Este proxecto contribúe, en maior ou menor medida, á acadar os oitos obxectivos principais da materia segundo a LOMLOE e que resumimos a continuación:
OBX1. Comprender a importancia da Arte para fomentar a súa conservación.
Tendo en conta que o pobo xitano leva a lo menos dende o s.XV na Península, é evidente que as súas creacións teñen que obter o oco que lle corresponde na Historia da Arte que explicamos na clase, pois a expresión artística é un elemento clave para entender as distintas culturas e sociedades.
OBX2. Explicar as producións propias, comparándoas coas dos seus iguais e coas do patrimonio cultural para valorar o intercambio intercultural, e así superar estereotipos.
A realización de obras propias baseadas nos artistas xitanos seleccionados, contribúe ao desenvolvemento da creatividade e do alumnado, pero tamén á compresión das dificultades inherentes a todo acto creativo. Deste xeito poden superar prexuízos, especialmente nestes casos de artistas “modernos” moitas veces pouco comprendidos de por si, máis aínda ao pertencer a minorías e promover a aceptación mutua.
OBX3. Analizar diferentes propostas, amosando respecto, para enriquecer a cultura artística individual e alimentar o imaxinario propio.
Este proxecto colabora na configuración dunha linguaxe visual persoal ao achegarse a propostas que doutro xeito quedarían fóra do currículo habitual e das exposicións dos
museos máis comúns, colaborando á hora de crear un conxunto de recursos persoais sen prexuízos, ampliando os propios horizontes e establecendo un xuízo informado e respectuoso coas creacións doutras persoas e especialmente das minorías.
OBX4. Explorar as técnicas, as linguaxes e as intencións de diferentes producións artísticas, analizando, tanto o proceso como o produto final, a súa recepción e contexto, para descubrir as posibilidades que ofrecen como fonte xeradora de ideas e respostas.
As técnicas e as linguaxes existentes son practicamente ilimitadas; neste caso achegámonos á pintura con acrílicos, o lapis, o collage e o gravado sobre linóleo, seguindo as mesmas técnicas que empregaban os artistas que investigamos. Así, o alumnado foi quen de aprender a identificar os medios de produción e percibir esta multiplicidade coma sumamente enriquecedora.
OBX5. Realizar producións artísticas con creatividade, para expresarse e mellorar a capacidade de comunicación e desenvolver a reflexión crítica e a autoconfianza.
Os alumnos fixeron unha produción artística propia, resultado do proceso de basearse nunha obra preexistente e a súa comprensión e adaptación (nuns casos foi unha copia directa e noutros unha versión máis libre) multiplicando as súas posibilidades expresivas.
OBX6. Apropiarse de referencias culturais e artísticas, identificando as súas singularidades, para enriquecer as creacións e desenvolver a identidade persoal.
O coñecemento crítico de distintos referentes artísticos axuda a modelar a propia identidade, polo que, a partir da análise contextualizada das referencias da Arte Xitana, o alumnado é quen de identificar as súas singularidades e facer uso deses modelos nas súas creacións futuras.
OBX7. Aplicar as técnicas, os recursos e as convencións principais das linguaxes artísticas, incorporando de forma creativa as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías.
O alumnado puido experimentar con distintos instrumentos de creación, algúns pouco habituais na actividade cotiá (gravado, radio, collage), facendo especial fincapé nos dixitais, sobre os que debe aprender a facer un uso informado e seguro.
OBX8. Compartir producións artísticas, adaptándoas ás características do público.
O alumnado tivo que comprender a existencia de públicos diversos e xerar manifestacións artísticas seguindo unhas pautas establecidas, identificando e valorando correctamente as intencións previas, pois, neste caso, o produto final tiña que ser axeitado para un público profano e ser válido tanto en exposicións físicas no colexio coma na páxina web.