Premio Stephen Hawking de xoves investigadores

O Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro é un centro de referencia para o ensino público en Santiago de Compostela e en Galicia. Desde a súa localización nun edificio histórico construído no século  XVII para ser “Colexio de San Clemente de  Pasantes” coa intención de “formar aos  mancebos estudantes para que aproveitasen e brillasen en virtude e saberes…”, ata os profesores e alumnos que desde a súa creación como instituto en 1942 ensinaron e aprenderon nas súas aulas, este centro representa, sen dúbida, un exemplo de dinamismo e motivación que tenta complementar os resultados académicos do seu alumnado cunha formación integral en áreas tan diversas como o deporte, a literatura ou a ciencia.

O Premio Literario San Clemente, creado en 1993 e tamén o Premio de Ensaio  Bento  Spinoza, creado máis tarde en 2008, convocados ambos polo IES “Rosalía de Castro” de Santiago de Compostela, pretenden fomentar a paixón pola lectura entre os novos alumnos dos institutos galegos, pero, á súa vez e sobre todo, son unha aposta polos soños e pola lectura, porque converten aos alumnos galegos en xurado dun premio de narrativa e doutro de ensaio que se outorgan a escritores xa consagrados estranxeiros, galegos e españois. 

Co Premio “Stephen  Hawking” de investigación científica pretende pecharse este círculo de fantasía. O premio quere facer partícipes aos alumnos das referencias e consellos dun investigador ou investigadora de renome para que poidan facer CIENCIA.

O Premio Stephen Hawking contempla a realización de traballos orixinais de investigación (básica, aplicada) ou de divulgación, realizados por alumnos e alumnas de Bacharelato, relacionados co tema de carácter científico que se propoña para cada convocatoria. 

Na Primeira Edición, coordinada polo científico Ignacio Martínez Mendizábal, o tema elixido foi: “EVOLUCIÓN E BIODIVERSIDADE”.

Na Segunda Edición, a figura de referencia foi Jean-Pierre Sauvage, premio Nobel de Química en 2016,  sendo “MOLÉCULAS” o tema a desenvolver nos traballos. 

Na Terceira Edición, a figura de referencia foi a física Teresa Rodrigo Anoro,  sendo “EXPLORACIÓN” o eixo temático.

Na Cuarta Edición, elixiuse ao catedrático de Medicina Legal e experto en Medicina Xenómica, Dr.  Ángel Carracedo Álvarez,  como  guía e referencia do premio, baixo o lema “CURIOSIDADE E ILUSIÓN

Na Quinta Edición, a paleoantropóloga, Dra. María Martinón-Torres, Directora do Centro Nacional de Investigación  sobre a Evolución Humana (CENIEH)  foi a científica de referencia do premio, guiado polo lema "CREATIVIDADE, COOPERACIÓN E COÑECEMENTO".

Na Sexta Edición, a Dra Amparo Alonso Betanzos, catedrática de  Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e experta de referencia en Big Data e Intelixencia Artificial servirá de guía para o premio, que terá como lema: "INTELIXENCIAS".