O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO
IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo)
IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo)
No mes de febreiro, co gallo da celebración do Día da Candeloria, nas clases de Galego coas profesoras Vanessa García e Yolanda Mosquera, o alumnado traballou na ficha 4- O Modelo de Amor romántico en relación coas Cantigas e o Amor platónico.
Alumnos e alumnas elaboraron memes en grupos reducidos.
Resultou unha actividade de moito agrado e alta participación do alumnado, xerando ideas moi interesantes.
Que é o amor? Que é o namoramento? Que se sente nese estado? O amor como emoción ou sentimento é diverso, non hai un modelo nin unha forma de expresalo que sexa única; é plural e diverso como o son as persoas e as relacións afectivas que se poden establecer entre elas. Porén, existe un modelo social dominante que impera na nosa cultura e que xera un sistema de mensaxes sobre as características que debe ter o amor verdadeiro. Estamos a referirnos ao modelo de amor romántico.
a) Existe a media laranxa.
b) Se hai amor é para toda a vida.
c) As parellas que funcionan non teñen desacordos, non teñen conflitos.
d) A parella debe ser sempre a prioridade fronte a outras persoas.
e) Nas parella non debe haber segredos.
f) Hai que ter parella, se non tes parella é que tes un problema.
g) A parella ten que saber en cada momento o que precisas.
Esta serie de tópicos e mitos asociados ao amor romántico crean unha serie de expectativas sobre como deben ser as relacións afectivas e tamén un estándar no comportamento da mocidade. É unha idealización do amor que provoca en moitos casos o establecemento de relacións tóxicas, de desigualdade e que inciden directamente na seguridade e autoestima das persoas.
Neste senso, vólvese fundamental dotar a mocidade de ferramentas que axuden a facerlles fronte a estas presións externas, recoñecer que existe diversidade á hora de construír as relacións de parella e que poidan construír as relacións afectivas igualitarias e respectuosas.