro e ca encargada do proxecto, Cristina Sánchez, titora de 5ºA.

Previsiblemente, esta gravación terá lugar o 17 e 18 de abril en horario de tarde, ou ben os días 12, 14 e 16 de abril en horario de mañá, na Unitaria.


Animádevos a participar!



Apertas


Tripartita de comedores (8/04/2021)

Estimadas familias,


como ben sabedes o pasado día 26 de febreiro tivo lugar a reunión tripartita de comedores do Concello de Santiago. Nesta reunión levamos unha serie de peticións para mellorar o funcionamento do servizo, e trala xuntanza esta foi a resposta que recibimos por parte do concello.

Por favor, revisade a facturación deste servizo para constatar que se está a facer correctamente e non se repiten os problemas dos meses pasados.

Lembrámosvos que calqueira queixa que teñades deste servizo debédela mandar á dirección do concello dptoeducacion@santiagodecompostela.gal


Un saúdo


Na xuntanza da Comisión Tripartita de seguimento do funcionamento dos comedores escolares para o curso 2020-2021 celebrada o pasado 26 de febreiro, déronse traslado por parte desa Federación, de certas preocupacións e propostas para as cales, logo das oportunas xestións realizadas, damos conta para o seu coñecemento:


1. Proposta de menús máis variados; a partir do mes de abril, ofertase un menú no que se incorporan modificacións en canto a rotación, produtos, elaboración,.. respectando as frecuencias establecidas nos pregos técnicos e a oferta presentada pola empresa, que rexen este contrato.


Así mesmo, lembróuselle a todos os coordinadores/as dos espazos de madrugadores que deben facilitar que os nenos e nenas que así o desexen e o comuniquen, poidan tomar leite en vez de iogur ou queixo fresco.


2. Facturación: a día de hoxe, todas as queixas que constan neste servizo municipal, ben sexa aquelas que as familias nos remitiron por correo electrónico ou ben, aquelas que foron enviadas dende esa Federación, están resoltas, tal e como nolo comunicaron dende a empresa Alimentación Saludable Gallega, S.L o pasado venres 26 de marzo. Polo exposto, dende este servizo municipal damos por pechadas ditas incidencias e en todo caso, se algunha familia non recibiu resposta por parte da citada empresa, solicitamos nolo comunique por escrito, ao correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.


Así mesmo, quixeramos aproveitar a ocasión para agradecer que nos fixera chegar os correos electrónicos recibidos das familias respecto as incidencias e queixas na facturación neste período, solicitando a súa colaboración para unha maior coordinación no sistema de comunicación das mesmas co obxecto dunha maior axilidade da tramitación das mesmas. Para elo, todas as familias usuarias dos servizos de madrugadores e comedores teñen a disposición os seguintes datos de contacto:


· Teléfono /wasap: 606 940 087


· Correo electrónico: facturacionsantiago@alimentacionsaludablegallega.com


Coma sempre, poderán poñerse en contacto con este servizo municipal se unha vez transcorrido un tempo prudencial non se obtén resposta a través deses medios.


Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria (09/03/2021)

Prezadas familias,


Convócase a asociados e asociadas á Asemblea Xeral Ordinaria da nosa asociación con data martes 16 de marzo ás 16:30 horas en primeira convocatoria, que terá lugar no ximnasio do Centro (sempre que a asistencia non supere as 30 persoas, no caso de exceder o aforo trasladarase ao patio exterior) e para tratar os asuntos contidos na seguinte Orde do Día:


1. Aprobación de acta anterior (asemblea ordinaria xaneiro 2020)

2. Informe da Presidencia.

3. Información e aprobación se procede do estado das contas

4. Proposta e aprobación se procede para mercar un rocódromo para o ximnasio do Centro.

5. Validación das asembleas telemáticas e proposta de comisión para a reforma dos Estatutos.

6. Rogos e preguntas


A reunión terá que finalizar ás 18 horas como máximo.


Sen outro particular e coa esperanza de poder contar coa súa presenza na Asemblea, reciba un cordial saúdo, en Santiago de Compostela a 9 de marzo de 2021,


Ricardo Picáns Cerviño


Felicitación de Nadal (22/12/2020)

Prezadas familias,


Neste Nadal estraño, marcado polas ausencias e as restricións, compartimos con vós esta felicitación que nos deseñou unha nai do noso cole a quen agradecemos a súa xenerosidade (unha vez máis).


Felices Festas e un Aninovo esperanzador!


A Xunta Directiva


25N-Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25/11/2020)

Non queremos deixar pasar a oportunidade de lembrar que hoxe estamos no Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Cremos que a loita pola erradicación da violencia de xénero é algo que nos compromete a tod@s: familias e ensinantes, como cidadáns que somos.

