CURIOSIDADE E ILUSIÓN

2022


carracedo.jpg

"A Ciencia é unha fonte de satisfaccións. Grazas a ela preguntámonos cousas que non podemos resolver, o que é marabilloso. Asumamos que non todo ten resposta”. Estas verbas resumen, dalgunha maneira o que representa a ciencia para Ángel Carracedo; unha visión chea de ilusión e curiosidade que o acompaña ao longo da súa traxectoria vital, académica e investigadora.

Ángel Carracedo naceu en Santa Comba en 1955. En 1982 obtivo o título de Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago, da que é Catedrático desde 1989. Foi Director do Instituto de Medicina Legal da USC e, na actualidade é o Director Executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e Director do Centro Nacional de Xenotipado--ISCIII, membro do del CIBERER (Centro de Investigación Biomédcia en Rede) e do IDIS ( Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade).

Ten publicado unha ducia de libros e mais de 500 artigos en revistas internacionais do prestixio de Nature, Science ou Nature Genetics, e nas principais revistas de medicina xenómica. Aínda que o seu labor investigador cobre unha enorme variedade de eidos, as súas investigacións máis recentes están dirixidas á xenética do cancro, das enfermidades psiquiátricas en idade infantil e das enfermidades raras e á farmacoxenética. Na actualidade codirixe un proxecto multinacional que investiga os factores xenéticos que inflúen na evolución da COVID-19.

O grupo que Ángel Carracedo dirixe tense convertido en líder mundial en xenética forense e de referencia en xenética evolutiva e de poboacións. Como el mesmo ten comentado nas innumerables ocasións en que ten compartido o seu saber co alumnado de toda Galicia, “a chave deste éxito é dedicarse con ilusión e paixon ás cousas e ter un equipo que che acompañe na aventura”.