A EDUCACIÓN SEXUAL
IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo)
IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo)
No mes de decembro, nas clases de Bioloxía, traballamos coa segunda ficha do Plan Proxecta "A Educación Sexual". Comezamos facendo unha chuvia de ideas sobre o que rapaces e rapazas entenden por "sexo". En cada aula, un/unha alumno/a recolleu no encerado dixital as ideas do grupo, que foi moi participativo. De feito aproveitamos para claraxerar moitas dúbidas que ían xurdindo coa conversa. Unha vez feito o debate, o grupo elaborou unha definición sobre sexo e algúns exemplos foron: "comunicación, confianza e atracción", "proceso polo que se obtén placer"... Dado que o máis común é que rapaces e rapazas relacionen o termo "sexo" coas relacións eróticas, aproveitamos para coñecer e diferenciar distintos termos importantes: sexo, sexuación, sexualidade e erótica. Para rematar a sesión visualizamos distintos vídeos afondando na influencia do entorno na formación da identidade de cada persoa, na condición de intersexualidade...
En cada aula xurdiron conversas diferentes pero moi enriquecedoras así como dúbidas que respondín desde un punto de vista biolóxico.
A sexualidade é unha dimensión humana, un valor indisociable que nos fai persoas únicas e particulares. O proceso de sexuación é o proceso a través do cal nos imos convertendo en mulleres e homes diversos (ou a etiqueta sentida). É un proceso que abrangue toda a vida da persoa e está en constante evolución.
A través da educación dos sexos, imos adquirindo ferramentas para construír os nosos propios conceptos e as respostas aos interrogantes. Constitúenas todas esas mensaxes e información que temos sobre as mulleres e os homes e as relacións que se establecen entre eles e elas.
De todo isto podemos destacar que o obxectivo da educación dos sexos é aprender a coñecerse, a aceptarse e a expresarse de xeito que a nosa vivencia como persoas sexuadas sexa positiva e satisfactoria, por suposto tamén nesa esfera erótica que tanto preocupa.
A sexoloxía axúdanos a enmarcar teoricamente isto co feito sexual humano e as súas tres realidades; a sexuación, a sexualidade a e erótica. Somos protagonistas da nosa sexualidade, sabendo que somos persoas únicas e irrepetibles e que a sexualidade é un valor que vale a pena cultivar.