Por iso, continuaremos insistindo na necesidade de que a educación pola igualdade sexa parte esencial do noso día a día nos centros educativos e cremos que hoxe pode ser un bo día para lembralo unha vez máis.

É moi importante suliñar a quen se pode acudir en caso de emerxencia e que se temos a sospeita de que alguén está sendo vítima da violencia de xénero debemos actuar de maneira inmediata.


Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo (13/11/2020)


Axuntamos para a vosa información a recentemente publicada Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo, aprobada polo Observatorio Galego de Violencia de Xénero.


https://drive.google.com/file/d/1RloyoxNwZcVstqSon2Q2BCv_CrTIe19H/view?usp=sharing



Programación Xeral Anual do Centro (29/10/2020)

No pasado Consello Escolar do día 20 de outubro tratouse a Programación Xeral Anual do noso centro. Tedes o documento completo colgado na páxina web do centro:


http://www.edu.xunta.gal/centros/ceiprainhafabiola/system/files/PXA_%202020-21.pdf


Entre outras relevantes cuestións, poderedes atopar información sobre o plan de actividades proposto pola ANPA (punto 8, páxinas 94-103 do pdf) no que se inclúen as actividades de robótica e o proxecto esquío de educación sexual e para a igualdade do Colexio Raíña Fabiola.


https://www.anparainha.gal/home/memoria-de-proxectos-e-materiais


Actividades extraescolares [actualización outubro] (19/10/2020)

Enviamos actualización da situación das actividades extraescolares que están confirmadas e xa foron comezando (ou están a piques de comezar) nestes días. Por favor, enviade correo a anpa.rainha@gmail.com para coñecer a dispoñibilidade de prazas existentes e/ou calquera información engadida.


- Luns de 15:45 a 16:45 Baile e Pandeireta II

- Martes de 18:15 a 19:15 Ballet

- Mércores de 16 a 17 Mates de Usar e Tocar

- Venres de 16 a 17 Pintura (completa)

- Venres de 17 a 18 Baile e Pandeireta III


Todas as actividades desenvólvense no Centro Sociocultural de San Lourenzo. Aproveitamos a ocasión para facer público o noso agradecemento a Asociación Veciñal Río Sarela por ternos facilitado a posibilidade de desenvolver estas actividades nesta situación excepcional. Grazas e máis grazas!



Consello Escolar (18/10/2020)

Para o vindeiro martes día 20 hai convocada unha reunión do Consello Escolar do noso colexio. Como sabedes, o consello escolar é o órgano colexiado de participación dos distintos sectores da comunidade educativa no funcionamento dos centros. A ANPA conta con representación e por ese motivo temos a posibilidade de levar para que se consideren as vosas ideas, comentarios e propostas que teñan que ver co noso colexio.

Se tedes algunha cuestión que vos gustaría que trasladaramos, agradecemos que nola fagades chegar.


Actividades extraescolares: nova oferta (5/10/2020)

Estivemos explorando a posibilidade de realizar as actividades extraescolares nun local alternativo ao do cole, e temos opción de facer algunhas na Sala Malatesta (Rúa de San Lourenzo, 51-53) e outras no Centro Sociocultural de San Lourenzo. Terían que ser noutros horarios, xa que estamos limitados aos que ofrecen os locais, e non todas as actividades serán posibles nestes novos espazos. A oferta que puidemos artellar actualmente é a seguinte:


Luns de 17 a 18 horas (Baile Moderno) na Sala Malatesta

Luns de 18 a 19 horas (Ballet) na Sala Malatesta

Martes de 16 a 17 horas (Baile e Pandeireta I) na Sala Malatesta

Martes de 17 a 18 horas (Baile e Pandeireta III) na Sala Malatesta

Mércores de 16 a 17 horas (Pandeireta II) na Sala Malatesta

Mércores de 16 a 17 horas (Mates de Usar e Tocar) no Centro Sociocultural de San Lourenzo

Mércores de 17 a 18 horas (Baile II) na Sala Malatesta

Mércores de 17 a 18 horas (Xadrez) no Centro Sociocultural de San Lourenzo

Venres de 16 a 17:30 horas (Arte e Pintura) no Centro Sociocultural de San Lourenzo


Fumos contactando coas familias que xa se interesaran con estas actividades na inscrición que fixeramos en xullo, e xa recibimos resposta-confirmación de varias, pero quedan prazas dispoñibles en todas as actividades ofertadas. Temos que garantir que se forma un grupo mínimo para que a actividade sexa viable. Abrimos agora un prazo extraordinario a todas as familias que se inscribiron na ANPA para que se anoten se o consideran oportuno. As inscricións serán por orde de chegada até completar o número máximo establecido en cada actividade.

