VIII Edición Premio Stephen Hawking
COORDINADORA: Dra. MAR CAPEÁNS GARRIDO
Mar Capeáns (Santiago de Compostela, 1967) doutorouse en Física de Partículas pola Universidade de Santiago de Compostela, complementando a súa formación cun MBA en Xestión de Proxectos Tecnolóxicos, impartido pola École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL) e a Universidade de Lausana, en Suíza.
A súa traxectoria profesional está estreitamente vinculada ao CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) dende 1992, grazas a un programa para estudiantes chamado Technical Student Programme. Entre 1998 e 2000 colaborou no laboratorio alemán DESY, traballando no deseño e montaxe do detector do experimento HERA-B. Ao seu regreso ao CERN, formou parte do persoal científico do experimento ATLAS do Gran Colisionador de Hadróns (LHC), especialmente no deseño e construción do detector central de trazas. Dende 2012 ata 2017 dirixiu o Grupo de Tecnoloxías de Detectores, trasladándose posteriormente ao Departamento de Tecnoloxía do Sector de Aceleradores para dirixir o Grupo de Planificación, Proxectos e Recursos. En 2019 foi nomeada coordinadora técnica da actualización do experimento CMS no LHC.
Mar Capeáns participou activamente en proxectos tecnolóxicos cofinanciados pola Comisión Europea, como parte de estudos de deseño e redes de formación (SLHC-PP, TALENT, STREAM,...), e publicou máis de 450 artigos científicos en física de partículas e instrumentación. Ademais, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST) e asesora en consellos científicos internacionais e na avaliación de financiamento competitivo, tamén para programas da Comisión Europea
Dende 2021 é xefa do Departamento de Enxeñería Civil e de Instalacións do CERN e, a partir de xaneiro de 2026, será a nova directora de Operacións do CERN, o laboratorio de Física de Partículas máis grande do mundo, sendo a primeira muller española na dirección científica permanente do CERN. O seu liderado chega nun momento clave para a entidade, que afronta importantes desafíos científicos e tecnolóxicos. Este nomeamento tamén representa un paso importante para a presenza e o liderado feminino na Física de Partículas a nivel mundial.
Mar Capeáns representa unha voz que reivindica a ciencia non como un saber illado e elitista, senón como unha actividade profundamente humana, arraigada na vida diaria e esencial para construír unha comprensión global do mundo. Para Capeáns, o coñecemento científico non debe camiñar en solitario: necesita dialogar con outros campos do saber, dende a filosofía e a educación ata a ética e a arte. Esta complementariedade entre disciplinas non só enriquece á ciencia, senón que a fai máis comprensible, útil e responsable.
Nas súas intervencións públicas, Capeáns subliña que a ciencia está presente no cotián: dende a tecnoloxía que usamos ata as decisións sociais que tomamos. Pero para que esta presenza sexa efectiva e transformadora, debe comunicarse. Compartir o coñecemento, facelo accesible, non é unha tarefa secundaria, senón parte esencial da vocación científica.
Nas súas palabras e a súa traxectoria, latexa a convicción de que a ciencia ten unha responsabilidade social: debe servir para mellorar a vida, promover o pensamento crítico e alimentar o diálogo colectivo.
Para Mar Capeáns "O CERN en si é un laboratorio de descubrimentos, e cando falo de descubrimentos falo de ciencia básica, a fundamental, esa paixón por coñecer o descoñecido; pero tamén descubrimentos tecnolóxicos…Un bo exemplo foi o desenvolvemento da World Wide Web, ou os detectores de partículas que se aplican nos hospitais para detectar tumores."
Esta perspectiva conleva tamén unha apertura intelectual: comprender que ningún campo do saber ten todas as respostas, e que os desafíos do presente —cambio climático, intelixencia artificial, saúde global— esixen miradas múltiples. Capeáns, dende a física de partículas, avoga por un modelo de coñecemento colaborativo, onde os saberes se entrelacen como pezas dun gran quebracabezas, sempre incompleto, pero máis rico canto máis diverso.
Así, a ciencia convértese nunha ponte: entre disciplinas, entre persoas, entre o presente e o futuro.
Así mesmo, Mar Capeáns defende con firmeza a construción dun liderado feminino no ámbito científico, subliñando que “as mulleres podemos achegar á ciencia a nosa visión e ou noso xeito de facer as cousas” . Aínda que só ao redor dun 20 % das persoas que traballan no CERN son mulleres —unha cifra que reflicte a situación en moitas institucións científicas e tecnolóxicas—, Capeáns considera que investir en mulleres e ofrecerlles oportunidades xera “resultados espectaculares”, polo que é fundamental ser “xenerosas e inspiradoras para que outras se acheguen a estas profesións”. Por iso é tan necesario cear unha “canteira de mulleres que acaden espazos de poder”, pois aínda que durante a etapa de formación doutoral hai un equilibrio de xénero, xa na carreira profesional elas diminúen, sobre todo en posicións de liderado. E engade unha frase alentadora e empoderadora: “Pódese chegar a postos de poder. Non hai que ser unha supermuller”
Esta mensaxe sobre o valor da ciencia e as vocacións científicas, tanto masculinas como femininas, amparadas baixo o lema de “Construíndo futuro” é o que pretendemos transmitir nesta 8ª edición do Premio Stephen Hawking.
DATAS PARA LEMBRAR:
30 de xaneiro de 2026 : envío da autoría e título do traballo. (Formulario de inscrición)
13 de marzo de 2026: envío da memoria do traballo.
27 de marzo de 2026: listaxe de traballos seleccionados.
7 de abril de 2026: envío do póster e do video.
17 de Abril de 2026: defensa pública dos traballos seleccionados.
INFORMACIÓN DE PRENSA
La Voz de Galicia
Radio Líder
GDDiario
Galicia Press
Diario de Santiago