O proxecto

A documentación audiovisual, textual e fotográfica presentada neste espazo web é unha mostra do traballo realizado por alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Cardinais - Academia Internacional Vertixe Sonora e Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón nunha serie proxectos colaborativos conxuntos desenvolvidos entre 2010 e 2023. Estes proxectos abrangueron 26 ideas artísticas diferentes das que xurdiron 58 intervencións, sendo 34 representacións de espectáculos de música e danza, 9 concertos didácticos de música e danza, 2 accións de música e danza na rúa, 9 concertos de música e 4 exposicións fotográficas.

Partindo de conceptos pedagóxicos comúns, os principais obxectivos destas colaboracións foron xerar sinerxías creativas entre o alumnado das catro institucións educativas e experimentar os beneficios intrínsecos ó propio proceso, promovendo así mesmo un espazo de creación e enriquecemento que fose máis aló do ámbito educativo tradicional.


«Aqueles que se comprometen nunha colaboración auténtica proporcionan a esperanza e a dirección para un cambio de paradigma no que se valorarán as diferencias negociadas mutuamente, resultando nunha oportunidade creativa para explorar a nosa realidade humana compartida».

Elizabeth G. Peck e Joanna S. Mink, eds. 

Common Ground: Feminist Collaboration in the Academy (1998)


Froito deste plantexamento e coa axuda de diferentes organismos, estes proxectos foron presentados en distintos escenarios de Lugo como o Auditorio Municipal Gustavo Freire e o MIHL e doutras cidades da nosa comunidade como o Auditorio de Galicia, Teatro Principal de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Conservatorio Superior de Música de Vigo, por citar algúns.

Diego Ventoso Fernández