Estamos intentado cadrar horarios, monitor@s e sobre todo, seguridade, por favor, rogámosvos un pouco de paciencia.



Reunión da Comisión de NEAE da FANPA (5/10/2020)

Este vindeiro xoves día 8 de outubro terá lugar unha xuntanza da Comisión da Federación de ANPAS adicada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Queremos pedirvos a todas as familias que teñan algunha consideración, necesidade ou queixa relativa a esta cuestión que por favor nos fagan chegar a información. A idea é por en común todos os problemas dos centros educativos da nosa zona para poder facer máis forza.

Por outra banda, sabedes que na nosa ANPA temos unha Comisión adicada especificamente a este tema, sempre aberta á participación de todas as familias.



Información moi relevante sobre comedor (1/10/2020)

Como saberedes o día 30 mantivemos unha xuntanza entre as ANPAS, o alcalde e o novo concelleiro de educación no que se debateu sobre a situación do servizo de comedores no concello de Santiago. Nesta xuntanza tratamos, entre outros temas a inclusión das solicitudes de días soltos e a ampliación de espazos e do número de monitores. Non foi unha reunión moi pródiga, xa que non conseguimos que se atenderan as demandas de espazo nin de persoal, pero transmitimos a información que nos chega do concello relativa ás solicitudes de comedor:


"As familias deberán porse en contacto co/a coordinador/a do comedor do seu centro para concretar, confirmar e facer efectiva a súa solicitude. No caso de non ter confirmación decaerá o dereito de reserva de praza, sen prexuizo de que poida renovar a petición posteriormente, que se resolverá nos termos que proceda. No caso de que o número de confirmacións supere ás prazas ofertadas, resolverase conforme ao Decreto de comedores do 9 de setembro. No caso contrario, as prazas que queden libres estarán dispoñibles para os restantes solicitantes.


En relación ás persoas que teñen solicitada praza de forma esporádica, iniciarase o procedemento de resolución a partir do 15 de outubro. A aceptación destas solicitudes estaría condicionada a que a Xunta de Galicia autorice a incorporación destes usuarios non fixos dentro do "Protocolo de prevención de transmisión da Covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios". Unha vez estea clarificado permitirá establecer se é posible atender esas solicitudes en base aos protocolos Covid19 e á capacidade espacial dos respectivos comedores."


Aproveitamos para informarvos de que nestes momentos, no noso centro están a comer 44 crianzas, atendidas en dúas quendas por dous monitores mais a coordinadora, Nerea. Estes monitores teñen que asumir ademais, as tarefas de limpeza e desinfección entre quendas e acompañamento e coidado dos distintos grupos burbulla, todo iso mantendo os mesmos horarios e as mesmas ratios precovid. Consideramos que as condicións non son as idóneas para manter un servizo de calidade e tampouco para garantir a seguridade nin das crianzas nin dos coidadores, así que imos trasladar as nosas queixas ó concello esixindo a ampliación de horarios dos monitores e a incorporación dun monitor mais, sacando do cálculo da ratio á coordinadora.

Pediríamosvos que trasladásedes as vosas queixas ou suxerencias, ademais de ó noso correo electrónico anpa.rainha@gmail.com, ó servizo de comedor do concello de Santiago na dirección dptoeducacion@santiagodecompostela.gal, para que teñan constancia da situación real de cada centro.



Resumo da reunión do Consello Escolar (28/09/2020)

O pasado día 22 tivo lugar a reunión ordinaria do Consello Escolar. De xeito breve, comentámosvos que se aprobaron as seguintes iniciativas:

- Proxecto de Sección Bilingüe: destinada ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, pretende "a mellora da competencia bilingüe e pluricultural dos nosos alumnos e alumnas a través da utilización do inglés coma linguaxe fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe da área de Valores". Será impartida polo mestre que dá inglés nestes cursos.

- Proxecto "Esquío" de Igualdade. O proxecto que impulsamos e financiamos desde a ANPA e dos que vos pasamos copia foi finalmente aprobado e será impartido de xeito telemático, adaptándose á presente situación.

- Igualmente a actividade de Robótica impulsada e financiada desde a ANPA será tamén impartida este curso, aínda que tamén dun xeito online.


Sobre as preguntas que nos pedíchedes que trasladarmos estas foron as respostas:

- Sobre a utilización da máscara en Infantil, non hai flexibilidade. As representantes de infantil sinalaron que as crianzas non teñen ningún problema.

- A ventilacion estase a realizar segundo o protocolo.

- Non ven apelotonamento na entrada do cole, mais estarán atentos para que non se produza

- Comprometeron a inmediata activación da mensaxería platarforma abalar para comunicacións familias-profesorado.

- As propostas que tiñan que ver co servizo de recollida atendido en horario de comedor, servizo de muda en Infantil e propostas de dinamización de patios foron rexeitadas porque polo menos neste contexto non se aproba a incorporación de monitorado externo no Centro.

- A cuestión do cepillado de dentes en madrugadores quedou derivada á reunión co Concello, que tivo lugar ao día seguinte do Consello, así como tamén o tema de aparcamento de coches. Como información posterior, engadimos que a hixiene dental no centro está neste momento prohibida polo protocolo. E ao respecto do tema dos coches, non houbo ningún cambio significativo nin se prevé na dinámica existente na actualidade.


Calquera aclaración ou cuestión na que poidamos ser de axuda, por favor, non dubidedes en escribirnos.



Reunión do Consello Escolar (19/09/2020)

Para o vindeiro martes día 22 hai convocada unha reunión do Consello Escolar do noso colexio. Como sabedes, o consello escolar é o órgano colexiado de participación dos distintos sectores da comunidade educativa no funcionamento dos centros. A ANPA conta con representación e por ese motivo temos a posibilidade de levar para que se consideren as vosas ideas, comentarios e propostas que teñan que ver co noso colexio.

Estivemos recibindo xa algúns comentarios sobre o protocolo COVID (que se vai tratar especificamente na reunión), polo que se tedes algunha cuestión que vos gustaría que trasladáramos sobre este tema ou outros, agradecemos que nola fagades chegar.


Axudas para alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (14/09/2020)

Envíamos as bases para solicitar axudas para o alumnado NEAE e un resumo de ditas bases:

Bases:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/720295/document/442662

https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-B-2020-25754

Resumo:

https://drive.google.com/file/d/1E0Bn5PrF59LgwLi9e4Kmhi93n_kP74m6/view?usp=sharing

O prazo comezou o 9 de agosto ate o 30 de setembro, ámbolos dous inclusive.

Lembramos que segue aberta a oferta de formar parte da comisión que temos na ANPA adicada a este tema e que quizais agora, nestes tempos, é máis necesaria que nunca.


Xuntanza cos grupos municipais (13/09/2020)

Este mesmo luns día 14 temos unha xuntanza en Raxoi co grupo municipal de Compostela Aberta, xa que nos convidaron a transmitirlles diversas peticións relacionadas co noso centro. Gustaríanos conseguir reunións para os vindeiros días co resto de grupos e por suposto co equipo de goberno municipal. Queremos comunicar a situación xerada tras a supresión de todas as actividades de conciliación no centro, comentar o protocolo de funcionamento dos comedores, así como tamén trasladar o noso crónico problema de espazo e falar dos usos da Casa da Luz, entre outras cuestións que estamos preparando.

Trasladámosvos esta información e animamos a que nos fagades chegar, para esta e vindeiras reunións, as vosas ideas, xa que cremos que coa participación de todas as familias poderemos expresar mellor o que é a nosa situación e as nosas necesidades.

Moitas grazas por adiantado!!


Información sobre o servizo de comedores (10/09/2020)

Enviamos a información que conseguimos reunir a día de hoxe sobre o funcionamento do servizo de comedores. Como sabedes, este servizo está organizado no noso cole polo Concello, pero desde a ANPA intentamos informarvos do que conseguimos ir averiguando.

Por unha banda, axuntamos ligazón do decreto que saíu onte pola noite regulando o funcionamento dos comedores e, por outra, Nerea, a coordinadora de comedor do noso cole tivo a amabilidade de enviarnos esta mesma mañá o seguinte para o voso coñecemento. Se tedes calquera comentario ou queixa co funcionamento do servizo, podedes facernos chegar a información para que a traslademos diante de quen compete. Grazas!


http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=19870



Bos días:

Onte pola noite sacou un comunicado o concello con respecto os protocolos dos comedores de Santiago,o tedes na páxina do concello.

Con respecto o noso comedor eu podo dicirvos que:


·ENTRADA No SERVIZO DE COMEDOR:

-Educación Infantil: os monitores(designados por ratio) encargaranse de ir

ás aulas e recoller e contar ós usuarios/ as do comedor (13:40).


-Educación Primaria: os/as nenos/as de primaria, baixan dás

súas aulas cos seus profesores e diríxense ás zonas de saídas marcadas ,

cando van a zona de recollida dos país os que teñen comedor irán para o ximnasio

onde estarán os monitores(designados por ratio) esperando na entrada para

recordarlle ou espazo que teñen que usar cada grupo. Cada un deixa

as súas cousas persoais (mochilas,cazadoras,cartafoles,etc) non espazo asignado.




·ORGANIZACIÓN DO COMEDOR:

-DISTRIBUCION DE ESPAZOS DESPOIS DE XANTAR:para despois de

xantar sempre e cando faga bo tempo dispoñemos dos dous patios exteriores , delimitados para cada grupo de convivencia. Non caso de que fixera mal tempo ,

dispoñemos do patio cuberto e ou ximnasio , coas mesmas condicións que non exterior.

-SAÍDA E ENTREGA ÁS FAMILIAS: as saídas

faranse dentro dun horario marcado que será ou

seguinte 15:00 a 15:15;15:30 a 15:45;16:00 a 16:15 e

as 16:30.A idea é que cada nai/ pai informe dá hora de

recollida do rapaz, xa sexa non mesmo día ou con antelación se sempre

vai a ser ou mesmo.

O número de teléfono do comedor é: 638 26 16 87

Un saúdo



Suspensión das actividades extraescolares e doutras actividades de conciliación (8/09/2020)

Despois de manter esta mesma mañá unha reunión co equipo directivo do noso centro, sentimos moito ter que comunicar a suspensión das actividades extraescolares e doutras actividades de conciliación que estaban en marcha ou propostas para este curso. O equipo directivo do centro, en coordinación co equipo covid estima que, fundamentalmente debido á falta de espazos e á imposibilidade de manter os chamados grupos de convivencia estables ou grupos burbulla, a realización destas actividades é incompabile co protocolo que manexan, polo que seguindo a liña do resto dos centros do Concello de Santiago, non ven viable a realización das actividades extraescolares nin a do servizo de recollida no horario de comedor. Tamén nos anuncian que non existirá o servizo de biblioteca atendido en horario de tarde.

Tiñamos 65 nenos e nenas anotados xa nas distintas actividades e levamos meses traballando contando xa cuns protocolos de seguridade moi esixentes para que as actividades se puideran realizar, sabedores da importancia que teñen para as familias. .

Somos conscientes de que esta situación deixa ás familias sen medios de conciliación imprescindibles, ademais de que perdemos un espazo de convivencia fundamental, polo que non deixaremos de buscar posibilidades que poidan servir para paliar esta situación. Tamén vos pedimos que nos fagades chegar calquera dúbida, queixa ou idea que teñades sobre os protocolos existentes, para que poidamos transmitila diante da dirección e equipo covid do centro.


Sen máis, folgos e sorte para este comezo de curso



Aberto o prazo de Inscrición na ANPA e nas Actividades Extraescolares


Prezadas familias,


Agardamos que as cousas vaian indo ben. Abrimos o prazo de inscrición na Anpa e o primeiro prazo de inscrición nas actividades extraescolares para o curso 2020-2021. Estará aberto até o día 27 de xullo incluído.

Podedes cubrir os formularios online premendo nas seguintes ligazóns:

- Inscrición na ANPA

https://sites.google.com/s/1sfWdRDhrDZdZCWIAwipYcTqc_kYNUtsJ/p/1rnFhjJZqVIzmXB-rO3A2GF-sqLTsFwh8/edit

- Inscrición nas Actividades extraescolares

https://sites.google.com/s/1sfWdRDhrDZdZCWIAwipYcTqc_kYNUtsJ/p/1GvYsb9Yd3kUvnLBPO7OCw5SSq4jFZU2v/edit

OU cubrir os formularios axuntos (podedes optar en versión pdf ou word) e envialos a anpa.rainha@gmail.com

pdf: inscrición ANPA

https://drive.google.com/file/d/1p09dG27NCwZgmSu_KnzRUAjb4fzd1O-g/view?usp=sharing

word: inscrición ANPA

https://drive.google.com/file/d/1QE3_9dnfmtK5ZDzXH3uLI32038uGg2lT/view?usp=sharing

pdf: inscrición actividades extraescolares

https://drive.google.com/file/d/1FSnJOrJe7hdqgx1Mlgf6B6Nke4VJHeRS/view?usp=sharing

word: inscrición Actividades Extraescolares

https://drive.google.com/file/d/1swiSumt2Q8zq13XuB8ngr2Ou3aMUHbT9/view?usp=sharing


Sexa dun ou doutro xeito, non esquezades enviar o xustificante do pago da cota da Anpa (vale o recibo electrónico) a anpa.rainha@gmail.com


As actividades comezarán salvo que as autoridades indiquen o contrario o primeiro día de curso, día 10 de setembro.

Sabedes mellor ca nós que vivimos nunha situación de incerteza sobre o vindeiro curso, estamos en tempos moi complicados para facer plans, pero é importante ter claro que todo pode mudar sen previo aviso co cal máis que nunca, todas as actividades están suxeitas a modificacións.

Agora mesmo a normativa establece que só pode haber 9 crianzas por monitor/a.

Faremos o que poidamos para que todo saía o mellor posible e contamos con vos para iso.


Cordiais saúdos e os mellores desexos


*** Curso 2019-2020 ***

Escolas de verán (12 de xuño)

Achegamos o formulario de inscrición nas escolas de verán 2020. Esta actividade é froito da colaboración entre a Federación de Anpas e o Concello. O rateo obrigatorio neste momento é de 9 nenos-as por monitor; e as condicións de limpeza, custodia, e coidado teñen múltiples dificultades que fan necesario contratar máis horas de persoal, e consumir moito máis material de refugallo. Esas son as causas dos incrementos de prezos. Existen bolsas para pagar os altos prezos que estas actividades teñen. Para beneficiarse destas axudas hai que marcar a casiña correspondente na inscrición e é imprescindible o informe positivo previo de Servizos Sociais . Non é necesario que o acheguedes coa inscrición, xa que o piden directamente.

As inscricións para participar deben enviarse por correo electrónico a santiago@actex.es: na quenda de xuño, antes das 14 horas do mércores 17 de xuño de 2020. Para inscribirse nas quendas de xullo, agosto e setembro o prazo remata o venres 19 de xuño.

Xunto co formulario de inscrición deben enviar cuberta e asinada a declaración responsable relacionada coas medidas de prevención ante o COVID-19.

TELF. DE INFORMACIÓN: 691475060

https://fanpacompostela.files.wordpress.com/2020/06/inscricion-escolas-de-veran-2020-1.pdf


Adaptación das programacións didácticas (26 de maio)


Compartimos con vos a seguinte ligazón da web do Centro onde atoparedes a adaptación das programacións didácticas deste terceiro trimestre desglosada por cada curso de Educación Primaria e por cada materia/departamento do Centro. Baixando na páxina, os últimos documentos.


https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiprainhafabiola/taxonomy/term/91



Final de curso 2019-2020 (20 de maio)

ANPA SARELA


Dende a ANPA queremos fornecer ás familias cunha pequena guía que axude a non perderse entre tantos comunicados e normativas neste final de curso. Agardamos que sexa de proveito.Tamén vos queremos lembrar que a ANPA é unha ponte que está ao servizo de todas as familias para levar diante de quen competa as preocupacións que poidan xurdir. Contade con nós, agora máis que nunca, para axudarvos a reclamar aquelo que precisedes. Lembrade, por exemplo, que existen programas organizados entre os Centros Educativos e o Concello para acceder a material informático (computadores, routers...).


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou o 27 de abril de 2020 as INSTRUCIÓNS para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como resumo de este documento, podemos concluír as seguintes cuestións:

O terceiro trimestre deste curso 2019-2020 dedicarase a RECUPERAR, REPASAR, REFORZAR E AFONDAR NAS APRENDIZAXES XA TRABALLADAS nos dous primeiros trimestres do curso

Flexibilizaranse e adaptaranse os criterios de avaliación en cada curso

Avaliarase sobre as avaliacións anteriores, valorando as actividades desenvolvidas durante a fase de confinamento, SEMPRE QUE SEXAN favorecedoras para o alumnado

Flexibilizarase a promoción de curso, sen ter en conta o número de materias pendentes: a repetición será unha medida excepcional

Adaptaranse as programacións didácticas do próximo curso 2020-2021 para incorporar os obxectivos, contidos e aprendizaxes que, polas circunstancias especiais do terceiro trimestre, non fosen abordadas

Na páxina web do centro deberá publicarse en lugar visible o documento guía da adaptación das programacións didácticas deste terceiro trimestre, incluíndo como será a avaliación final do alumnado. Levamos reclamando isto á Dirección do Centro dende o pasado 12 de maio.

Para finalizar

Os centros educativos de infantil e primaria (CEIP) NON volverán ás aulas durante o terceiro trimestre, tal e como se desprende da NOTA publicada pola Consellería de Educación este pasado xoves 14 de maio.

Para calquera dúbida ou cuestión, podedes poñervos en contacto

📧 anpa.rainha@gmail.com

Directamente co cole 981 585 372

ou a través do correo electrónico ceip.rainha.fabiola@edu.xunta.es


Instrucións da Consellería para o desenvolvemento do terceiro trimestre (27 de abril)

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30936

Compartimos con vos a resposta das ANPAS Galegas á Consellería sobre a xestión do terceiro trimestre deste curso escolar (18 de abril)

Dende a Confederación de ANPAS GALEGAS demandamos unha vez máis que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional defina claramente os criterios que se van tomar para o desenvolvemento deste último trimestre do curso académico xa que ten competencia plena na materia, nas seguintes cuestións, que non aparecen resoltas nas Orientacións provisionais do 17 de abril da Consellería de Educación:

https://fanpacompostela.wordpress.com/2020/04/18/resposta-de-anpas-galegas-a-conselleria-sobre-a-xestion-do-terceiro-trimestre-deste-curso-escolar/


Orientacións provisionais do 17 de abril para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019/2020 (Á espera da publicación da normativa estatal correspondente)

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30850


Novas instrucións en relación co COVID-19 (13/03/2020)

Prezadas familias,


Compartimos a seguinte ligazón publicada pola Consellería con novas instrucións en relación co COVID-19


https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30550?fbclid=IwAR0Mi4pv-6k-BnI7JH3PijBS7cBL40BLiWfKmSgl7t2HPS3vKJFCtpYPVJE


Un cordial saúdo,

A Xunta Directiva

Comunicado ás familias en relación coa pandemia covid-19 (12/03/2020)

Prezadas familias,

Por mor da alerta sanitaria, a Xunta de Galicia comunica que os centros de todos os niveis educativos permanecerán pechados á partir do luns 16 de marzo.

O venres 13 de marzo poderase asistir voluntariamente ao centro, aínda que non é o recomendable.

Esta é unha situación nova para todalas familias, e temos que aprender a vivila dun xeito construtivo, sen pensar exclusivamente en nós, senón contando con toda a sociedade, porque todas estamos afectadas da mesma maneira; que as nosas fillas e fillos non teñan clase implica efectivamente problemas de conciliación, e tamén plantexa preguntas de índole económica, pero tamén é certo que supón para outra xente a perda temporal dos seus traballos, a reorganización da súa vida ordinaria e a necesidade de atender doutra maneira ás súas ocupacións.

Chegaron moitas preguntas e dun xeito xeral queríamos comentarvos:

  1. Todas as actividades extraescolares quedarán suspendidas dende o luns, e mañá venres haberá atención por parte da empresa concesionaria. Non obstante, recomendamos, na medida do posible, non levar ás nosas fillas e fillos ás actividades.

  2. O comedor escolar mañá funcionara con normalidade. Non obstante, recomendamos, na medida do posible, non levar ás nosas fillas e fillos ao comedor.

Seguiremos a traballar para informar a todas as familias mentres dure esta situación.

Partillamos a última información publicada pola Consellería de Educación e a Concellería de Educación:

http://www.edu.xunta.gal/portal/medidas-coronavirus

http://www.santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=19415

Un cordial saúdo,

A Xunta Directiva


APÚNTATE XA NAS COMISIÓNS DE TRABALLO DA ANPA

ENVÍA UN CORREO a anpa.rainha@gmail.com para máis información




Convocatoria e orde do día da vindeira Asemblea Xeral Ordinaria que se celebrará o martes 21 de xaneiro ás 18 horas na aula de música do colexio.

ORDE DO DIA

1. Aprobación das actas anteriores (asamblea ordinaria xuño de 2019 e asamblea extraordinaria novembro de 2019)

2. Información do estado das contas.

3. Lectura e, se procede, aprobación de comisions.

Comisión de Igualdade de Xénero

Comisión de Lingua

Comisión de Comedor

Comisión de Medio Ambiente

Comisión de Actividades Extraescolares

Comisión de Festas e Eventos Lúdicos

Comisión de Robótica

Comisión de Necesidades Especiais

Comisión de Obras


4. Lectura e, se procede, aprobación da proposta de excursión ANPA fin de curso: Proposta Mugueimes.

5. Exame e, se procede, aprobación de axudas por emerxencia social a actividades extraescolares

6. Información sobre comunicación e protección de datos.

7. Rogos e preguntas

Haberá servizo de ludoteca. Os interesados deberán facer a reserva antes do Luns 20 de Xaneiro.

Sen outro particular e coa esperanza de poder contar coa súa presenza na Asemblea, reciba un cordial saúdo, en Santiago de Compostela a 14 de xaneiro de 2020,

Presidente

Ricardo Picáns Cerviño





+ Asemblea Extraordinaria do 8 de novembro: elección dunha nova Xunta Directiva

Presidencia: Ricardo Picáns Cerviño

Vicepresidencia: Ana Belén López Diéguez

Secretaría: Enrique Roca Gadea

Tesourería: Antonio Míguez Macho

Vogalía: Napoleón Guillermo Sánchez Choez

📢 XUNTANZAS DE CURSO 📢

Dende a Xunta directiva da ANPA imos promover a participación de tódolas nais e pais na construción dun modelo de escola no que o COMPROMISO das familias sexa determinante. Por iso, convocamos a todas as familias, por cursos e comezando por infantil, a unhas xuntanzas informativas nas que sobre todo escoitaremos PROactivamente as vosas dúbidas e inquedanzas, na seguintes DATAS:

LUNS 9 DE DECEMBRO/ 17:00-18:00:

5° E 6° DE INFANTIL

MÉRCORES 11 DE DECEMBRO/ 17:00-18:00:

4° DE INFANTIL

Haberá servizo de LUDOTECA GRATUÍTA por cortesía da FANPA no patio (se chove, patio cuberto), ademais da biblioteca do centro.

(Prégase confirmar a necesidade de ludoteca para coordinar o número de monitores: anpa.rainha@gmail.com)


FOLGA DO PROFESORADO 12 DE DECEMBRO

A propósito da folga de profesorado convocada para o xoves 12 de decembro, reenviamos a seguinte información que recibimos hoxe da FANPA.


Ola a todas,

o próximo 12 de decembro, xoves desta semana, o profesorado galego irá á folga para recuperar os horarios lectivos de 18 e 21 horas (secundaria e primaria) que lles foron modificados no ano 2012.


Sen entrar a valorar a folga en si mesma, si que temos que dicir que o recorte de dereitos do profesorado enmarcouse dentro dos recortes xerais que se fixeron ao Ensino Público coa escusa da crise económica; logo, cando a crise "pasou", os recortes non se devolveron, e continuamos a ter os mesmos rateos masificados, as mesmas dotacións compartidas en orientación e apoio, e mesma infradotación orzamentaria nos centros, etc. Cada quen que faga as súas valoracións.


Pero o que si xorde neste momento é a situación na que ficarán as nosas crianzas para o día 12 de decembro, e como xa houbo algunha pregunta nesa liña, temos que dicir que as familias temos todo o dereito a enviar aos nosos fillos-as á escola ese día, máis ben temos o deber de facelo, porque a escolarización é obrigatoria; e deberá ser a dirección do centro quen organice a custodia das crianzas durante a xornada lectiva.


Con todo, se alguén considera que, por solidariedade co colectivo docente, non debe enviar ás súas crianzas ao cole, ou permitir que non asistan no caso da ESO, tampouco debe deixar de facelo, poñeranlle as faltas correspondentes, pero non tedes máis que xustificalas cun "a familia apoia a folga do 12 de decembro", se queredes que quede claro; ou "ausencia por motivos familiares" se non queredes dar informacion.


Saúdos

Fernando Lacaci


”PROGRAMA MUNICIPAL DE CONCILIACIÓN DE NADAL 2019” CONCELLO DE SANTIAGO.

Amplíase o prazo de inscrición no Programa de Conciliación de Nadal ata o 12 de decembro

http://www.santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=19110


PROCESO DE INSCRICIÓN E MATRÍCULA (DO DÍA 18 AO 29 DE NOVEMBRO DE 2019)

http://santiagodecompostela.gal/imxd/avisos/doc/1573818683Informacion_Inscricion_Conciliacion_Nadal_2019.pdf

http://www.cxdonbosco.org/index.php?view=article&id=95:bosco-nadal-2019&catid=33

https://www.multiusos.net/2019/11/20/aberta-a-inscricion-para-o-campus-sar-deste-nadal-2/


Información Comedores

O mércores 27 de novembro ás 18:00 acudiremos representación da xunta directiva á reunión previa preparatoria para a xuntanza Tripartita (Federación - Concello - Serunión) que terá lugar o vindeiro día 29 de novembro. A esta última reunión acuden, como sabedes, representantes da FANPA.


25n COMPOSTELA EN NEGRO

As múltiples formas de violencia (física, psicolóxica, económica etc.) que se exercen contra as mulleres constitúen un grave problema social que nos incumbe a todas e a todos. Sabemos que só podemos acabar con esta lacra se a maior parte da cidadanía nos implicamos activamente e amosamos, de forma contundente, a nosa repulsa contra todas as violencias machistas que sofren as mulleres só polo feito de selo.

#CompostelaEnNegro é unha campaña de sensibilización e denuncia social contra as violencias machistas. Trátase dunha acción que nace na cidade en 2015 e que rapidamente traspasa os límites municipais incluindo a participación de forma coordinada dunha rede ampla formada por deputacións e concellos galegos.

Como xesto de repulsa colectiva, e tamén de dor polo gran sufrimento que estas violencias supoñen, a semana do 25 de novembro, o noso territorio tínguese de negro involucrando á toda cidadanía no emprego dos diversos materiais que están a súa disposición (bandeiras, carteis, camisetas, etc.) ou simplemente colgando unha tea ou prenda negra nas ventás das nosas vivendas, escaparates ou zonas visibles de establecementos e insitucións.

#CompostelaEnNegro é unha campaña social para a construción dun futuro e unha cidade libre de violencias machistas. #CompostelaEnNegro é unha campaña posible grazas a todas e todos.

#GaliciaEnNegro #ContraAsViolencias

http://tm.santiagodecompostela.gal/gl/en-negro-contra-as-violencias